Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Unha dúbida sobre a guerra inspirou á dramaturga María Peinado a peza gañadora do premio brionés Laudamuco

O xurado destacou o humor absurdo que o envolve todo cunhas personaxes froito dunha humanidade que todo o destroza

Recibiu a estatua de Xosé Vizoso, 7.000 euros e a edición da súa obra 'Maseira' ambientada en Lalín a cargo de Edicións Positivas

María Peinado, a carón do busto de Bolaño, con membros da organización do premio Laudamuco e amigos

María Peinado, a carón do busto de Bolaño, con membros da organización do premio Laudamuco e amigos / Concello

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Brión

A dramaturga María Peinado Casal (A Coruña, 1978) recibiu o galardón brionés da oitava edición do Premio Laudamuco para textos teatrais de mans da concelleira de Servizos Sociais, Rosa Romero; da vicepresidenta da Academia Galega de Teatro María Barcala; e o director de Edicións Positivas, Francisco Macías. Un certame literario convocado por estas tres entidades que “xa ten promovido a escrita de máis de 300 obras de teatro en galego, cumprindo así o desexo de Roberto Vidal Bolaño, ilustre veciño deste concello”, como apuntou Rosa Romero.

A autora coruñesa, que concorreu ao certame baixo o pseudónimo Shelley Duvall e coa obra 'Maseira', recibiu unha estatua deseñada por Xosé Vizoso, un exemplar da súa obra editada por Edicións Positivas, que tamén recolleron o máis de medio cento de persoas que encheron a sala municipal de exposicións de Brión; e os 7.000 euros cos que está dotado o premio Laudamuco, o máis elevado de todos os que se convocan anualmente no sector en Galicia.

En feminino

Rosa Romero puxo en valor que “María Peinado é a segunda muller que consegue este galardón nos seus oito anos de historia, tras Paula Carballeira aló poro 2022”, desexando que “este premio Laudamuco sexa un paso adiante máis na túa carreira, Non sei se che servirá para que o teu nome se escriba en maiúsculas entre o sector, como dicías nunha entrevista hai uns meses, pero o que si che garanto é que estará escrito en maiúsculas na historia deste premio”. Un punto no que fixo fincapé María Peinado, quen salientou que en Galicia “temos grandes dramaturgas” se ben recoñeceu que “cando me presento aos concursos ás veces dubido no pseudónimo. O de aquí foi Shelly Duvall, en homenaxe á protagonista de O Resplandor, e dubidei se poñelo porque así o xurado sabería que era unha muller. Temos moito andado pero queda aínda moito por andar”.

Sobre 'Maseira', indicou que o libro xurdiu a raíz dunha pregunta da súa filla maior sobre por que hai guerras e por que non se acaban. “Como no sabía que responderlle, empecei a escribir esta peza un pouco como vía de escape”, salientando “ese humor absurdo que o envolve todo cunhas personaxes froito dunha humanidade que todo o destroza”. Unhas personaxes que tomaron vida na sala de exposicións de Brión da man de actores e actrices de Teatro Ditea, que puxeron en escena un dos actos de 'Maseira' ambientado nunha marquesiña de autobuses de Goiáns (Lalín) onde tres nadadoras de natación sincronizada dialogaban cun tratante de gando local sobre a importancia do porco no Quilómetro Cero de Galicia. Un diálogo cómico sobre os porcos lalaínos que agochaba outro máis profundo sobre a existencia humana.

Novas xeracións

Pola súa banda, María Barcala tamén chamou a atención sobre o feito de que “é o segundo ano que gana unha dramaturga. No 2022 foi unha escritora consagrada como Paula Carballeira e hoxe é María Peinado, quen pertence ás novas xeracións do noso teatro e agardamos que este Premio Laudamuco axude a seguir creando teatro entre as novas xeracións”. Finalmente, Francisco Macías volveu poñer en valor a figura de Roberto Vidal Bolaño como escritor: “Roberto é un gran escritor que non ten a consideración que debería nin en Galicia nin en España”.

Este ano presentáronse un total de 46 textos ao certame, entre os que un xurado composto por María Cristina Domínguez Dapena, María Torres Fernández, Roberto Pascual Rodríguez, María Ángeles Cuña Bóveda e Manuel Gestoso González, que actuou como secretario, escolleu a obra titulada 'Maseira'. Unha peza da que destacaron “a súa orixinalidade, temática, uso da lingua e estrutura teatral”. Tal e como explicou Manuel Gestoso, voceiro do xurado, decidiron outorgarlle a María Peinado este premio “pola súa frescura e orixinalidade”, subliñando “o uso dun humor tendente ao absurdo que define un estilo propio e envolvente”. Igualmente, puxeron en valor “o seu carácter antibelicista, tratado dunha maneira non dogmática, o que permite unha lectura crítica e aberta. A narración constrúe un certeiro retrato dun mundo apocalíptico que conecta directamente coa realidade que vivimos no presente: a proposta sitúase en sintonía coa actualidade internacional, pero mantense ben asentada na realidade galega”.

Formación

María Peinado é directora, dramaturga e directora artística. Licenciada en Interpretación Textual pola Escola Superior de Arte Dramática de Galicia e formada en Filoloxía Inglesa pola UDC. Na súa traxectoria dirixa teatro, ópera, teatro infantil e teatro de títeres.

Tracking Pixel Contents