POLÉMICA
A oposición á planta de biogás da Laracha chega con 7.000 sinaturas á Xunta
Veciñanza, entidades locais e formacións políticas reforzan a fronte común contra a instalación

Representantes da Plataforma Stop Biogás presentaron as sinaturas na Xunta. / Cedida
Representantes da Plataforma Stop Biogás A Laracha rexistraron unha alegación colectiva contra o proxecto de Soandres. A iniciativa foi asinada por unhas 7.000 persoas, e elaborada co asesoramento de avogados, biólogos, arqueólogos e outros profesionais e colectivos especializados, "tras analizar milimetricamente o proxecto da empresa Bioenergía A Coruña SLU", afirman.
A iniciativa conta xa co posicionamento en contra do propio Concello da Laracha e do resto de grupos políticos do consistorio, tamén da Deputación da Coruña e dos concellos limítrofes coa Laracha que, xunto coa veciñanza, están preocupados polas consecuencias medioambientais dos vertidos de residuos líquidos ao río Anllóns, en cantidade equivalente a 2.000 camións cisterna cada ano. "Iso impactaría nos hábitats do río e da propia poboación que capta auga do río para o seu consumo", subliñan.
Outro dos puntos que máis preocupan é a contaminación do aire coa produción de cheiros prexudiciais para a saúde, tal como relatou o médico pneumólogo Evaristo Lombardero nunha das charlas informativas organizadas pola plataforma, na que partindo de datos científicos e casos reais, "a veciñanza puido comprobar os posibles danos á saúde deste tipo de macroproxectos na saúde das persoas".
Preparan máis mobilizacións
"A loita acaba de comezar e non imos parar", afirman dende a plataforma, que xa está organizando novas mobilizacións, actividades de divulgación, reunións institucionais e "accións de presión social, legal e política a todos os niveis", afirman.
Ás alegacións presentadas pola Plataforma, sumáronselles outras moitas presentadas tamén por entidades e asociacións locais como Salvemos o Noso, A.C.D. Santa Lucía, A.C. Comisión de Festas de Soandres, A.D.C de Soandres, Asociación de Cazadores de Mantiñán-Soandres.
Reclamacións do PSdeG-PSOE
Pola súa banda, o PSdeG-PSOE tamén presentou diversas alegacións ao proxecto. A voceira local, Inés Ramos, presentou ditas alegacións xunto á deputada autonómica Patricia Iglesias.
Ramos López subliña "a afectación ao día a día e á saúde dos veciños e veciñas, a desprotección do noso patrimonio arqueolóxico, e a contaminación do río Anllóns, río que dá de beber a case toda a comarca, entre outras cuestións".

A voceira do PSOE larachés Inés Ramos presentou as alegacións do seu grupo. / Cedida
Tamén mencionou o informe da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil no que, nun proxecto análogo noutra localización do territorio galego, explica, pronunciouse "alto e claro e manifestaba que non era viable medioambientalmente". Dende o PSOE da Laracha, engadiu, "estamos esperando con ansia ver que é o que di respecto ao caso de Soandres Augas de Galicia".
Criticou así mesmo que o alcalde da Laracha "se posicione ao lado dos veciños a través dunha moción presentada polo Partido Socialista, pero cando chega a Santiago a cousa é moi distinta", polo que lle pide que "fale cos seus compañeiros, dígalles que reciban aos veciños e veciñas e que reflexione sobre a súa postura neste punto".
A deputada Patricia Iglesias indicou que "no Parlamento de Galicia se amosou esa hipocrisía", e salientou que "a conselleira non respondeu á demanda dos veciños" e da plataforma veciñal en contra do proxecto.
Pregunta á Comisión Europea
Por outra banda, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, rexistrou unha pregunta dirixida á Comisión Europea para denunciar a preocupación social e ambiental xerada polo proxecto de macroplanta de biogás da Laracha.
Na súa iniciativa, Miranda pregunta á Comisión Europea se ten coñecemento deste proxecto e da posible afectación ás zonas naturais protexidas, así como das medidas concretas adoptadas polos gobernos galego e español para garantir a conservación destes espazos singulares ameazados.
- Llegan de Gran Canaria con sus dos hijos de 3 y 4 años para hacer el Camino tras una depresión y acaban siendo 'el aliento' de otros peregrinos
- Muere ahogado en una playa de O Grove Carlos Nieves, histórico concejal del PSOE de Santiago que estuvo 24 años en Raxoi
- Fallece el exalcalde de Negreira José Manuel López Tuñas
- La ruta favorita de Jesús Calleja para desconectar en Galicia: aldeas prerromanas y naturaleza a más de 1.000 metros de altura
- Pierde la vida un motorista en Carnota al salirse de vía a la altura de As Paxareiras
- La preocupación de una orquesta gallega por el futuro de las verbenas: «¿De qué sirve el relevo generacional si no hay público?»
- Gonzalo Míguez, profesor de Física Atmosférica en la USC: 'Si cambia el clima, tendrá que cambiar nuestra forma de cultivar
- Beatriz Romero, intérprete de signos de Rozalén, en Santiago: 'Cada vez más personas sordas se interesan por la música»