Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

XUNTA LOCAL

Vimianzo reforza a seguridade para o Asalto ao Castelo, as festas e a Copa da Costa

O Concello ten unha taxa de criminalidade de 26 delitos por cada mil habitantes

A alcaldesa e o subdelegado do Goberno presidiron a Xunta Local de Seguridade.

A alcaldesa e o subdelegado do Goberno presidiron a Xunta Local de Seguridade. / D. G.

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Vimianzo

O subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde, copresidiu esta mañá xunto coa alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, a Xunta Local de Seguridade, na que se analizaron os dispositivos previstos para os principais eventos festivos e deportivos do concello para este verán, así como a situación da seguridade cidadá e da violencia de xénero.

Durante a reunión analizáronse os protocolos de actuación de cara ás celebracións do Asalto ao Castelo, a Faguía de Carnés, as festas da Carantoña e as festas do verán de Vimianzo, ademais do operativo previsto para a final da Copa da Costa que disputarán Muxía e Malpica o 24 de maio e á que se espera que asistan miles de persoas.

Máxima colaboración

Julio Abalde puxo en valor "a máxima colaboración existente entre a Garda Civil e a Policía Local, especialmente nos eventos multitudinarios e festivos", e destacou que esa coordinación resulta "clave para garantir a seguridade e a boa convivencia".

O subdelegado salientou tamén os bos datos de seguridade do municipio, cunha taxa de criminalidade de 26 delitos por cada mil habitantes, "moi inferior ás medias provincial, galega e estatal". Neste sentido, lembrou que Galicia é a segunda comunidade máis segura de España e que España continúa entre os países máis seguros de Europa.

Violencia de xénero

No apartado de violencia de xénero, a xunta local analizou a situación do sistema VioGén no municipio. Vimianzo está adherido a este sistema impulsado polo Ministerio do Interior para coordinar a protección das vítimas de violencia de xénero entre as distintas institucións implicadas. Desde 2018, o concello recibiu 95.125 euros procedentes dos Fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

A reunión serviu tamén para avaliar os resultados do Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e as súas Contornas. No caso de Vimianzo, participaron 92 persoas de dous centros educativos en actividades desenvolvidas pola Garda Civil sobre TIC e ciberseguridade, acoso escolar e ciberacoso, así como outras adiccións relacionadas coas apostas e os videoxogos.

Convivencia nos centros educativos

Julio Abalde aproveitou para destacar os resultados acadados polo Plan Director na provincia da Coruña durante 2025. Ao longo do ano participaron 349 centros educativos, o 75% dos existentes na provincia, cun incremento do 5% respecto ao ano anterior. En total, máis de 49.000 persoas participaron nas actividades impulsadas pola Policía Nacional e a Garda Civil.

No conxunto da provincia realizáronse 2.313 actuacións, das que 2.252 foron charlas e 61 actividades complementarias. Ademais, efectuáronse 6.135 vixilancias en 282 centros educativos e desarticuláronse tres puntos de venda de droga en contornas escolares.

Tracking Pixel Contents