Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

As mulleres do rural alzan a voz en Vimianzo

Un encontro reúne profesionais de distintos ámbitos para compartir experiencias e coñecemento arredor do liderado feminino

Julio Abalde coas autoridades e relatoras na inauguración do foro Alza voz de muller.

Julio Abalde coas autoridades e relatoras na inauguración do foro Alza voz de muller. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Vimianzo

A Deputación da Coruña reivindicou este venres en Vimianzo o papel das mulleres do rural como motor de emprego, emprendemento e futuro.

A deputada de Emprego, Industria e Medio Ambiente, Rosa Ana García, participou xunto á alcaldesa de Vimianzo e tamén deputada provincial, Mónica Rodríguez, o subdelegado do Goberno, Julio Abalde, a representante da Xunta, María Quintiana, e a da UDC, Lorena Añón, na inauguración do foro Alza voz de muller, que se celebra ata este sábado na casa da cultura do municipio.

O encontro reúne durante dúas xornadas profesionais de distintos ámbitos para compartir experiencias e coñecemento arredor do liderado feminino, especialmente no ámbito rural, baixo o lema Da consciencia á acción.

A alcaldesa, Mónica Rodríguez, celebrou que Vimianzo acolla a segunda edición deste foro “con orgullo e convicción”. “Este foro demostra que o rural non é a periferia de nada: é un territorio con talento, con capacidade de liderado e con mulleres que emprenden e transforman cada día. Que un evento desta envergadura, con voces tan relevantes e con tanta participación, teña lugar aquí é algo que nos enche de orgullo como concello e como comunidade. Desde o Concello de Vimianzo seguiremos apostando por espazos que poñan en valor o talento feminino no noso territorio, porque investir nas mulleres é investir no futuro de todos”, afirmou.

Pola súa banda, Rosa Ana García agradeceu ao Concello de Vimianzo e á súa alcaldesa o impulso deste foro, “un espazo necesario para poñer o foco onde tantas veces non se pon: nas voces das mulleres que durante demasiado tempo tiveron que abrirse camiño con máis esforzo, máis obstáculos e menos recoñecemento”.

A deputada subliñou que o rural “é un territorio de futuro” grazas ao traballo de mulleres emprendedoras, profesionais, autónomas, empresarias, traballadoras, responsables públicas, representantes de asociacións e creadoras de proxectos. “Temos talento, capacidade, liderado e vontade de transformar a realidade”, afirmou.

Rosa Ana García destacou que “ningunha muller debería sentir que ten que abrir camiño soa; ningunha emprendedora debería pensar que o seu proxecto é máis pequeno por nacer nun concello rural; e ningunha profesional debería ter que marchar ao ámbito urbano para demostrar o que vale”.

Neste contexto, sinalou que cando se fala de emprego, industria, comercio local, emprendemento ou reto demográfico “tamén se está falando de igualdade, porque non hai desenvolvemento posible se a metade da poboación segue atopando máis dificultades para poñer en marcha unha idea, consolidar unha empresa, acceder a postos de responsabilidade ou compatibilizar a vida profesional coa vida persoal e familiar”.

Rosa Ana García puxo como exemplo o Plan de Emprego Local da Deputación, que apoia a contratación, o emprendemento, o traballo autónomo e a consolidación de pequenas empresas en toda a provincia, moitas delas lideradas por mulleres en concellos pequenos e medianos.

Tamén fixo referencia ao programa de apoio ao comercio lcoal MercaNaVila, impulsado pola Deputación xunto á Federación Galega de Comercio nos concellos de menos de 20.000 habitantes, como exemplo de apoio ao comercio local, “moitas veces sostido por mulleres” e fundamental para manter a vida nas rúas e nas vilas.

Rosa Ana García pechou a súa intervención cunha referencia á homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas, Begoña Caamaño, autora que nas súas obras deu voz ás mulleres que durante séculos apareceron nos relatos doutros, pero poucas veces puideron contar a súa propia historia.

“Creo que Morgana, Circe ou Penélope estarían orgullosas de ver como hoxe, aquí en Vimianzo, en Alza voz de muller, as mulleres falan, opinan, comparten, propoñen e ocupan o espazo que lles corresponde”, concluíu.

O foro contará coa participación de mulleres de referencia en ámbitos diversos como o político, económico, social, cultural, académico e empresarial. Na programación figuran profesionais como María Fornet, psicóloga e autora; Yolanda Domínguez, artista visual e consultora; e Laura Sagnier, activista pola equidade.

Pola súa banda, o subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde, puxo en valor “a capacidade transformadora das mulleres que impulsan proxectos e crean oportunidades desde o rural galego, contribuíndo ao desenvolvemento económico e social dos seus territorios”, destacando ademais a importancia de crear espazos de encontro, reflexión e colaboración que contribúan a fortalecer o tecido económico e social do territorio. 

“Este encontro representa unha oportunidade para visibilizar o papel esencial das mulleres no desenvolvemento do rural galego e para seguir avanzando cara a unha sociedade máis igualitaria e con máis oportunidades”, sinalou Julio Abalde durante a súa intervención. 

Tras o acto inaugural comezaron as primeiras intervencións e mesas de debate. Entre os temas tratados na xornada deste venres figuran as barreiras invisibles no emprendemento e no emprego, así como os desafíos e oportunidades do emprendemento desde o rural. 

A xornada deste sábado iniciarase ás 10.00 horas cunha mesa de diálogo baixo o título Facer política sendo muller: poder, exposición e responsabilidade, e continuará con novas intervencións, con talleres e coa dinámica experiencial E agora que? Redes, alianzas e futuro compartido

O encontro pecharase cun acto de networking no Castelo de Vimianzo. Nesta edición participan preto de 200 mulleres procedentes de distintos puntos da provincia da Coruña, consolidando o foro como un espazo de referencia para o liderado feminino e o emprendemento no rural galego.

Tracking Pixel Contents