A comunidade do IES do Milladoiro pecha a Semana Intercultural cun xantar solidario
Degustáronse petiscos interculturais como colofón a un programa cheo de teatro, música, artes visuais, danza, audiovisual, ciencia e gastronomía

Dous alumnos do IES do Milladoiro no xantar solidario. / Cedida
Redacción
O IES do Milladoiro (Ames) puxo fin á segunda edición da Semana Intercultural cunha gala presentada polo alumnado de Artes Escénicas. Posteriormente, realizouse unha festa no anfiteatro do Milladoiro, onde actuou o grupo Mekanika Rolling Band.
Como peche realizouse un xantar solidario, aberto á comunidade educativa do centro, no que se puideron degustar petiscos interculturais e que contou coa colaboración de Manel Oliveira e de Gonzalo Bigmoe e Madrineta, de Flaco.
Por parte do Goberno municipal asistiron ao xantar as concelleiras de Educación, Beatriz Martínez, e de Promoción Económica, Ana Belén Paz, e os concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, e de Xestión do Medio Natural, Javier Antelo.

Actuación do grupo De Vacas. / Cedida
Beatriz Martínez destacou que “a Semana Intercultural do IES do Milladoiro é unha proposta colectiva que integra aprendizaxe, convivencia e creación compartida, consolidando o centro como un espazo aberto á diversidade”.
Ademais, destacou da gala “a actuación dun grupo de alumnos que interpretou unha canción, ao tempo que recordaron o seu paso previo polo CEP de Ventín coa proxección de imaxes”. Tamén puxo o foco no testemuño dunha persoa migrante de orixe senegalés, que contou a súa experiencia de como chegou a Galicia.
O director do instituto, David Ponte, sinalou que o centro quixo seguir “na mesma liña que o ano pasado”, xa que queren “cambiar a narrativa arredor do instituto e dar unha visión positiva do que é o IES do Milladoiro e O Milladoiro en xeral”.
O director tamén destacou a alta implicación de “alumnado, institucións, Concello, terceiro sector e familias”, co obxectivo de manter unha iniciativa que “favorece o sentimento de pertenza do centro, e de unión e respecto á diversidade e ás diferenzas interculturais que temos no IES do Milladoiro, que son moitas”.
Xantar solidario
O xantar foi unha mostra de convivencia e encontro a través da capacidade de unión da gastronomía. A comida enténdese como un elemento cultural que permite compartir identidades, tradicións e formas de vida diversas. Actividades deste tipo promoven a participación activa da comunidade educativa e a colaboración con profesionais da hostalería.

No xantar solidario, aberto á comunidade educativa do centro, puideron degustarse petiscos interculturais. / Cedida
No evento de peche participaron cociñeiros e cociñeiras e entidades de prestixio dentro do mundo gastronómico da contorna, como Gonzalo Bigmoe, Manel Castro, o Centro de Hostalería de Lamas de Abade ou Chicha Lovers, que achegou ao xantar produtos gastronómicos. Tamén houbo participación de cociñeiros e cociñeiras sorpresa. A recadación do xantar foi destinada a fins solidarios.
Durante tres días, o IES do Milladoiro ofreceu unha ampla programación cultural e educativa na que participaron artistas e profesionais como De Vacas, Xavi Lozano ou o grupo Mekanika Rolling Band, xunto con entidades como a ONCE e Acougo.
Este programa incluíu actividades de teatro, música, artes visuais, danza, audiovisual, ciencia e gastronomía.
No transcurso desta edición tamén se realizaron obradoiros de serigrafía e modelado en barro, roteiros, gymkanas orientadas ao fomento da convivencia e espazos de reflexión sobre a discapacidade vista desde dento ou as familias de acollida.
Outro dos atractivos destes días foi o II Campus de Regueifa RegueiNovxs-Regueifesta, que reuniu no centro educativo regueifeiros e regueifeiras de diferentes puntos de Galicia.
Non obstante, o ramo a esta edición púxoo a II Gala Intercultural Somos diferentes, somos referentes, presentada polo alumnado de Artes Escénicas. Este evento incluíu intervencións artísticas, proxeccións audiovisuais e un faladoiro intercultural, así como a entrega de recoñecementos a persoas referentes en diversidade, cultura e compromiso social.
- El alcalde de Ames califica de excepcional la escasez de agua y pide tapar provisionalmente la fuga en la presa de A Ponte Maceira
- La terraza a una hora de Santiago donde comer en un molino de 1754 casi sobre el río: con Solete Repsol y junto a una cascada
- Padrón desinfectará en profundidad las calles del casco urbano
- Cuatro menores heridos en Teo al colisionar un turismo y un camión
- Prisión para 23 de los 26 detenidos en la operación en la que se decomisaron 1.600 kilos de cocaína en Muxía
- De Arzúa a Ames, los concellos del cinturón compostelano viven una tarde irrepetible
- El eclipse en Santiago, una sinfonía en clave de sol
- El barrio de Sar en Santiago se prepara para sus fiestas grandes: 'Aquí coñecémonos practicamente todos, somos como unha gran familia