Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

EDUCACIÓN

A Costa da Morte sae á rúa polo ensino público: mobilizacións en Carballo, Cee e Muros

As Asembleas Abertas demandan máis atención á diversidade e melloras nos centros educativos

Asemblea Aberta celebrada en Carballo o pasado mes de febreiro.

Asemblea Aberta celebrada en Carballo o pasado mes de febreiro. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Carballo

As Asembleas Abertas do ensino público da Costa da Morte organizan novas mobilizacións o mércores, día 6, en Carballo, Cee e Muros.

As demandas principais céntranse nunha atención á diversidade "efectiva e inmediata, proporcionando os especialistas (PT, AL e Orientación) necesarios para que a inclusión non sexa só unha palabra nun papel, como se vén denunciando no IES Agra de Raíces de Cee ou no CEIP Bergantiños de Carballo", afirman os representantes das asembleas.

Máis profesorado

"A necesaria rebaixa de horas lectivas en Secundaria non pode camuflar un recorte de persoal", engaden, ao tempo que esixen "que non se repita o erro de Primaria; a rebaixa lectiva debe implicar máis profesorado nos centros, non unha perda de horas de presencialidade que desmantele os apoios e a calidade educativa", afirman.

Ademais, veñen denunciando dende comezos de curso "graves problemas estruturais" que sofren varios centros da zona, como o IES Fernando Blanco de Cee, IES Eduardo Pondal de Ponteceso e os centros de Zas.

Chamamento á comunidade educativa

Por iso, agora queren trasladar a loita "ás vilas da nosa comarca co obxectivo de implicar a toda a sociedade: familias, ANPAS e alumnado", baixo o lema A comunidade educativa en loita polo ensino público.

En Carballo a manifestación partirá ás 19.00 horas desde a Praza de Galicia e percorrerá as rúas Vázquez de Parga e Desiderio Varela para rematar na Praza do Concello.

Á mesma hora comezarán as mobilizacións en Cee, na Praza 8 de Marzo, e Muros, na Praza da Vila.

Educación de calidade

Dende as Asembleas Abertas fan un chamamento a toda a veciñanza da Costa da Morte "para defender un ensino público digno. Esta non é só unha loita laboral do profesorado, é a loita polo dereito do noso alumnado a recibir unha educación de calidade e con recursos suficientes", conclúen.

Tracking Pixel Contents