Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O Festival de Cine Galego O Tremo proxectará en Brión os filmes 'Antes de nós', 'Rondallas', 'San Simón' e 'Leo&Lou'

O evento terá lugar os días venres 24 e sábado 25 de abril

Contarase coa presenza dos directores Miguel Ángel Delgado e Carlos Solano, así como dos actores e actrices Marta Larralde, Flako Estévez, Tatán e Julia Sulleiro

Xacobe Sineiro, Pablo Lago, Ramón Cordido e Alberto Álvarez na presentación do Festival O Tremo.

Xacobe Sineiro, Pablo Lago, Ramón Cordido e Alberto Álvarez na presentación do Festival O Tremo. / Cedida

Brión

O auditorio do centro social polivalente de Brión acollerá, o venres 24 e o sábado 25 abril, a cuarta edición do Festival de Cine Galego O Tremo, un evento organizado polo Concello de Brión e Aldea Producións que fará posible a proxección pública de catro das películas máis salientables feitas en Galicia neste últimos meses. A iniciativa foi presentada este martes polo alcalde, Pablo Lago, e os responsables de Aldea Producións, Ramón Cordido e Xacobe Sineiro, quen estiveron acompañados polo técnico municipal de Cultura, Alberto Álvarez.

As películas escollidas para esta edición son Antes de nós, Rondallas, San Simón e Leo&Lou, que estarán acompañadas da presenza de actores e actrices das mesmas. “Como un festival non deixa de ser unha festa, gozaremos tamén de música en directo e tapeo a fartar”, sinalou Ramón Cordido. Un punto no que coincide Pablo Lago, quen destaca “a boa acollida que ten este festival, que serve para poñer en valor o presente do audiovisual galego e achegalo de forma gratuíta aos veciños e veciñas de Brión, tanto a través da proxección das películas como de coñecer aos seus directores e actores”.

Coma o ano pasado, nesta edición haberá unha sesión matinal especial unicamente para o alumnado do IES de Brión, para quen se proxectará Antes de nós, filme que arrasou nos Premios Mestre Mateo ao acadar 13 galardóns, récord histórico. O seu guionista, Pepe Coira (autor tamén das célebres series Rapa e Hierro) será o encargado de presentar esta cita que conta a historia de Castelao antes da Xeración Nós, contestando ás preguntas que fagan os alumnos e alumnas brioneses. Será durante a mañá do venres 24 de abril.

Proxeccións abertas ao público

Ese mesmo venres 24, ás 21:00 horas, tomará o relevo Rondallas, coa actriz galega Marta Larralde. Antes da proxección, haberá un photocall polo que se se pasará unha Rondalla en directo composta por membros das asociacións de Bugallido, Ortoño e Viduido. Tras o filme, tapeo e concerto do grupo Os Piñeiros.

O sábado 25 de abril, ás 18:00 horas, proxectarase San Simón, que pon en imaxes emotivas o tempo no que a illa da Ría de Vigo foi convertida en campo de concentración do réxime franquista. O seu director, Miguel Ángel Delgado, e os actores principais, Flako Estévez e Eduardo Rodríguez Cunha 'Tatán', estarán presentes no centro social polivalente brionés para falar dos pormenores da súa rodaxe e daqueles tráxicos tempos da historia galega.

Finalmente, ese mesmo sábado ás 21:00 horas terá lugar a proxección do filme para todos os públicos Leo&Lou. Un entrañable conto visual dunha nena que non fala e dun home que non sabe escoitar rodada en fermosas localizacións da costa que vai de Ferrol a Cedeira. En Brión estarán presentes tanto a actriz que dá vida a esa nena, Julia Sulleiro, como ao director Carlos Solano. E, ao rematar o coloquio con eles, novo tapeo e a actuación de Adrián Costa, un dos máis reputados bluesmen de Europa quen se achega dende o barrio das Fontiñas (Santiago) para pechar por todo o alto O Tremo 2026.

Os tres pases públicos serán de entrada gratuíta, se ben para asistir será necesario realizar reserva previa a través da billeteira do Concello de Brión ou na propia sala de proxeccións, se quedaran butacas libres. Dende Aldea Produccións, organizadora do festival, salientan que “todo é de balde grazas á colaboración do Concello de Brión e das empresas Espina & Delfín, Hotel Balneario Compostela e Global Develop Event Service”.

Tracking Pixel Contents