Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

SERVIZOS

Confirmada a base permanente de Vixilancia Aduaneira en Cee e a continuidade da de Muros

Satisfacción unánime de todos os grupos políticos ante o anuncio do Goberno

Portos habilitará pantaláns no peirao de Brens para acoller as novas embarcacións.

Portos habilitará pantaláns no peirao de Brens para acoller as novas embarcacións. / Cedida

Cee

A confirmación da creación dunha base permanente do Servizo de Vixilancia Aduaneira en Cee foi acollida con satisfacción por todos os grupos políticos.

Dende o PP, a deputada camariñana, Paula Mouzo, amosou a súa satisfacción "pola rectificación do Goberno de España ao decidir manter a base de Vixilancia Aduaneira de Muros, compatibilizándoa coa posta en marcha dunha nova en Cee, unha decisión que responde a unha demanda que o propio PP liderou nas distintas institucións".

Unidade, firmeza e compromiso

Asegura que esta rectificación evidencia que "cando hai unidade, firmeza e compromiso na defensa dos intereses de Galicia, conséguense resultados". Así mesmo, considera que esta decisión "supón un paso positivo para reforzar a seguridade marítima e a loita contra o narcotrafico na costa galega".

O deputado do BNG Oscar Insua, manifestou tamén que "estamos moi satisfeitos co conseguido. Non foi sen tempo, pero a espera pagou a pena. Por fin, o Goberno do Estado cumpre cunha demanda histórica da nosa comarca". Lembrou que foi o seu grupo quen presentou nesta lexislatura as primeiras iniciativas no Parlamento, ademais de canalizar a demanda no Congreso en Madrid.

Feitos fronte a promesas

Pola súa banda, o coordinador comarcal do PSdeG-PSOE Costa Atlántica, Jorge Domínguez, cualifica o anuncio do Goberno como "unha demostración clara de que existe un Executivo comprometido con Galicia e coa Costa da Morte, que cumpre con feitos fronte a anos de promesas baleiras".

Subliñou o papel do municipalismo socialista no impulso do proxecto e o labor da alcaldesa de Cee, Margot Lamela, sinalando que "foi clave para que este proxecto saíse adiante e comece a dar resultados".

Colaboración de Portos e Axencia Tributaria

Por outra banda, o presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, mantivo unha reunión co delegado especial da Axencia Tributaria (AEAT) en Galicia, Miguel Cárcaba para abordar a solicitude da administración estatal relativa ao funcionamento de bases de vixilancia aduaneira nos portos de Muros e Brens-Cee.

No encontro, o delegado especial da Axencia Tributaria ratificou a vontade de manter a actividade na base que actualmente utiliza o Servizo de Vixilancia Aduaneira no porto de Muros. Así mesmo crearase unha nova no porto de Brens (Cee) co obxectivo de reforzar os medios materiais do servizo en Galicia.

O presidente de Portos afirmou que o ente público tramitará os permisos necesarios para facilitar a continuidade da base activa en Muros e a creación da de Brens para novas embarcacións. A nova base de Brens, incluirá tamén un novo pantalán para embarcacións que darán servizo tanto en alta mar como nas rías.

Tracking Pixel Contents