Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

INDUSTRIA

A Laracha arma á veciñanza con alegacións contra a planta de biogás

O Concello pon á disposición da plataforma local a antiga escola da Fraga

Manifestación na Laracha contra a planta de biogás de Soandres.

Manifestación na Laracha contra a planta de biogás de Soandres. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
A Laracha

O Concello da Laracha vén de poñer á disposición da cidadanía o modelo de alegación ao proxecto da planta de biogás de Vista Alegre, na parroquia de Soandres, co obxectivo de facilitar a participación veciñal no procedemento administrativo actualmente en tramitación.

O documento, elaborado tomando como base as alegacións que presenta o propio Concello, está dispoñible para a súa descarga na páxina web municipal alaracha.gal. O prazo para a súa presentación remata o 26 de maio.

Tramitación presencial ou electrónica

En todo caso, o destino destas alegacións é a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, administración competente na tramitación do expediente e responsable da súa resolución. Non obstante, a cidadanía poderá rexistrar a documentación de maneira presencial no Concello a través do rexistro municipal, ou ben presentala directamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.

As alegacións municipais están fundamentadas, entre outras cuestións, na protección do patrimonio cultural, nos posibles riscos ambientais e de afección aos ríos da zona, nos impactos derivados do tráfico pesado e nas molestias asociadas aos cheiros da actividade prevista.

Rexeitamento unánime

O Concello da Laracha reafirma, unha vez máis, o seu "rexeitamento firme ao proxecto da planta de biogás de Soandres", unha postura xa expresada polo Goberno local, pola Corporación municipal de maneira unánime e tamén pola veciñanza e representantes dos municipios limítrofes na multitudinaria manifestación celebrada o pasado sábado.

Ademais, o Concello tamén puxo a antiga escola da Fraga de Soandres a disposición da plataforma veciñal Stop Biogás A Laracha para facilitar a cidadanía desa parroquia o procedemento de presentación das alegacións.

Tracking Pixel Contents