Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Xunta e Concello de Oroso destinan máis dun millón de euros a acondicionar a contorna do Camiño Inglés no Paseo do Carboeiro

Actuarase na zona do parque fluvial renovando sendeiros, iluminación, pistas multideporte, elementos biosaudables, xogos infantís, mobiliario e parque canino

Plano de localización do treito no que se acondicionará o Paseo do Carboeiro.

Plano de localización do treito no que se acondicionará o Paseo do Carboeiro. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Redacción

Oroso

O Consello da Xunta deu este luns o visto e prace ao acordo de colaboración técnica e económica entre o Goberno galego e o Concello de Oroso para o acondicionamento e a mellora da contorna do Camiño Inglés no Paseo do Carboeiro.

A actuación contará cun investimento total superior a un millón de euros. Polo termo municipal de Oroso discorre parte do Camiño de Santiago-Camiño Inglés. Ao longo do seu trazado, de elevado tránsito peonil, localízanse centros de hostalaría, locais comerciais e áreas de lecer vinculadas ao Camiño.

Actualmente, debido ás inclemencias meteorolóxicas e ao desgaste producido polo paso de viandantes, no Camiño de Santiago, é preciso acondicionar os sendeiros e o mobiliario na contorna, nalgúns casos en estado deficitario.

Así, o Goberno galego, en virtude do acordo previo asinado entre a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas e a Axencia de Turismo de Galicia, colaborará co Concello de Oroso cun investimento autonómico de máis de 840.000 euros, coa finalidade de acometer unha mellora paisaxística e da seguridade viaria, tanto dos peregrinos como dos veciños da zona, así como a promoción dos bens e recursos que se atopan na contorna do Camiño de Santiago, ruta do Camiño Inglés, ao seu paso polo Paseo do Carboeiro.

En concreto, preténdense unha intervención na contorna do parque fluvial do Carboeiro, que consistirá na mellora do firme dos sendeiros e na iluminación do parque que se atopa na contorna do Camiño de Santiago ao seu paso polo Paseo do Carboeiro, así como na renovación das pistas multideporte, dos elementos biosaudables, dos xogos infantís, do mobiliario e do parque canino.

Para levar a cabo esta intervención, a Xunta achegará o 80% do orzamento do custo das actuacións por un importe total de 840.814,90 euros. Así, a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas financiará o 40% da execución das obras (420.407,45 euros), que tamén contratará e executará.

A Axencia de Turismo de Galicia asume a obriga de financiar a execución das actuacións obxecto deste acordo, cunha achega do outro 40% do custo do orzamento total da obra (420.407,45 euros). Pola súa banda, o Concello de Oroso asumirá o 20% restante do custo das obras (210.203,73 euros), así como a redacción do proxecto das obras, a realización das xestións pertinentes para posibilitar a súa execución e incorporar ao patrimonio público municipal as actuacións que se leven a cabo.

O convenio autorizado polo Executivo autonómico permitirá acometer e incorporar ao patrimonio público municipal estas obras, cuxo prazo de execución é de seis meses, e producirá efectos a partir da data da súa sinatura e ata o 31 de decembro de 2027.

Esta actuación en Oroso enmárcanse na continuada colaboración entre a Xunta e as entidades locais para a execución de obras e outras actuacións de mellora de contornas urbanas, de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas e de equipamentos públicos que teñan por finalidade a revitalización do territorio e o reequilibrio territorial.

Ademais, o Goberno galego, a través das distintas medidas e de liñas de colaboración como o Plan Hurbe, contribúe a promover o desenvolvemento dos núcleos rurais da Comunidade como motores de dinamización, ao convertérense en puntos de localización dun importante número de servizos públicos e privados que permiten achegar o modelo urbano a todo o territorio.

Tracking Pixel Contents