Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

INICIATIVA

A Feira das Letras encherá Zas de libros, tapas, descontos e lecer familiar

O Concello e a Asociación BaiOn buscan impulsar o comercio local e fomentar a cultura

A Feira das Letras acollerá varias presentacións literarias.

A Feira das Letras acollerá varias presentacións literarias. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Zas

O Concello de Zas, en colaboración coa Asociación BaiOn, organiza a Feira das Letras, que se celebrará do venres 8 ao domingo 10 de maio cun dobre obxectivo: impulsar o comercio local e fomentar a cultura entre a veciñanza.

Durante estas tres xornadas, os establecementos adheridos ofrecerán descontos de ata o 20% en horario de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas. Ademais, haberá unha ruta de tapas de 12.00 a 16.00 e de 19.00 a 23.00 horas, para reforzar a dinamización económica e social do municipio.

Actividades lúdicas

A Feira das Letras tamén contará cunha variada programación de actividades, que terán lugar o sábado e o domingo na praza Jorge Mira, agás as charangas e os pasarrúas, que serán itinerantes polas rúas.

Cartel promocional da Feira das Letras de Baio.

Cartel promocional da Feira das Letras de Baio. / Cedida

O alcalde, Manuel Muíño, subliñou que "a Feira das Letras nace coa vontade de apoiar o noso tecido comercial ao tempo que promovemos a cultura como piar fundamental da sociedade".

Ademais, destacou que "é unha iniciativa pensada para todos os públicos, que combina lecer, cultura e dinamización económica, convertendo Zas nun punto de encontro durante toda a fin de semana".

Programación da fin de semana

O sábado 9 de maio dará comezo a actividade coa apertura da carpa da Feira das Letras ás 11.30 horas. Ás 12.00 terá lugar a presentación do libro Begoña Caamaño, de Icía Varela, Xosé Manuel Varela e Nerea Gómez.

Pola tarde, de 16.30 a 20.30 horas, haberá actividades infantís con rocódromo, tirolina e inchables. Ás 18.00 horas animará as rúas a Charanga Os Celtas, mentres que ás 20.00 horas será a presentación do libro Gorrións e Falcóns, de Carmen Blanco Sanjurjo. A xornada pecharase ás 21.00 coa proxección da película San Simón, finalista dos premios Mestre Mateo.

Memoria histórica

O domingo 10 de maio, ás 12.00 horas, terá lugar un pasarrúas con Churía e AC Adro, así como un encontro sobre memoria histórica titulado Represión e franquismo na Costa da Morte, no que participarán Luis Lamela e Josefa Suárez, moderado polo alcalde de Zas.

A continuación, ás 13.00 horas, o Mago Antón ofrecerá o espectáculo Mil Maxias Máis. Pola tarde repetirase a oferta de actividades infantís e haberá novos pases do Mago Antón, así como a animación da charanga Os Atrevidos. Ás 18.00 horas presentarase o libro infantil e xuvenil O mapa da túa sexualidade, de Laura Veiga.

Tracking Pixel Contents