Estes son os gañadores do festival de contidos dixitais Carballo Interplay
O galardón á produción en galego foi para unha proposta de microdrama baseado na obra de Castelao

'Antontísimo' fíxose co premio Mellor Creador. / Aigiboga
O festival Carballo Interplay despediu este domingo a súa 13ª edición coa entrega de premios, nunha xornada final na que se deron a coñecer o palmarés da súa competición internacional de series de formato curto e os proxectos recoñecidos nos certames dedicados á creación de contido dixital en galego.
O peche do encontro serviu así para poñer o foco tanto na diversidade e calidade das propostas audiovisuais que pasaron pola sección oficial como no talento que está a impulsar novas formas de creación na rede desde Galicia e en lingua galega.
No apartado internacional, o Premio á Mellor Serie, dotado con 800 euros e trofeo, foi para T-REX (Canadá, 2024), un retrato íntimo de tres amigos de infancia que, durante unha fin de semana nunha cabana, afrontan os seus propios conflitos coa masculinidade.
Pola súa parte, o Premio á Mellor Dirección, dotado con 200 euros e trofeo, recaeu en Ruby (Francia, 2025), unha serie queer de superheroínas que segue a unha moza en plena deriva vital tras unha ruptura e a súa inesperada conversión en icona viral.
O Premio do Público, dotado con 400 euros e trofeo, foi para The Struggle for Existence-S2 (Dinamarca, 2025), unha comedia sobre dous amigos que encaran con humor os desafíos da masculinidade contemporánea, os novos roles de xénero e a vida adulta.

O Premio do Público, dotado con 400 euros e trofeo, foi para 'The Struggle for Existence-S2'. / Aigi Boga
A primeira tempada desta serie xa pasara pola sección oficial do Carballo Interplay, polo que os seus directores amosaron unha emoción especial por regresar este ano ao festival para presentar a segunda entrega e coñecer de preto o certame.
Mentres, o Premio Xurado Novo, tamén dotado con 400 euros e trofeo, distinguiu Eyes In The Woods (Canadá, 2025), un misterio paranormal queer ambientado nun bosque no que se entrecruzan segredos, gardas forestais e a atracción polo descoñecido.
O Xurado Oficial da competición internacional estivo integrado por Benja Villegas, Raquel Piñeiro e Irene Pin, mentres que o Xurado Novo estivo formado por Belén Teiga, Aira Portos e Antón Lorenzo.
Recoñecemento ao talento dixital en galego
No marco dos premios dedicados ao contido dixital en galego, o festival volveu visibilizar a vitalidade, a personalidade e a diversidade dos proxectos que se desenvolven actualmente nas plataformas dixitais en lingua propia.
O Premio á Mellor Canle, dotado con 600 euros, foi para Miradenovo, “por conectar con todo tipo de público, amosarnos as posibles futuras vidas das cousas, a visión á hora de crear unha canle con este contido tan específico en galego e facer que todas queiramos ter as casas máis trendy”.

O Premio á Mellor Canle, dotado con 600 euros, foi para 'Miradenovo'. / Aigi Boga
O Premio á Mellor Creadora ou Creador, tamén dotado con 600 euros, foi para @Antontísimo, “por ser o carisma personificado, atraparnos desde o primeiro segundo e apostar por un internet sen artificios onde o importante é o contido. Para que nos siga dando a chapa moitos anos máis sobre as cousas que lle gustan”.
O xurado destes galardóns estivo composto por Sara Seco, Andrea Villa Feijóo e Adrián Pérez (autor do perfil @Salseologia).
Impulso á produción de novos proxectos
Ademais, o Premio á Produción de Contido Dixital en Galego, dotado con 3000 euros, foi para o proxecto Crossbooking Castelao, unha proposta de microdrama baseado na obra de Castelao. Con este recoñecemento, o festival mantén unha das súas liñas de apoio á creación dixital en galego, favorecendo o desenvolvemento de novas propostas pensadas para o ámbito en liña.
O xurado encargado de seleccionar este premio estivo integrado por Román Varela, Maite Parga e Sandra Lesta.
Ao longo de catro días, o Carballo Interplay desenvolveu no mercado de Carballo unha programación que combinou a exhibición da súa sección oficial de series coas estreas de Millennial Mal e Epidemia Invisible, ademais de paneis como Scroll, scroll, STOP. As novas regras da divulgación e Internet chiquito, shows e podcasts en directo como Bimboficadas, Sexo en Nueva York Podcast, Pop y Muerte, I’ll see you in my dreams. Twin Peaks e Código Fonte Audiovisual, o concerto de Pantis, as actividades de Zona PRO e as propostas arredor da creación de contido dixital en galego.
A 13ª edición pechou así reafirmando o seu papel como unha cita de referencia para a reflexión, a exhibición e o impulso ao talento arredor da cultura dixital contemporánea.
- Luto en el CHUS y en la Universidad de Santiago por la muerte de la conocida doctora Chelo Astorgano
- O Son do Camiño ya tiene horarios: así queda el festival
- Vecinos de San Pedro de Mezonzo plantean contratar seguridad privada ante un piso de prostitución en el edificio
- Nuevo barrio del Ensanche Norte de Santiago: ¿Por qué se hace en Mallou? ¿En qué fase está? ¿Quién valora los terrenos?
- Aviso amarillo por tormentas este jueves en Galicia: la AEMET alerta de granizadas y rachas de viento muy fuertes
- Muere Elisa Caridad Sucasas, propietaria de una emblemática zapatería del centro de Santiago
- Vecinos de Bertamiráns denuncian la okupación masiva y los problemas de seguridad en un edificio de la Travesía do Pedregal: 'Nadie nos ayuda
- Xandre Muíño, el joven que contagia en redes su amor por Carballo: 'Quero que a xente valore o que temos aquí