Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

CARBALLO

Goiáns estrea un centro social de vangarda chamado a ser o corazón da parroquia

O edificio, obra de Laia Cervelló e Miguel Fernández-Galiano, conta con auditorio, sala multiúsos, cociña, oficinas e arquivo

Acto inaugural do novo centro social de Goiáns, en Carballo.

Acto inaugural do novo centro social de Goiáns, en Carballo. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Carballo

A parroquia de Goiáns (Carballo) conta desde hoxe cun novo e moderno punto de encontro. Nun concorrido acto, organizado pola asociación de veciños, foi inaugurado oficialmente o centro social, un proxecto que non só destaca pola súa singularidade arquitectónica, senón que nace coa vocación de converterse no "corazón" da vida comunitaria da zona.

A pesar da chuvia, a veciñanza ateigou o local, situado en Xoane, e puido percorrer as novas instalacións nun ambiente festivo grazas ao xantar, á animación musical de Rocío Pérez e á tarde de xogos para a rapazada organizada pola Concellaría de Participación Veciñal.

Crear comunidade

Durante o acto destacouse o esforzo por dotar a Goiáns dun equipamento de primeiro nivel que resolve unha demanda histórica da veciñanza. Nunha breve intervención, o alcalde, Daniel Pérez, amosou o seu orgullo por ver este centro cheo de vida: "Este é un espazo para a xuntanza e para crear comunidade, algo que fai moita falta nos tempos que corren", manifestou.

Unha "pequena aldea" con deseño de vangarda

O edificio, que pasa a integrarse na rede municipal de centros sociais tras un investimento do Concello de Carballo superior aos 400.000 euros, foi deseñado polos arquitectos Laia Cervelló e Miguel Fernández-Galiano (do estudo Fernández Carballada e Asociados), quen concibiron a obra para aproveitar un "encrave privilexiado" entre unha gran explanada e unha masa arbórea.

O deseño destaca pola integración paisaxística para semellar, desde a distancia, unha aldea tradicional, e polas súas cinco fachadas, que o fan visible desde todos os camiños que o rodean. Sobresae tamén polo espazo interior de 341,62 metros cadrados, que se articula arredor dun vestíbulo iluminado por un gran lucernario circular cenital. Conta cun auditorio para 36 persoas (ampliable ao dobre), sala multiusos, espazo para cociña, oficinas e arquivo.

Na contorna do novo centro social sobresaen as 14 prazas de aparcamento e un axardinamento baseado na potenciación das especies arbóreas xa existentes na parcela.

Premios FAD de Arquitectura

O recoñecemento do centro social de Goiáns traspasa as fronteiras municipais, xa que foi seleccionado para os Premios FAD 2026 na categoría de Arquitectura. O veredicto final do xurado coñecerase o vindeiro 17 de xuño no Disseny Hub de Barcelona, pero o nomeamento xa sitúa Goiáns e Carballo na elite do deseño ibérico actual.

Tracking Pixel Contents