Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O BNG de Ames di que o "erro" do alcalde de afastar da EPEL o delegado de persoal custaralle ao Concello 15.000 €

Os feitos ocorreron no 2024, cando o rexedor e presidente do Consello de Administración da entidade lle pediu ao delegado de persoal que convocase unha reunión para escoller por votación ás persoas que ían representar aos traballadores da EPEL

Representantes do grupo municipal do BNG de Ames.

Representantes do grupo municipal do BNG de Ames. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Ames

No pleno de setembro de 2025, o concelleiro do BNG de Ames Alexandre Espinosa preguntáballe ao alcalde, Blas García, se ía persistir "no seu erro de non convocar a persoa que realmente é delegada de persoal e que provocou a condena". O rexedor contestáballe que a sentenza estaba recorrida e que el actuaba legalmente.

"A ratificación da condena por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia pon de manifesto a mala práctica do alcalde, que lle vai custar ao Concello 15.000 euros", din os nacionalistas.

Os feitos remóntase ao ano 2024, cando o alcalde, como presidente do Consello de Administración da Entidade Pública Empresarial Augas de Ames (EPEL) lle encomendou ao delegado de persoal que convocase unha reunión para que as persoas traballadoras da mesma elixiran en votación quen as ía representar no Consello.

"Segundo os estatutos da EPEL, este nomeamento debe recaer sobre o delegado ou a delegada de persoal elixido nas eleccións sindicais, polo que non cabía a posibilidade de escoller outro traballador ou traballadora, ao estar vixente o mandato do delegado da CIG", indican dende o BNG.

"Aínda así, unhas semanas despois realizouse unha votación que non cumpría co marco lexislativo correspondente”, engaden, sendo elixida para o Consello de Administración "unha persoa distinta ao delegado de persoal".

Por estes feitos a CIG presentou denuncia na Inspección de Traballo por presunta vulneración do dereito á liberdade sindical e posteriormente unha demanda de tutela de dereitos fundamentais, ao non atenderse as súas reclamacións.

"O Xulgado deulle á razón á CIG, deixando en evidencia que o alcalde, na súa calidade de presidente do Consello de Administración da EPEL, manobrou para apartar o delegado da CIG e substituílo por unha persoa máis afín aos seus intereses, que, entre outros, era o nomeamento da exconcelleira de Podemos, Genma Otero Uhía, como xerente da entidade", sinala a formación.

Toda a oposición votara en contra

Este nomeamento aprobouse finalmente en xuño de 2024 co voto de calidade do alcalde; todos os partidos da oposición (BNG, Espazo Común e Partido Popular) votaron en contra.

Naquel momento o BNG de Ames xa criticou o procedemento por "falta de transparencia, documentación e información sobre os méritos recoñecidos á candidata proposta", e votou en contra de todas as actas das sesións "que estaban irregularmente convocadas, como confirma a sentenza por vulneración de dereitos", mentres que o resto da oposición votou xuntamente co PSOE.

"Malia a contundente sentenza do Social, Blas García insistiu neste tipo de práctica antisindical e está pendente de sentenza outra demanda presentada pola CIG por vulneración da liberdade sindical do actual delegado de persoal", advirten dende o Bloque.

Tracking Pixel Contents