Catro mozos de Ames gañan a ritmo de rock o concurso Quero Cantar na categoría infantil
O grupo Tentáculo Rock, que Carlos, Leo, Lois e Martiño crearon na unitaria de Ortoño, venceu co tema Vou a cento vinte
A formación O mar dos sentimentos, do CEIP de Caión, fíxose co segundo posto na mesma modalidade con Nada pode pararme

Carlos Nieto, Leo Figueiras, Lois García e Martiño Ramos, integrantes de Tentáculo Rock, recibindo o aplauso do público. / Cedida
Os grupos Tentáculo Rock, de Ames, e Noxem, de Vigo, son os gañadores das categorías infantil e xuvenil, respectivamente, do noveno concurso Quero Cantar 2026, promovido pola Deputación coruñesa.
O Teatro Colón da Coruña acolleu este domingo un espectáculo repleto de talento musical, infantil e xuvenil que pide espazo nos escenarios. Os asistentes á gala dos Premios Quero Cantar 2026 gozaron dun excelente abano de creativas e orixinais propostas, atrás das cales están pequenos grandes artistas que, a bo seguro, veremos en poucos anos como algúns futuros rostros da música galega.
Foi á vez unha oportunidade para ver a capacidade de nenas e nenos de ata 12 anos, na categoría infantil, e de mozas e mozos de entre 13 e 16 anos na categoría xuvenil, para crear música no noso idioma e contribuír á promoción e difusión da lingua galega.
Con gran profesionalidade malia as idades temperás, os seis grupos finalistas defenderon as súas propostas enriba das táboas, mais só dúas podían ocupar o lugar máis alto do podio en cadansúa categoría. O xurado, como en cada edición, estivo integrado por nenos e nenas e por mozos e mozas con formación musical e do mesmo abano de idade que as bandas e solistas seleccionadas para a final.
O grupo Tentáculo Rock gañou coa canción Vou a cento vinte. Foi en 2017 e na escola unitaria A Igrexa de Ortoño (Ames) cando se coñeceron tres dos catro integrantes do grupo: Carlos Nieto (voz, batería e piano), Leo Figueiras (guitarra) e Lois García (baixo).
Como TríoR explotaron as súas temperás inquedanzas artísticas sorprendendo o público en canta celebración escolar puideron participar. En 2025 o proxecto transfórmase coa entrada na banda de Martiño Ramos (voz e batería), virando a Tentáculo Rock.
No medio da súa formación en diversas disciplinas, atopan tempo para, cada xoves pola tarde, ensaiar e idear novas composicións orixinais.
O seu premio en Quero Cantar consiste na gravación da maqueta en estudio profesional e dun videoclip do tema gañador, así como en material musical (instrumentos, equipamento...) e/ou produtos culturais en galego (libros, discos, cine, xogos..) por valor de 1.500 €.
O segundo clasificado na categoría infantil foi o grupo O mar dos sentimentos (do CEIP de Caión, na Laracha), coa peza Nada pode pararme.
Co alento do músico e docente Jose Carballido, esta escola demostrou ser unha vizosa canteira para o certame e ata case medio cento de nenos e nenas participaron no casting previo do colexio para integrar o grupo, que finalmente conta con once integrantes.
A canción compúxose especialmente para o proxecto de educación emocional que desenvolve o centro educativo e na súa mensaxe, “quere animar o alumnado a reflexionar sobre as emocións, a confianza nun mesmo e a importancia de non renderse ante as dificultades”.
O terceiro clasificado foi Libres, do CEIP Plurilingüe Irmáns Villar, de Ourense, coa peza Quero brillar coma ti.
Esta formación xa conseguira acceder á final na edición anterior. É un grupo formado por alumnos de 6º de Primaria que se xuntan na aula de Música do profesor Anxo Fernández. No seu tema, a lingua galega convértese “nunha persoa á que botas de menos, como alguén importante que non ves tanto como che gustaría”, sinalan.
A través desta idea, o grupo quere transmitir cariño, alegría e tamén un pequeno toque de esperanza: a de volver atoparse, coidar e facer brillar o noso idioma.
Na modalidade xuvenil foi gañadora a peza Espertar, do grupo vigués Noxem. Daquela co nome de Wildfire, foron xa finalistas na edición anterior. O grupo está formado por catro rapazas de 15 e 16 anos: Uxía García á voz, Nora Lora á guitarra, Uxía Romero na batería e Maya Sáez no teclado.
O grupo formouse no IES Alexandre Boveda, no que cursan 4º da ESO. O seu estilo é rock, máis con trazos propios que tocan paus do metal, pop, punk ou grunge. Con esta canción queren reflectir o sentimento de non atoparse ben con elas mesmas por algo ou alguén que non deixa “espertar” e ser un mesmo completamente. Tamén tratan temas como a vergoña propia, o arrepentimento ou a dor de non ser suficientes para alguén que non as aprecia.

As integrantes do grupo vigués Noxem. / Cedida
O seu premio consiste na gravación da maqueta en estudio profesional, a participación nun programa formativo, a gravación dun videoclip, ben da canción presentada ao concurso, ben da creada no programa formativo, e material musical (instrumentos, equipamento...) e/ou produtos culturais en galego (libros, discos, cine, xogos..) por valor de 1.500 €.
O segundo clasificado na categoría xuvenil foi Tha Filez, de Santiago de Compostela, coa peza Rebelión. Comezaron tocando versións de clásicos e agora afondan na composición propia. Cualifican a peza proposta como grunge rock reinvindicativo “no que mostramos un anaco da actualidade que nos está tocando vivir”.
“Falamos sobre o odio que moita xente usa constantemente como resposta a todo, sobre a falta de coñecemento histórico e xeral, sobre a aprobación dos medios cara a reximes xenocidas e xenófobos que están completamente en contra dos dereitos humanos. Nela, reclamamos un mundo con igualdade de condicións e dereitos, sexas migrante, muller, home, gai, musulmán, católico ou o que queira que sexas”, explican.
E o terceiro gañador foi Son da Lúa, de Cangas do Morrazo, coa peza O meu mozo virtual. O grupo nace en 2025, no contexto do conservatorio de Cangas do Morrazo, da man dun grupo de alumnos de 3º de Profesional: Paula Costa, Hugo Rial, Laura Alfonso e Martín Jaramillo.
Como este último xa participara anteriormente no certame, xorde a idea de compoñer unha peza para esta edición. Ao longo do curso van pulindo o tema, e no segundo trimestre afondan na parte máis instrumental, sempre en equipo e en estreita colaboración.
Os premios para os segundos clasificados en ambas as categorías consisten na gravación da maqueta en estudo profesional, material musical (instrumentos, equipamento...) e/ou produtos culturais en galego (libros, discos, cine, xogos..) por valor de 1.000 €, e para os terceiros, na gravación da maqueta en estudo profesional, material musical (instrumentos, equipamento...) e/ou produtos culturais en galego (libros, discos, cine, xogos..) por valor de 500 €.

Gañadores das dúas categorías do certame. / Cedida
O programa formativo Quero Cantar 2026 fai parte do premio que se outorga á proposta vencedora na categoría xuvenil da mesma edición do concurso e consta dos seguintes apartados: titorización creativa durante catro semanas, por parte dun ou dunha artista de recoñecida traxectoria na música galega, para o desenvolvemento dunha canción; residencia (o período previo de formación e desenvolvemento da canción culminará con tres días de convivencia nun espazo determinado pola Deputación entre a persoa ou persoas que compoñan a proposta seleccionada e a persoa encargada da titorización, con asistencia a un estudo profesional para a gravación do tema); o obradoiro Kit de supervivencia para iniciarse no mundo da música (formación práctica de 6 horas de duración enfocada a aspectos básicos para o inicio dunha carreira no mundo da música, como son a creación da identidade de grupo, maquetación, distribución e dereitos e aspectos a ter en conta de cara á procura dos primeiros concursos).
A responsable da área de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González Rodríguez, pediu un aplauso especial para as familias e para as mestras e mestres de Música, por acompañar a paixón do alumnado na expresión do seu talento musical.
González subliñou o compromiso da institución cun concurso infantil e xuvenil que acada xa a súa novena edición e salientou o valor dun certame nacido co obxectivo de promocionar e difundir o uso da lingua galega e a creatividade poética e musical.
Asimesmo, prognosticou tamén unha magnífica próxima edición dun concurso que, xa consolidado, celebrará en 2027 o seu décimo aniversario, e convidou o público a acudir á Gala da Cultura que se celebrará a próxima semana.
- La propuesta que vuelve a poner en el foco la visita del Papa a Santiago: León XIV deja en el aire su presencia en 2027
- El Último de la Fila hizo historia en Santiago con una de las citas musicales más esperadas del año
- Crónica social compostelana | Reunión de cuatro generaciones de la familia Rúa
- Lalín ultima la Festa do Corpiño que traerá devoción y verbena el día 23 y 24
- Luis Zahera cierra por todo lo alto las fiestas de Fontiñas: 'Seguide sendo ben de barrio, que eso non se perda
- El pueblo gallego que esconde cinco playas paradisiacas: arena blanca, aguas turquesa y un paseo a 50 metros de altitud
- Miguel Ángel Arca recibe un homenaje tras casi 30 años como bombero en Santiago
- Continúa activo el incendio forestal en Padrón que ya ha calcinado 80 hectáreas