Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A Xunta aproba o proxecto dunda nova senda peonil en Corme, cun investimento de 565.000 euros

Acometerase na estrada AC-424 e terá unha lonxitude de 685 metros

Plano de localización da senda que se executará en Corme.

Plano de localización da senda que se executará en Corme. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Ponteceso

O Consello da Xunta aprobou este luns provisionalmente o proxecto para a execución dunha nova senda peonil na estrada autonómica AC-424, en Corme, no concello de Ponteceso, que suporá un investimento de preto de 565.000 euros.

O obxectivo da obra é continuar coa mellora da seguridade viaria e co fomento da mobilidade sostible na AC-424, tendo en conta que esta nova senda conectará coas beirarrúas existentes no zona do porto e permitirá unila co núcleo urbano de referencia para a prestación de servizos.

Cómpre sinalar que a Xunta executou nesta mesma estrada en 2024, e tamén no concello de Ponteceso, o itinerario peonil no Couto, cun investimento final de máis de 361.000 euros.

O Goberno galego prevé aprobar definitivamente o proxecto no outono, para a continuación acometer a redacción do proxecto construtivo e licitar a execución das obras.

A actuación conta cun prazo de execución de nove meses. A través deste proxecto trátase de actuar nun novo tramo da AC-424, no tramo comprendido entre os puntos quilométricos 6+630 e 7+530, o que permitirá garantir un itinerario peonil seguro entre os núcleos de poboación da contorna.

En concreto, executarase un tramo de senda peonil entre Corme Aldea e Corme Porto, pola marxe esquerda da estrada. O punto final da actuación tense desprazado ata o punto quilométrico 7+356, en lugar do 7+530 valorado inicialmente, xa que neste punto a nova senda proxectada únese cunha senda peonil existente que discorre pola marxe esquerda da estrada ata Corme Porto.

A lonxitude total do itinerario proxectado é de 685 metros. A senda proxectada consiste nunha senda en cor terrizo, de algo máis de 2 metros de ancho, cunha nova beiravía de 0,50 metros en todo o percorrido, á que se lle engade unha cuneta previa á senda entre os puntos 6+728 e o 7+356.

Así mesmo, neste proxecto inclúese o deseño dun muro de contención de formigón armado tipo ménsula, para minimizar as afeccións a unha vivenda existente nas proximidades do punto quilométrico 7+120 da AC-424 na súa marxe esquerda, minimizando así as escavacións en noiro.

Finalmente, na intervención prevese a pavimentación das entradas e accesos que deberán atravesar a senda proxectada, así como as actuacións necesarias de drenaxe da senda.

Tamén se inclúen a preinstalación dos servizos para as futuras redes de telecomunicacións e da rede de abastecemento. Esta nova senda é susceptible de contar co cofinanciamento de fondos europeos Feder 21/27.

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas someterá nos vindeiros días o proxecto á información pública, para efectos da Lei 8/2013, de estradas de Galicia, e para efectos expropiatorios. Para executar este novo itinerario cómpre a expropiación de 22 parcelas.

Tracking Pixel Contents