Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

INFRAESTRUTURAS

A Laracha moderniza a escola infantil A Galiña Azul con máis de 145.000 euros

Os traballos, financiados integramente pola Xunta, executaranse durante o verán

O alcalde, á dereita, e o xerente do Consorcio, na escola infantil da Laracha.

O alcalde, á dereita, e o xerente do Consorcio, na escola infantil da Laracha. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
A Laracha

A Xunta de Goberno Local da Laracha adxudicou á empresa Esqueiro S.L. a execución do proxecto de mellora das instalacións da escola infantil pública A Galiña Azul, unha actuación valorada en máis de 145.000 euros. A intervención contará co financiamento íntegro da Xunta de Galicia a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

O proxecto permitirá acometer unha renovación integral de diferentes espazos para reforzar a seguridade, o confort e a funcionalidade. Os traballos centraranse na zona máis antiga do edificio e incluirán actuacións de reparación, mantemento e modernización orientadas a adaptar as instalacións ás necesidades actuais da escola infantil.

Entre outras actuacións, renovaranse os pavimentos interiores, completarase a instalación de solo radiante, renovarase a pintura nos diferentes espazos e melloraranse elementos de carpintería, illamento e protección interior.

Novo mobiliario

Tamén se contempla a reforma dos aseos infantís, a instalación de novo mobiliario e espazos de almacenamento, así como diferentes actuacións destinadas a incrementar a eficiencia térmica e acústica do edificio, mellorar as condicións hixiénicas e reducir as necesidades de mantemento futuro mediante o emprego de materiais máis resistentes, sostibles e adaptados ao uso diario nun contorno educativo infantil.

A previsión é aproveitar o período estival para executar os traballos de maior complexidade, de maneira que as instalacións poidan estar plenamente operativas de cara ao inicio do próximo curso e que as obras interfiran o menos posible na actividade ordinaria do centro.

Unha escola máis confortable

Con esta actuación, o Concello da Laracha, da man da Xunta de Galicia, "continúa avanzando na mellora e modernización das infraestruturas municipais vinculadas aos servizos educativos e de conciliación, contribuíndo a ofrecer espazos máis seguros, accesibles e confortables tanto para os nenos usuarios como para o persoal da escola infantil", subliñan dende o goberno local.

Tracking Pixel Contents