Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

"Procuramos facerlle unha homenaxe á nosa cultura e á música tradicional"

Esta fin de semana celébrase a XIX Foliada de Melide, na que haberá cantos de taberna, espectáculos, artesanía e moita festa

Unha das agrupacións locis amenizando o ambiente en Melide nunha edición anterior da foliada.

Unha das agrupacións locis amenizando o ambiente en Melide nunha edición anterior da foliada.

Melide

Melide xa o ten todo preparado para vivir este sábado e domingo a decimonovena edición da súa gran foliada. Dúas xornadas cheas de ilusión, alegría e festa nas que, a través de múltiples actos, porán en valor unha importante parte da historia do seu municipio, con actuacións musicais, espectáculos de rúa, obradoiros de baile e unha destacada mostra de artesanía. «Procuramos facer unha homenaxe á nosa cultura e música tradicional», di a concelleira de festexos, Carmen Liñeira.

Estes festexos naceron no ano 2005 cando un grupo de mozos melidenses uniron forzas para crear un serán, mesturando música, baile e convivencia para celebrar o comezo da primavera. Así, pouco a pouco a cita foi medrando e consolidouse como a coñecida Foliada de Melide. «Os veciños síntena moito. É un evento único que congrega festeiros de toda a comarca e ata de fóra», explica a edila.

Un dos seus piares fundamentais é o Concurso de Cantos de Taberna, que este ano chega á súa 15ª edición. Desta volta participarán no certame 21 agrupacións, que competirán o sábado por alzarse co triunfo. Tamén o sábado haberá un obradoiro de baile impartido por Manu Seoane e unha marcha gaiteira pola vila. Os pratos fortes do domingo serán a presentación musicalizada do libro O violín que trae o vento, e a sesión vermú amenizada por Irmaos da Raia Seca.

Se falamos de foliada en Melide tamén falamos de artesanía. É por iso que, tanto sábado como domingo, a festa dará comezo a partir das 11.00 horas coa apertura da Mostra de Artesanía e Instrumentos, na Praza do Convento, onde estarán habilitados 14 postos con traxes e recordos propios de épocas pasadas.

A cativada divertirase coa actuación dos Monifates o domingo e con diferentes xogos populares. «O bo da foliada é que está feita para a diversión de todas as idades. Será un éxito», comenta a edila.

Tracking Pixel Contents