Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Zona saturada de cacas: escolares de Carballo exercen o activismo fronte aos excrementos caninos

Os cativos do CEIP Plurilingüe A Cristina protagonizan unha campaña de sensibilización

O alcalde, Daniel Pérez, sostén unha pancarta entre os escolares que protagonizan a campaña.

O alcalde, Daniel Pérez, sostén unha pancarta entre os escolares que protagonizan a campaña. / Cedida

Carballo

Nunha xornada marcada pola creatividade e o compromiso cívico, o alumnado do CEIP Plurilingüe A Cristina, de Carballo, levou a voz cantante na presentación dunha nova campaña coa que o Concello quere sensibilizar a veciñanza sobre a limpeza dos excrementos caninos.

Non é a primeira vez que, en colaboración con Aspaber UTE, que se encarga do servizo de limpeza viaria, se promove na vila unha iniciativa enfocada á responsabilidade das persoas propietarias das mascotas, porque, como dixo José Varela Costa, o traballador do servizo que protagoniza o primeiro dunha serie de vídeos que se irán difundindo nos próximos meses, “a culpa non é do can”. 

Nesta ocasión recupérase o reparto de dispensadores de bolsas con forma de óso, que tan boa acollida veñen tendo desde o ano 2019, e que nesta ocasión chegan acompañados dun folleto informativo que fai referencia non só á obriga de recoller os excrementos das mascotas, senón tamén de pasealas con colar e correa ou de que estean identificadas con microchip.

O folleto, que incide tamén na adopción dos cans e gatos acollidos polo Concello, e que son 24 neste momento, será distribuído polo persoal da limpeza viaria xunto con dito material.

Nestes últimos sete anos desenvolvéronse diferentes campañas e iniciativas relacionadas coa protección animal e o civismo. A instalación de papeleiras con dispensadores de bolsas nas zonas máis frecuentadas polas persoas que teñen cans, campañas de adopción en redes sociais e expositores publicitarios, o vídeo teatral Non máis minas pola rúa... e, máis recentemente, a instalación de sinais que alertan das seis principais zonas de concentración de excrementos, son algunhas das iniciativas.

Alumnado do CEIP Plurilingüe A Cristina, de Carballo, coas pancartas nas que reivindican o seu dereito a xogar en espazos públicos limpos.

Alumnado do CEIP Plurilingüe A Cristina, de Carballo, coas pancartas nas que reivindican o seu dereito a xogar en espazos públicos limpos. / Cedida

A proba de que este tipo de iniciativas dan resultado é que as 16 zonas con maior presenza de excrementos que existían hai cinco anos quedaron reducidas a seis, e nestas últimas tamén se notou unha melloría desde a instalación dos sinais. Así o corroboraron tanto o persoal do servizo de limpeza como o profesorado do CEIP A Cristina, xunto ao que se instalou a primeira.

O alumnado do centro sumouse á presentación da campaña. Despois dunha breve explicación por parte do concelleiro de Medio Ambiente e Servizos, Miguel Vales, e de que dous traballadores do servizo de limpeza relatasen o difícil que resulta recoller residuos como as cabichas, sobre todo, e os excrementos, a rapazada fixo toda unha declaración de intencións e comprometeuse a exercer de embaixadora da causa.

Leron un manifesto no que destacaron a importancia de coidar o espazo común, corearon lemas como Coidar o verde, recolle o que teu can perde ou Paseo co can, bolsa na man, repartiron chapas con mensaxes semellantes e saíron a reivindicar con pancartas o seu dereito a xogar en parques e beirarrúas libres de sucidade.

O alcalde, Daniel Pérez, animou os nenos e nenas a divulgar a mensaxe e a converterse en embaixadores dun concello cada día máis limpo. “Queremos un Carballo máis sostible, e a mellor forma de conseguilo é implicando os máis mozos como embaixadores do respecto polas nosas rúas e parques”, sinalou.

Tanto os responsables municipais coma o persoal do servizo de limpeza agradeceron a implicación do centro escolar, e destacaron que a educación dos máis novos é a ferramenta máis eficaz para lograr un Carballo máis sostible e habitable para todos.

Tracking Pixel Contents