Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Chega a Ames a fotógrafa e artista Angélica Dass co seu proxecto 'Museo Migrante Migrante en Movemento'

O obxectivo é crear un museo vivo con historias migratorias que se irán recollendo nunha web en base a relatos, obxectos e retratos

Angélica Dass, ao fondo, no centro, no obradoiro impartido en Bertamiráns.

Angélica Dass, ao fondo, no centro, no obradoiro impartido en Bertamiráns. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Redacción

Ames

O Concello de Ames, a través da concellería de Benestar Social e Voluntariado, colabora con Cidalia no impulso do proxecto Museo Migrante Migrante en Movemento, unha iniciativa creada e dirixida pola artista visual Angélica Dass, que entende a migración como unha condición inherente á experiencia humana.

MMM recolle historias de movemento a través de obxectos, retratos e relatos. A migración enténdese como unha parte esencial da experiencia humana. Angélica Dass está en Ames ao longo desta semana impartindo obradoiros de memoria e fotografía nos IES de Ames, en Bertamiráns, e no IES do Milladoiro.

O Concello de Ames e 7H Cooperativa Cultural volven colaborar, deste volta cunha financiada pola Dirección General de Patrimonio Cultural y Bellas Artes.

O proxecto convida á cidadanía a participar a través de distintas sesións fotográficas. Nelas, Angélica Dass busca xerar imaxes e recompilar relatos que nutrirán o arquivo dixital común. O MMM xa comezou a súa andaina en Madrid e Murcia e chegará a 10 comunidades, sendo Galicia a seguinte parada. Finalizará a súa viaxe o 18 de decembro, Día Internacional da Persoa Migrante, en La Laguna (Tenerife).

Pola esquerda, Leonardo Pena, Angélica Dass, Uxía García e Clara Rodríguez.

Pola esquerda, Leonardo Pena, Angélica Dass, Uxía García e Clara Rodríguez. / Cedida

Este museo busca conectar as migracións de todos os tempos a través da creación dun espazo onde as traxectorias das persoas poidan recoñecerse e dialogar desde a dignidade. Para iso resalta a migración como un carácter da humanidade que conforma historias de vida, tanto persoais como familiares, tanto individuais como colectivas. Este lugar, situado nun contedor-museo, expandirase a través dunha web que funcionará como un arquivo dixital.

Angélica Dass inaugurou a súa presenza en Galicia este luns 13 de abril en Ames, onde ofreceu un rolda de prensa na casa consistorial. De seguido, impartiu un obradoiro de memoria e fotografía no IES de Ames (Bertamiráns) para o alumnado de 1º da ESO. Pola tarde celebrouse a sesión fotográfica na casa da cultura de Bertamiráns. Para participar na sesión de fotos para o Museo Migrante Migrante hai que inscribirse previamente.

O xoves 16 de abril volverá de novo, nesta ocasión ao IES de Milladoiro, onde estará ao longo de toda a mañá co alumnado deste centro educativo, ampliando así os talleres que traerá ao concello.

Ao día seguinte, o venres 17 de abril pola tarde, trasladará o estudio fotográfico á casa da cultura do Milladoiro. Para participar nesta sesión de fotos para o Museo Migrante Migrante tamén é necesario inscribirse previamente.

A continuación, o venres 17 ás 18.30 horas, terá lugar a conferencia A historia viva de Ames. Museo das inMigrantes, na casa da cultura do Milladoiro, na que se conversará ao redor deste proxecto de Angélica Dass, 7H Cooperativa Cultural e a comunidade migrante de Ames. Intervirán Angelica Dass e Clara R. Cordeiro, participantes do proxecto, e Leonardo Pena, técnico do Concello de Ames. A conferencia é aberta ata completar o aforo dispoñible.

Durante as actividades entregaranse exemplares do xornal A historia viva de Ames. Museo das InMigrantes, elaborado en 2020.

Presentación do proxecto

A concelleira de Benestar Social e Voluntariado, Uxía García, explicou que “trátase dun proxecto que vai recoller historias de migración de veciños e veciñas que queiran participar con nós neste Museo Migrante Migrante. É un proxecto que imos levar a cabo con Angélica Dass, que xa estivo en Ames no ano 2020 realizando outro proxecto como foi A historia viva de Ames. Museo das InMigrantes, unha publicación realizada colectivamente baixo a dirección de Angélica, a coordinación de 7H Cooperativa Cultural e a participación de once veciñas e veciños do municipio con raíces en Brasil, Colombia, Cuba e Venezuela”.

A fotógrafa e artista, Angélica Dass, destacou “a idea do Museo Migrante Migrante é crear un museo que sexa vivo coas nosas historias migratorias, partindo das definicións da RAE sobre a palabra emigrar que fala de persoas que proceden do exterior, de persoas que cambian de territorio en busca dunha mellor vida dentro do mesmo territorio, e a terceira definición, que é a que máis me gusta, fala de animais e plantas que se moven no territorio".

"Este é o eixo do que intento facer neste proxecto; recordar que somos un animal máis neste planeta, e que todos temos nas nosas historias familiares algún movemento polo territorio. A través dunha web imos recollendo estas historias de movemento que son parte da nosa historia colectiva. Esta semana en Ames vou estar recollendo relatos, obxectos e retratos que falen destes movementos”, sinalou.

Por outra banda, Angélica Dass, dixo que este Museo Migrante Migrante vai a viaxar por dez comunidades autónomas. "A partir de maio imos a entrar nunha segunda fase na que poñemos un contedor de barco, que é o lugar onde se van a recoller esas historias. Este contedor vai estar en moitos lugares como Bilbao e Santander e pecharase o percorrido en La Laguna, en Tenerife, coincidindo co día da persoa migrante o 18 de decembro”.

Tamén destacou o traballo realizado no proxecto A historia viva de Ames. Museo das InMigrantes. “Foi un proxecto que fixemos pensando na historia migratoria que había aquí. Teño a ilusión de cando rematemos este proxecto poidamos traer a Ames o contedor para poder mostrar todo o traballo feito, xa que para min sería como o peche do ciclo”, explicou.

Clara Rodríguez Cordeiro, de 7H Cooperativa Cultural, mostrouse satisfeita por “poder ter a Angélica aquí unha vez máis e poder iniciar o Museo Migrante Migrante en Galicia con esta parada en Ames, porque como quedou patente en 2020, Ames é un concello moi especial que pode presumir de ter moita riqueza e diversidade cultural”.

Leonardo Pena destacou que “desde o ano 2020 temos un traballo feito sobre a historia viva de Ames que imos aproveitar agora para dar a coñecer”. Ademais destacou “a gran acollida que tivo este proxecto por parte dos centros educativos. Dende o primeiro momento dixeron que esta iniciativa lles parecía moi interesante e que querían participar. Tamén nos puxemos en contacto coas persoas que participaron en 2020 no proxecto sobre a historia viva de Ames, e moitas delas confirmaron que van participar neste novo proxecto porque están con moita ilusión”.

A historia viva de Ames. Museo das InMigrantes

En 2020 o Concello de Ames, 7H Cooperativa Cultural e a artista Angélica Dass xa colaboraron para realizar o proxecto A historia viva de Ames. Museo das InMigrantes, unha publicación realizada colectivamente, que contou coa participación de once veciñas e veciños do municipio con raíces en Brasil, Colombia, Cuba e Venezuela. Esta publicación foi editada polo Concello de Ames en colaboración coa Deputación de A Coruña e 7H Cooperativa Cultural.

O xornal contou cunha edición de máis de 2.500 exemplares, a través do cal se representan as múltiples identidades que constrúen a idiosincrasia de Ames mediante un relato visual construído, como se dunha exposición impresa se tratase, a partir de diferentes imaxes de obxectos, paisaxes, documentos e personaxes.

Nelas plásmanse as historias de vida e experiencias cotiás que as persoas implicadas no proxecto compartiron ao longo de diferentes sesións virtuais, celebradas entre novembro e decembro de 2020, coa creadora Angélica Dass, quen deseñou a proposta creativa co obxectivo de reivindicar a riqueza da diferenza e combater a xenofobia.

O resultado son 64 páxinas que convidan a reflexionar sobre os estereotipos arredor do propio e o alleo. Diferentes lembranzas gardadas en arquivos persoais e álbums familiares dialogan coa vida cotiá das persoas participantes, a través de palabras e de instantáneas realizadas por elas mesmas e polo equipo de 7H Cooperativa Cultural, amosando experiencias e saberes compartidos.

Tracking Pixel Contents