Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

FORMACIÓN

Oito concellos de Barbanza e Costa da Morte formarán 80 persoas en obradoiros de emprego

Especializaranse nas ramas forestal, sociosanitaria, carpintería e de xardinería

As actividades vinculadas co monte centrarán varios dos módulos formativos.

As actividades vinculadas co monte centrarán varios dos módulos formativos. / Cedida

Carballo

Oito concellos de Barbanza e Costa da Morte seguirán formando profesionais a través de catro novos obradoiros de emprego financiados pola Consellería de Emprego, ao abeiro dos cales especializaranse 80 persoas en distintos oficios.

Os concellos de Noia, Outes e Lousame impulsarán conxuntamente o obradoiro dual de emprego Noia-Outes-Lousame 2026, tras a concesión dunha subvención da Xunta de Galicia que ascende a 522.052 euros, destinada á formación e contratación de 20 alumnos-traballadores.

O proxecto permitirá desenvolver actuacións vinculadas ao ámbito forestal e á mellora ambiental en distintos espazos municipais dos tres territorios. O obradoiro inclúe especialidades relacionadas coas actividades auxiliares en aproveitamentos forestais e conservación de montes.

Mellorar a empregabilidade

O alcalde de Noia, Francisco Pérez, destacou que "supón unha oportunidade clave para mellorar a empregabilidade da veciñanza e avanzar na conservación do noso entorno natural".

Pola súa banda, o tenente de alcalde, Manolo Seijas, subliñou "a importancia da colaboración entre concellos para acadar recursos e poñer en marcha iniciativas que repercuten directamente na cidadanía".

Desde o Concello de Outes, o alcalde Fran Calo puxo en valor "a cooperación institucional como ferramenta fundamental para atraer investimentos e xerar oportunidades laborais no rural".

No mesmo sentido, o alcalde de Lousame, Esteban Ares, destacou que "este tipo de programas permiten combinar formación e emprego, ao tempo que se realizan melloras necesarias no territorio".

Formación forestal en Muros e Carnota

Pola súa banda, os concellos de Muros e Carnota, organizará un novo obradoiro dual de emprego para 20 persoas denominado Oe Monte Feixa. Impartiranse dous módulos de Aproveitamentos forestais e xestión da biomasa forestal e Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes.

"Os concellos non temos competencias directas en materia de emprego, pero debemos organizar e xestionar actividades de formación que impulsen a inserción laboral da nosa veciñanza”, explica a alcaldesa de Muros, María Lago.

Carballo e Coristanco volven unirse

Na Costa da Morte, Carballo e Coristanco desenvolverán o Obradoiro Lubiáns II, que contará cunha subvención global de 501.552,00 euros. Dividirase en dúas especialidades formativas de nivel II: Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais (8 alumnos/as) e Montaxe e instalación de construcións de madeira (12 alumnos/as).

Décima edición na Laracha

E na Laracha acadan a décima edición do Obradoiro de Emprego A Laracha X, que contará cun orzamento total de 673.000 euros, dos que 474.552 euros serán achegados pola Administración autonómica. Formarán vinte alumnos-traballadores nas especialidades de instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes, e traballos de carpintería e moble.

Na fase práctica, o alumnado executará actuacións de interese xeral, como a renovación das pontes de madeira da área recreativa de Gabenlle, as melloras nos parques das Prazas do Concello, O Recreo e da Cultura no núcleo urbano da Laracha, o axardinamento do entorno da reitoral de Montemaior e a adecuación da área verde da urbanización Monte Claro, en Cabovilaño.

Estes traballos completaranse coa dotación de novo mobiliario urbano, contribuíndo así á mellora da calidade dos espazos públicos e ao seu aproveitamento pola veciñanza.

Tracking Pixel Contents