SELECCIÓN
O centro social de Goiáns, de Carballo, finalista dos Premios Nacionais de Arquitectura
Abrirá as súas portas o 2 de maio cunha gran festa para toda a veciñanza

O alcalde, sétimo esquerda, concelleiros e veciños no centro social de Goiáns. / C. C.
O novo centro social da parroquia de Goiáns, situado en Xoane (Carballo), será inaugurado cunha gran festa do sábado 2 de maio. A celebración será dobre, porque, ademais de abrir as portas a un edificio que vai dinamizar a vida social da parroquia, o inmoble é finalista dos prestixiosos Premios Nacionais de Arquitectura.
É unha das 13 obras galegas seleccionadas (de entre máis de 500 propostas de todo o Estado) para competir na fase final dos Premios de Arquitectura do Consello Superior dos Colexios de Arquitectos de España (CSCAE).
O fallo coñecerase o 9 de xuño en Madrid, "polo que a inauguración do 2 de maio será tamén un xeito de darlle o último impulso moral", subliñan dende o goberno local.
Un espazo para fortalecer a vida social no rural
O inmoble, obra do arquitecto Miguel Fernández-Galiano co título A comunidade como icona, destaca, na opinión do xurado, "pola súa capacidade para reinterpretar a arquitectura vernácula galega e convertela nun espazo de encontro inclusivo, flexible e de vangarda, pensado para fortalecer a vida social no rural".
O Concello convida a toda a cidadanía a achegarse o día 2 de maio a Xoane para coñecer de primeira man as instalacións e participar dunha festa que "marca un antes e un despois na vida social e cultural desta comunidade", afirman.
A presentación do cartel tivo lugar este mércores no propio centro social, nun acto que contou coa presenza do alcalde de Carballo, Daniel Pérez; o concelleiro de Participación Veciñal, Ramón Varela, e a concelleira de Bibliotecas, Arquivos e Normalización Lingüística, Ángeles Pacoret.
Referente arquitectónico
Todos eles destacaron a importancia de que a parroquia conte cun espazo de encontro "que xa é un referente arquitectónico antes de ser inaugurado oficialmente, e que se vai sumar á gran rede de centros sociais que temos repartidos pola práctica totalidade das parroquias".
A xornada inaugural terá un marcado carácter lúdico e de convivencia. Arrancará ás 13.00 horas cunha sesión vermú, con música disco para animar a todos os asistentes.
A celebración continuará pola tarde cunha das actuacións máis agardadas, a cargo de Rocío Pérez, quen porá o broche de ouro musical a un día histórico para a parroquia.
Para amenizar a tarde tamén para os máis pequenos da parroquia, de 16.00 a 20.00 horas haberá actividades infantís con monitorado.
- La orquesta que quiere devolver a las verbenas las canciones que marcaron a toda una generación
- Las fiestas de a Nosa Señora da Mercé de Conxo vuelven con música, pulpo y un emotivo homenaje a Kiko Fernández
- Christian Gálvez vuelve a Galicia: «Elegí Jacob para el ‘prota’ del libro que abre la saga como homenaje a Santiago»
- Compostela perde un dos seus activistas culturais: morre aos 52 anos Gonzalo Suárez Castro, da Unitaria
- La infracción de tráfico más repetida en Santiago deja más de 600 denuncias en solo un año
- El primer parking subterráneo público de Ames, de pago, listo en O Milladoiro
- El delegado del Gobierno sobre la transferencia de la AP-9 a Galicia: 'Creo que seremos capaces de llegar a un acuerdo
- «É unha máis da familia»: el quinto verano de Mariam en Ames