Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Melide despide con éxito unha Foliada que volveu ateigar as rúas de música e tradición

A vila pecha este domingo a 19ª edición da cita cos concertos de Felisa Segade e Tiruleque como colofón final

Actuación da Banda de Gaitas de Ortigueira na 19ª Foliada de Melide.

Actuación da Banda de Gaitas de Ortigueira na 19ª Foliada de Melide. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Melide

Melide despide este domingo con grande éxito a súa 19ª Foliada, unha cita que volveu converter a vila nun punto de encontro arredor da música tradicional galega. O segundo día da programación volveu ateigar as rúas, cunha grande asistencia de visitantes e veciñanza que participou nas diferentes actividades deseñadas para todos os públicos.

A Mostra de Artesanía e Instrumentos, instalada na Praza do Convento, permaneceu aberta ata as 19.00 horas e foi de novo un dos principais focos de atracción da xornada. O espazo reuniu propostas vinculadas á elaboración de instrumentos tradicionais e á artesanía vencellada á cultura popular galega.

Durante a mañá celebrouse no Salón de Plenos do Concello a presentación musicalizada do libro ‘O violín que trae o vento’, de Adrián Méndez, nun acto no que participou a edil de Política Social, Carmen Liñeira. A obra relata a vida de Modesta Fernández, máis coñecida como A cega de Noceda, violinista da Fonsagrada e figura ligada á memoria musical tradicional.

Presentación do libro 'O violín que leva o vento', de Adrián Méndez.

Presentación do libro 'O violín que leva o vento', de Adrián Méndez. / Cedida

O libro conta coa colaboración de Xulia Feixoo e Begoña Riobó, así como cunha parte musical na que participaron Pärbo, As Cegas de Ouselle, Caldo, Caamaño&Ameixeiras, Abril e Carmen&Marcos.

As rúas tamén se encheron de ambiente coa Banda de Gaitas de Ortigueira, que percorreu a vila acompañada de xigantes e cabezudos e actuou posteriormente na Praza do Convento. Pola súa banda, a sesión vermú celebrouse na Praza das Ichoas a cargo de Irmaus da Raia Seca.

A programación continuou pola tarde coa actuación dos Monifates, dirixida ao público máis novo na Praza do Convento. A proposta ten un enfoque didáctico e busca achegar á rapazada a riqueza e variedade da música e da instrumentación tradicional galega, mesturada co baile e coas historias dos seus personaxes.

Tamén houbo xogos populares interxeracionais dirixidos pola Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional e a Mostra de Baile Tradicional con Cantigas e Frores.

O broche final desta edición chegou coa música de Felisa Segade, ás 19.00 horas na Praza das Coles, e de Tiruleque, ás 21.00 horas, que poñen o peche a dous días nos que Melide volveu reivindicarse como unha das grandes citas da música tradicional en Galicia.

Concurso de Cantos de Taberna

Na xornada do sábado entregáronse os premios do 15º Concurso de Cantos de Taberna, celebrado na Praza das Coles e no que participaron 21 grupos.

O primeiro premio foi para Cada quen dun lar, o segundo para Nós ó noso e o terceiro para The Ca-ra-cas. As formacións galardoadas recibiron unha cesta de produtos locais. No acto de entrega participaron os edís Carme Liñeira, Xosé Igrexas e José María Santín.

O primeiro premio do Concurso de Cantos de Taberna foi para Cada quen dun lar.

O primeiro premio do Concurso de Cantos de Taberna foi para Cada quen dun lar. / Cedida

Referente da cultura popular galega

A Foliada, organizada arredor da música, o baile, os cantos de taberna, o serán, a artesanía e as propostas familiares, naceu da man da Asociación Cultural e Musical O Castelo e consolidouse co paso dos anos como unha celebración de referencia. O alcalde, José Manuel Pérez, xa destacara na presentación da programación o papel da entidade como artífice dunha cita que “tomou forma no ano 2005” ata converterse nun referente da cultura popular galega.

Pola súa banda, Carmen Liñeira subliñara que os cantos de taberna, o serán, as mostras de baile tradicional e a mostra de artesanía son “os ingredientes perfectos” para que a Foliada siga funcionando con éxito ano tras ano. Esta fin de semana, Melide volveu confirmalo coas rúas cheas e a tradición como protagonista.

Tracking Pixel Contents