A poeta de Ames celebra os 100 anos
Foi a primeira muller en recibir a medalla do Concello amesán, en 2019
En 2018 foi homenaxeada no municipio polo Día Internacional das Mulleres

O alcalde de Ames, Blas García, a centenaria Filomena Fraga e a concelleira de Benestar Social, Uxía García, no fogar da poeta. / Cedida
O Concello de Ames suma unha nova veciña ao seu selecto grupo de centenarios. Trátase de Filomena Fraga Rey, veciña de Agrón e poeta recoñecida por todos no municipio, que fixo 100 anos este martes. Foi a primeira muller e a segunda persoa en recibir no ano 2019 a medalla do Concello de Ames, ademais dunha homenaxe especial polo Día Internacional das Mulleres en 2018, por ser exemplo vivo e un referente na loita pola igualdade.

Blas García e Filomena Fraga conversando na casa da poeta. / Cedida
Esta mañá recibiu na súa casa a visita do alcalde de Ames, Blas García, e da concelleira de Benestar Social, Uxía García, que quixeron felicitala en persoa e botaron un anaco conversando con ela. O rexedor destacou a súa vitalidade e o seu humor: “Para min, como alcalde, e para a veciñanza de Ames en xeral, é unha honra e un privilexio poder seguir desfrutando das vivencias que nos conta Filomena. É historia viva de Ames e a súa filosofía de vida é un exemplo para todos nós".
Na súa visita fixéronlle entrega dun agasallo que "non é do Goberno nin do alcalde, senón un modesto xesto de cariño que lle fai Ames a unha das súas veciñas máis ilustres no día do seu centenario”, indicou García.
Filomena é “unha muller labrega á que lle deu por escribir un libro”, como ela mesma se ten definido en múltiples ocasións. Segundo ten explicado ao longo da súa vida, durante a súa infancia apenas puido asistir á escola, pero aprendeu a ler e pasaba o tempo ollando a obra Áncora da salvación, do xesuíta José Mach, o único libro que había na súa casa.
Feminista e activista de referencia
A poeta amesá é unha referente na loita pola igualdade entre homes e mulleres. Con catorce anos comezou a traballar nunha casa na aldea do Portanxil da que marchou por negarlle un aumento de soldo por traballar o mesmo que os homes. Posteriormente, marchou ao Concello de Negreira, onde pasou a traballar en mellores condicións na casa do médico Manuel Negreira.
Cómpre destacar tamén o seu papel como activista na renovación educativa. En 1974 asistiu a unha xuntanza en Valladolid, como membro do Colexio Familiar Rural de Negreira, onde denunciou a situación de atraso que vivía o rural galego. Ademais, militou no Sindicato Agrario Galego.
'A Cancela': o punto de inicio da autora
En 1995 publicou a súa primeira obra, A Cancela, animada por Suso de Toro e costeando a primeira edición cos seus aforros. O volume inclúe poesía e vivencias persoais da centenaria. A obra foi reeditada en 2006 polo Concello de Ames.
No acto de homenaxe feito a Filomena, o 8 de marzo de 2018 polo Día Internacional da Muller, o escritor, guionista e profesor, Suso de Toro, destacaba que “foi unha persoa que, por circunstancias da vida, desde sempre non se conformou co rol de ficar na casa e atender eses traballos. Tamén tivo unha vida pública desde hai moitos anos. E naquel mundo, Filomena comportábase cunha grande dignidade e autoridade moral, con toda a seguridade e confianza que lle daba ser ela, saber que tiña dereito ás cousas que lle pertencían”.
Experiencia como actriz
Por outra banda, en 2010 participou no documental Señora de, dirixido por Patricia Ferreira. A amesá foi unha das protagonistas deste premiado documental, que mostra os testemuños de varias xeracións de mulleres ás que a sociedade non lles permitiu soñar.
- El pueblo medieval de Galicia que se convierte en la capital del arte: 25 espectáculos desde el viernes para reír, emocionarse y vibrar
- Una conductora se precipita con su coche desde el periférico al polígono de Costa Vella mientras escapa de la Guardia Civil en Santiago
- Cierra una de las cafeterías más queridas de Bertamiráns: 'Nunca pensamos que chegaría este día
- Muere Alfonso Tourís Nogueira, el enfermero y sindicalista que dirigió más de dos años el PSOE de Santiago
- De una punta a otra de España en tiempo récord: tres radares de Tráfico cazan al mismo conductor en Galicia, Zamora y Jaén más de 200 kilómetros por hora
- Susto por un incendio en el límite de Brión, Ames y Teo que se acercó a una aldea: 'Estuvo a unos 300 metros de las casas
- Air Nostrum recupera este verano una de las conexiones más singulares para Santiago
- Alquilar junto al mar en Galicia: de los 622 euros de Narón a los 1.352 de Sanxenxo