CULTURA
O teatro afeccionado galego mira a Zas: 49 obras inscritas na Mostra Labarta Pose
O xurado seleccionará cinco funcións para a programación oficial da Mostra

Compañía Andaravía Teatro, de Vedra, na Mostra Labarta Pose de 2025. / Cedida
O Concello de Zas pechou o período de inscricións na IX Mostra de Teatro Afeccionado Labarta Pose cun resultado histórico, rexistrando un total de 49 obras presentadas por compañías chegadas de toda Galicia. Trátase da cifra máis alta rexistrada nas nove edicións do certame.

Cartel da IX Mostra de Teatro Afeccionado Labarta Pose de Zas. / Cedida
"Este éxito de participación confirma a consolidación da Mostra como unha das principais citas do teatro afeccionado galego, reunindo propostas moi diversas tanto na súa procedencia como nos estilos e xéneros escénicos", subliñan dende o Concello.
O alcalde de Zas, Manuel Muíño, valorou moi positivamente a resposta desta convocatoria. "Estamos moi satisfeitos coa acollida desta novena edición, que bate todos os récords de participación.
Agradece "o esforzo de todas as compañías participantes e destacar que, unha vez máis, Zas convértese nun punto de encontro fundamental para a cultura e as artes escénicas".
Gran variedade de propostas e xéneros
En canto á procedencia das obras, destaca a ampla representación territorial. A cidade da Coruña encabeza a lista con sete propostas, seguida de Ourense con seis e Vigo con catro. Santiago de Compostela suma tres obras, mentres que localidades como Cambre, Arteixo, Pontevedra, Lugo ou Nigrán contan con dúas propostas cada unha.
O resto das candidaturas chegan de concellos como Barco de Valdeorras, Ortigueira, O Carballiño, Carballo, Mugardos, Barreiros, Palas de Rei, Bergondo, Corcubión, Vilagarcía de Arousa, As Pontes de García Rodríguez, Foz, Barrañán, Cuntis, Ferrol, Santa Comba, Narón, O Porriño ou Vilanova de Arousa, entre outros, o que amosa unha participación moi repartida por todo o territorio galego.
A comedia, a gran protagonista
No relativo aos xéneros, a comedia volve ser a gran protagonista, representando case a metade das propostas (46,94%), con 23 obras. A ela súmanse outras variantes como a comedia musical, a comedia social, a comedia negra ou a comedia de enredo.
O drama tamén ten un peso importante, con sete propostas (14,29%), mentres que outros xéneros como a traxicomedia, o teatro histórico, o infantil, o esperpento ou os monólogos completan a variada oferta.
Tamén se rexistran propostas híbridas que combinan elementos diferentes, así como pezas máis singulares como dramas fantásticos ou misteriosos.
Grupos que repiten
Entre as compañías participantes hai tanto grupos que repiten a súa presenza tras participar en edicións anteriores como outros que se presentan por primeira vez á Mostra, contribuíndo así a renovar e ampliar o abano de propostas.
Sobre a variedade de propostas, o alcalde, Manuel Muíño, subliñou que "garante unha edición moi rica e plural, o que sen dúbida elevará a calidade da programación final. Agora comeza un proceso de selección complexo, pero confiamos en ofrecer ao público unha Mostra á altura das expectativas".
Desenvolvemento da Mostra
Unha vez rematado o prazo de presentación, ábrese agora a fase de avaliación. O xurado será o encargado de seleccionar as cinco obras que formarán parte da programación oficial, así como tres propostas de reserva.
As representacións desenvolveranse os sábados 23 e 30 de maio, e 6, 13 e 20 de xuño, mentres que o 27 de xuño terá lugar o acto de clausura e entrega de distincións.
- Los refugios de Jesús Cintora en Galicia: playas protegidas, miradores y atardeceres en las Rías Baixas
- Suspendido el mayor festival de música urbana de Santiago
- La orquesta que quiere devolver a las verbenas las canciones que marcaron a toda una generación
- Muere a los 85 años de edad Hipólito Rodríguez Visos, fundador de la emblemática empresa Mármoles del Río
- Val do Dubra despide a la exconcejala Celsa Oreiro tras su fallecimiento y decreta dos días de luto
- Cuando Galicia estuvo en el epicentro del debate nuclear: medio siglo de la autorización para una central en la costa de Lugo que nunca llegó a levantarse
- Del sobrino de Pondal a una tía de Rajoy: el CSIC recupera la ciencia gallega depurada por el franquismo
- Las fiestas del Cruceiro da Coruña en Santiago ya tienen fecha: cuatro días de verbenas, pasacalles y tradición