Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O programa ‘Rosalía en Camiño’ traerá poetas de toda a Península a Santiago e Padrón

Celebrarase do 6 ao 8 de maio e participarán Sara Torres (Asturias), Tiago Alves (Portugal), Miren Agur (Euskadi), Erín Moure (Canadá), a galega Yolanda Castaño e o científico Xurxo Mariño

Pola esquerda, Valentín García, Chus Pato e Anxo Angueira.

Pola esquerda, Valentín García, Chus Pato e Anxo Angueira. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Padrón

O programa das xornadas poéticas multilingües Rosalía en Camiño chega á súa sétima edición do 6 ao 8 de maio en Padrón e en Santiago de Compostela. Os protagonista esta volta son Sara Torres (Asturias), Tiago Alves Costa (Portugal), Miren Agur Meabe (Euskadi) e Erín Moure (Canadá); alén da galega Yolanda Castaño e do científico Xurxo Mariño, o non-poeta que participa este ano.

As xornadas foron presentadas este luns por Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro; Chus Pato, escritora e coordinadora do evento; e Valentín García, secretario xeral de Lingua, como patrocinadora das xornadas.

Esta sétima edición, con Chus Pato novamente como comisaria, celebrarase na Casa de Rosalía (Padrón) e no Xardín das Pedras que Falan (exteriores de Fonseca en Santiago) e incluirá, alén de recitais dos autores convidados, conversas con eles dirixidas polo tamén poeta e xornalista Daniel Salgado.

Rematará o venres 8 co espectáculo poético-musical Poemas da luz, con Melania Cruz, Benxamín Otero e o Grupo de Cámara do Conservatorio de Lalín.

Ademais, como cada ano, a Fundación Rosalía publicará un libro con poemas de cada autor, incluíndo un texto en diálogo con Rosalía de Castro. As persoas que asistan ao evento poderán levalo de balde ou descargalo na web.

Sara Torres (Xixón, 1991) é unha das máis destacadas escritoras españolas da actualidade. Poeta, narradora e ensaísta, os seus últimos traballos falan da teoría queer, a tenrura e o desexo: La seducción (Reservoir Books, 2024); La potencia afectiva, deseo, cuerpo y emociones (Txalaparta, 2025) e El pensamiento erótico (Reservoir Books, 2026). En 2014 gañou o Premio Gloria Fuertes de poesía moza.

Tiago Alves Costa (Vila Nova de Famalicao, 1980) é poeta, escritor, editor e profesor. A súa obra cruza poesía, prosa e teatro, traballando temas como a precariedade, a aceleración da vida contemporánea e as consecuencias emocionais e linguísticas do capitalismo tardío. É profesor asociado na BAU, Centre Universitari d’Arts i Disseny de Barcelona, onde vive e investiga as interseccións entre literatura, deseño e publicidade. Fundou a revista dixital Quiasmo (Artes, Letras e Ciência) e dirixe a Quiasmo Edições. Venceu o Certame de Narración Breve Manuel Murguía co conto A porta do reconhecimento. En 2026 publicará Deus aínda usa o Windows 10, o seu cuarto libro de poesía.

Yolanda Castaño (Santiago de Compostela, 1977) é unha poeta, xestora cultural e comunicadora. Acadou o Premio Nacional de Poesía de España, o Ramón Piñeiro de Ensaio e os principais galardóns poéticos en Galicia: desde o da Crítica ao González Garcés, seguido do Afundación ou o Johán Carballeira.

Xurxo Mariño (Lugo, 1969) é doutor en Bioloxía, doutor en Neurofisioloxía, profesor na Universidade da Coruña, escritor e divulgador científico. Ten publicado varios libros de divulgación da ciencia, e acadou varios premios en diversos eidos: Premio Especial do Xurado do Certame FECYT de Comunicación Científica, o Premio Tesla de Divulgación e o Lois Peña Novo, entre outros.

Miren Agur Meabe (Lekeitio, 1962) é unha escritora vasca, que acadou a nivel estatal o Premio da Crítica en 2001 e 2011 e o Nacional de Poesía en 2021 por Cómo guardar ceniza en el pecho, escrito orixinalmente en euskera. Alén de poeta tamén ten unha prosa relevante, novelas e contos publicados, e é autora dunha extensa obra infantil e xuvenil. Tamén se dedica á tradución e é membro de número da Euskaltzaindia, a academia vasca da lingua.

Erín Moure (Calgary, Canadá, 1955) é unha escritora e tradutora canadiana de orixes parcialmente galegas. Con ampla obra escrita en inglés, ten publicado tamén unha obra traducida en galego (Teatriños ou aturuxos calados) e algunhas das súas obras en inglés teñen títulos en galego (O Resplandor, O Cadoiro e O Cidadán). Traduciu ao inglés a Rosalía de Castro, Chus Pato, Uxío Novoneyra, e Lupe Gómez.

Programa

O mércores 6 de maio, na Casa de Rosalía, ás 19.00, Miren Agur Meabe e Xurxo Mariño conversan e recitan. Ás 20.00 será o recital de Sara Torres, Tiago Alves Costa, Yolanda Castaño, Xurxo Mariño, Miren Agur Meabe e Erín Moure.

O xoves 7 de maio, en Santiago, no Xardín das Pedras que Falan, ás 19.00, Tiago Alves Costa e Yolanda Castaño conversan e recitan. Ás 20.00, Sara Torres e Erín Moure conversan e recitan. Se chovese, celebraríase no Salón Nobre de Fonseca.

O venres 8, tamén no Xardín das Pedras que Falan, ás 19.00, será o recital de Sara Torres, Tiago Alves Costa, Yolanda Castaño, Xurxo Mariño, Miren Agur Meabe e Erín Moure. Ás 20.00 terá lugar o espectáculo poético-musical Poemas da luz, con Melania Cruz, Benxamín Otero e o Grupo de Cámara do Conservatorio de Lalín.

A entrada será libre ata completar capacidade.

TEMAS

Tracking Pixel Contents