PATRIMONIO
Conta atrás para o Parque Arqueolóxico do Megalitismo da Costa da Morte
A Deputación da Coruña impulsa a expropiación dos terreos de oito xacementos

Alcaldes, deputados provinciais e técnicos no dolmen de Dombate, en Cabana. / D. C.
A Deputación da Coruña vén de licitar o servizo de asistencia técnica para a redacción dos proxectos de expropiación necesarios para desenvolver o Parque Arqueolóxico do Megalitismo da Costa da Morte, así como a posterior asistencia na execución material das expropiacións até acadar a súa firmeza administrativa.
O contrato abrangue actuacións nos concellos de Carballo, Laxe, Malpica, Mazaricos, Zas, Vimianzo e Dumbría e conta cun orzamento de licitación de 18.055 euros —IVE incluído—. O prazo de presentación de ofertas permanecerá aberto até o 25 de maio de 2026 ás 23.59 horas.

Xosé Penas, dereita, e José Muíño, alcalde de Cabana, en Dombate. / D. C.
Con esta actuación, a Deputación continúa avanzando no desenvolvemento do Parque do Megalitismo da Costa da Morte, despois da xuntanza de traballo celebrada o pasado 6 de marzo no Centro Arqueolóxico de Dombate cos concellos participantes no proxecto.
Naquela reunión abordáronse cuestións como o estado das expropiacións e a titularidade dos terreos, a futura sinalización das rutas e bens patrimoniais e a composición do comité científico do parque.
«Con esta licitación damos un novo paso para facer realidade o Parque Arqueolóxico do Megalitismo da Costa da Morte, un proxecto estratéxico para a protección, posta en valor e divulgación do patrimonio megalítico da provincia», sinala o deputado de Patrimonio, Xosé Penas.
Traballo coordinado cos sete concellos
Penas destaca que «o obxectivo desta primeira fase é avanzar na adquisición dos terreos máis próximos aos monumentos e garantir a súa protección e correcta integración nos futuros roteiros e espazos visitábeis do parque».
O deputado subliña tamén «o traballo coordinado que se está a desenvolver cos sete concellos implicados» e lembra que «o proxecto continúa avanzando tanto na parte administrativa e patrimonial como na definición da sinalización e das ferramentas de difusión e comunicación do parque».
O contrato ten por obxecto a redacción de sete proxectos de expropiación —un para cada un dos concellos implicados—, incluíndo os traballos de campo, documentos, planos, cartografías, informes, certificacións e fundamentos técnico-xurídicos necesarios para posibilitar a súa aprobación polos respectivos plenos municipais.
Así mesmo, unha vez aprobados os proxectos de expropiación polos concellos, a empresa adxudicataria deberá prestar a asistencia necesaria para a execución material das expropiacións.
Reportaxes fotográficas
Segundo recolle o prego técnico, os traballos incluirán a identificación e medición dos bens afectados, a elaboración de planos topográficos xeorreferenciados, reportaxes fotográficas, consultas catastrais e rexistrais e valoracións técnicas e xurídicas.
Os proxectos permitirán avanzar na adquisición dos terreos considerados prioritarios pola súa proximidade aos xacementos megalíticos, especialmente os espazos adxacentes aos monumentos e os terreos necesarios para o desvío de camiños co obxectivo de protexer os elementos patrimoniais.
Oito xacementos incluídos
Entre os enclaves incluídos figuran Pedra Moura de Aldemunde, en Carballo; Fornela dos Mouros, en Laxe; Pedra da Arca, en Malpica; Anta da Mina da Parxubeira, en Mazaricos; Pedra Vixía, en Zas; Casa dos Mouros ou Pedra da Arca, entre Dumbría e Vimianzo; Rabós, en Vimianzo; e Pedra da Moura de Monte Carnio.
- Continúa activo el incendio forestal en Padrón que ya ha calcinado 80 hectáreas
- De Ames a Negreira, las alumnas que lideran las notas de la PAU de Galicia: «Sabía que la nota era buena... pero no tanto»
- Conxo rinde homenaje al histórico árbol plantado por Moncho Cascarilla con una estatua tras su polémica tala
- El outlet Área Central de Santiago alarga este viernes su hora de cierre para convertirse en una 'Jungla' con descuentos del 50%
- El pueblo gallego que esconde cinco playas paradisiacas: arena blanca, aguas turquesa y un paseo a 50 metros de altitud
- El restaurante de Santiago que triunfa con sus cachopos: 'No tienen nada que envidiarle a los de Asturias
- Galicia se enfrenta a un episodio de calor extremo: alerta roja en Pontevedra y hasta 33 grados en Santiago
- Estuvo a punto de dejarlo y ahora este compostelano es campeón mundial de culturismo: 'La gente me dice que no sabe cómo soy capaz