SECTOR COMERCIAL
Máis de 225 negocios da Costa da Morte adheridos aos bonos Activa Comercio
En apenas día e medio descargáronse arredor de 120.500 bonos en toda Galicia

A alcaldesa, esquerda, e a delegada da Xunta, na tenda Máis Deporte de Cee. / X. G.
Dous establecementos ceenses, Máis Deporte e Opticalia Cee, recibiron a visita da delegada da Xunta, Belén do Campo, da alcaldesa, Margot Lamela, e concelleiros locais, para animar a veciñanza a descargar e facer uso dos bonos Activa Comercio, cuxo prazo de solicitude abriu o mércores e que, segundo as previsións, poderían esgotarse nos próximos días debido á elevada demanda.
Agradeceu a implicación do sector comercial na campaña e sinalou que na mañá do xoves xa se descargaran arredor de 120.500 bonos en toda Galicia. Ademais, nos preto de 6.300 negocios adheridos ata o momento lévase trocado máis de 1 millón de euros en descontos, cunha mobilización total de vendas que supera os 4,5 millóns de euros.

A delegada da Xunta, no centro, en Opticalia Cee. / X. G.
No caso da provincia da Coruña, hai 2.300 comercios participantes, nos que se levan trocado 308.000 euros en descontos, cunha mobilización total de vendas de arredor de 1,3 millóns de euros.
Na Costa da Morte están adheridos máis de 225 negocios, cifras que reflicten "a confianza do pequeno comercio nun programa que beneficia tanto aos establecementos como ás persoas consumidoras", subliñou Do Campo.
A representante autonómica lembrou que esta nova convocatoria conta cun orzamento de 2,5 millóns de euros e estima mobilizar arredor de 8,5 millóns de euros en vendas no conxunto da comunidade. Ademais, destacou que a Xunta de Galicia prevé destinar inicialmente 5 M€ durante 2026 a esta campaña pioneira, coa que busca revalidar o éxito dunha iniciativa que desde 2021 xa leva mobilizados máis de 122 M€.
Descontos de ata 30 euros
Os bonos poden descargarse desde a web bonosactivacomercio.gal e permiten acceder a descontos de ata 30 euros nas compras realizadas nos comercios participantes. O sistema aplica diferentes descontos segundo o importe da compra: 5 euros para compras entre 20 e 30 euros; 10 euros nas compras entre 30 e 50 euros; e 15 euros para importes superiores.
Do Campo tamén destacou como novidade desta edición a posta en marcha dun sorteo complementario a través das redes sociais oficiais da Xunta en Instagram e TikTok, co obxectivo de contribuír á promoción do comercio local. Entre as persoas que empreguen os bonos e participen nas publicacións da campaña sortearanse catro bonos adicionais de 250 euros para consumir nos establecementos adheridos.
- Las nuevas conexiones nacionales de Lavacolla permitirán viajar a Italia por 30 euros
- Ghaleb Jaber Ibrahim, empresario e impulsor de la Fundación Araguaney, será el pregonero de las Festas do Apóstolo 2026
- Cambio de tiempo en Santiago: MeteoGalicia alerta de fuertes precipitaciones este lunes
- Piden cuatro años de prisión para un policía urbanístico de Santiago por falsificar el informe de una obra en Fontiñas
- Borja Iglesias sorprende en la celebración del Mundial cantando un clásico del rap español
- El cementerio gallego que opta a ser el mejor camposanto de España: 'Una nueva forma de entender los espacios funerarios
- Excarcelan a un hombre tras chocar su coche contra un camión aparcado en Santiago
- Santiago celebra en la Plaza Roxa el Mundial de España