Mostra bibliográfica xuvenil, obradoiros e contacontos polo Mes do Libro en Padrón
As actividades, que serán para todos os públicos, terán lugar o 14, 23 e 29 de abril na Biblioteca Municipal

Conxunto de libros expostos nunha mostra. / Cedida
En pleno abril, o Concello de Padrón celebra o Mes do Libro impulsando unha programación cultural pensada para achegar a lectura á veciñanza de todas as idades, con especial atención ao público infantil, familiar e xuvenil. As actividades desenvolveranse na Biblioteca Municipal e inclúen propostas participativas e de animación lectora que buscan converter este espazo nun punto de encontro arredor dos libros.
A programación comeza este martes 14 de abril coa apertura dunha mostra bibliográfica xuvenil, que reúne unha coidada selección de títulos dirixidos á mocidade, con lecturas que buscan atrapar desde a primeira páxina e convidar a reflexionar, medrar e imaxinar. Como complemento, durante este período tamén se fará entrega dun marcapáxinas de agasallo, como acción de promoción do libro e da lectura.
O xoves 23 de abril, ás 17.30 horas, coincidindo co Día do Libro, terá lugar un obradoiro de decoración de bolsas portalibros, dirixido ao público xeral e familiar. As persoas participantes poderán personalizar bolsas e mochilas de diferentes cores e tamaños para transportar os seus libros, empregando materiais como retallos, feltros, cintas ou apliques. A actividade, impartida por O faiado de Nin, terá unha duración aproximada de 90 minutos.
A programación completarase o mércores 29 de abril, ás 17.30 horas, cun contacontos para nenos e nenas de 4 a 12 anos. A través de Os contos da leiteira, a compañía OQO ofrecerá unha sesión de narración oral de 50 minutos que combina historias protagonizadas por mulleres diversas con relatos simbólicos interpretados por animais, promovendo valores como a igualdade e a diversidade.
As persoas interesadas en participar poden realizar a súa inscrición na Biblioteca Municipal de Padrón, a través dos teléfonos 981 810 761 e 645 846 479, ou no correo electrónico biblioteca@padron.gal.
- Llegan las fiestas 'más picheleiras': este es el programa completo de la Ascensión 2026
- Ni un solo ladrillo: así es la espectacular Casa Caracola a una hora de Santiago que desafía la arquitectura
- Santiago arrasa en los Premios 'Próximos' de Arquitectura: estas son todas las obras distinguidas
- Treinta camiones al día, 63.500 t de residuos y 50.947 m3 de aguas industriales: los peros a la planta de biogás de A Laracha, en cifras
- La construcción del Ensanche Norte para 3.609 viviendas obliga a expropiar 90.000 metros cuadrados de fincas en la otra punta de Santiago
- Héctor Galán y la plantilla ACB del Obradoiro: “Quintela, Barcello y Barrueta tienen contrato para el año”
- Los libros más difíciles de encontrar toman la Alameda de Santiago
- Entramos en uno de los pisos okupados de Bertamiráns