Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Rehabilitan o faro do Roncudo e poñen en valor a súa contorna

As obras superan os 170.000 € e durarán seis meses

Crearanse dous miradoiros e un aparcamento e instalaranse varias pasarelas

O faro do Roncudo xa está en obras.

O faro do Roncudo xa está en obras. / Cedida

Ponteceso

A Autoridade Portuaria da Coruña comezou esta semana os traballos de restauración do emblemático Faro do Roncudo, situado na parroquia de Corme (Ponteceso).

A actuación consiste nunha mellora estrutural da baliza, así como o acondicionamento da contorna, con novos accesos, miradoiros e área de aparcamento.

A escultura do percebeiro será recolocada preto das cruces brancas que homenaxean aos que perderon a vida no lugar, para reforzar o seu vínculo coa historia e a tradición local

Os traballos contan cun investimento de máis de 170.000 € e o prazo de execución é de seis meses.

A actuación inclúe a substitución da escaleira interior, melloras no sistema eléctrico, pintado da porta, restauración da fachada, e reforzo da pintura e da estrutura da varanda da terraza.

Asimesmo, na contorna levaranse a cabo a creación de dúas estruturas de aceiro e reixa para miradoiros, un novo acceso ao faro con varanda de aceiro inoxidable, unha nova varanda de postes de madeira ancorados ao terreo e unidos por cordas, a instalación dunha escaleira para acceso ás rochas desde o miradoiro, a limpeza e movemento de terras nas inmediacións, a instalación de mobiliario urbano e un aparcamento.

«As obras son o resultado dunha petición expresa realizada polo Goberno local co obxectivo de poñer en valor unha das zonas máis importantes e representativas do municipio. Esta actuación nace da estreita colaboración entre a Autoridade Portuaria e a administración municipal de Ponteceso», sinalou ao respecto o alcalde, José Manuel Mato.

O proxecto de restauración deseñouse baixo unha premisa fundamental baseada no respecto absoluto pola natureza. Deste xeito, a intervención ten como finalidade garantir que a contorna permaneza exactamente como está, mantendo a súa riqueza paisaxística e medioambiental.

Entrou en servizo en 1920

O faro entrou en funcionamento no ano 1920; é unha torre simple de 11 metros de altura que se sitúa sobre a coñecida como Punta do Roncudo, un topónimo que, segundo os especialistas, ten a súa orixe no ronquido continuo do mar nese tramo costeiro.

Tracking Pixel Contents