Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Os muíños de auga, protagonistas da Mostra de Arquitectura Rural en Vedra

Ofrecerá obradoiros culturais, visitas guiadas ou un laboratorio de creación

Unha das rutas guiadas que se realizou o ano pasado no Festival M.A.R.C.O.

Unha das rutas guiadas que se realizou o ano pasado no Festival M.A.R.C.O.

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Redacción

O primeiro festival galego de arquitectura rural, M.A.R.C.O., chega para quedar. Despois dunha primeira edición piloto no 2025, o encontro consolídase este ano en Vedra, concretamente en San Pedro de Sarandón, os días 8, 9 e 10 de maio. Desta volta, o tema principal será a arquitectura da auga e o patrimonio etnográfico, especialmente os muíños.

Este encontro xuntará durante tres días a profesionais, veciñanza, estudantado, axentes do rural e público xeral para compartir música, actividades e reflexión arredor da arquitectura. O festival busca mesturar o encanto de estruturas e espazos como os muíños, os alpendres e as sendas do campo, coa arte e a vida no rural para coñecer un pouco máis da nosa historia e cultura, así como para poñer en valor o patrimonio, xerar novas oportunidades para a mocidade e os profesionais emerxentes, e pasar bos momentos.

O festival escolleu os muíños como idea central en prol da súa reactivación como espazos vivos. No pasado estas estruturas chegaron a ser motor de vida e mesmo de música do rural e, agora, esta iniciativa traballa arreo para transformalos en lugares onde suceden cousas, a xente poida atoparse e o rural volva xerar cultura, economía e comunidade. E para conseguilo estrutúrase en tres grandes bloques.

Arte e creación

En primeiro lugar está o espazo ADREDE, un enclave aberto que se presenta como o corazón creativo do festival e no que haberá oco para a arte, a música e a creatividade. Aquí desenvolveranse durante todo o día obradoiros de fotografía, pintura, escultura e arquitectura; procesos de cocreación con artistas; exposicións e proxeccións; concertos e espectáculos. Todo isto coa premisa de xuntar profesionais e veciñanza para crear, aprender e vivir a cultura en común.

Rutas guiadas

Asemade, a Mostra de Arquitectura Rural amosará un programa de rutas guiadas por diferentes espazos do rural vedrés baixo o nome de O mellor de cada casa. Haberá visitas a casas, espazos rehabilitados, proxectos sostibles e outros puntos de interese nos que se contará coa explicación das propias persoas que habitan ou deseñaron as construcións.

Invitación á reflexión

Por outra banda, impulsarán a iniciativa Quebramiolos, un laboratorio no que se xuntarán profesionais, veciños, axentes do rural e público xeral para convidar á reflexión e á creación colectiva. Unha iniciativa que trata de perfilar un posible futuro do rural e propoñer solucións reais á situación actual.

O laboratorio centrarase especialmente no patrimonio etnográfico, cun foco especial nos muíños, e nas posibles formas realistas de volver facer deles lugares cheos de actividade.

Con este cóctel de propostas o Festival M.A.R.C.O. quere poñer en valor as aldeas, a súa arquitectura e a súa forma de vida, non como algo do pasado, senón como unha oportunidade de presente e futuro. A iniciativa aposta por un rural vivo que conserve o seu patrimonio, a súa xente e todo o que ten por ofrecer. n

Tracking Pixel Contents