Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Ten a parroquia amesá de Agrón o segredo da lonxevidade?

No concello con máis nacementos que defuncións, Carmen Vázquez, a veciña máis lonxeva, cumpre 104 anos

No mesmo núcleo, Filomena Fraga entrou no selecto club dos centenarios o 19 de maio

Blas García coa centenaria Carmen Vázquez.

Blas García coa centenaria Carmen Vázquez. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Redacción

Ames

O alcalde de Ames, Blas García, desprazouse este martes ata Agrón para visitar e felicitar a Carmen Vázquez, que celebrou o seu 104 aniversario rodeada do cariño da súa familia e das persoas máis achegadas.

O rexedor desexoulle un feliz aniversario e apuntou a Agrón como "a parroquia que garda o segredo da lonxevidade".

Durante a visita, o rexedor municipal compartiu con Carmen unha conversa na que puido coñecer de primeira man algunhas das súas vivencias e trasladarlle os parabéns de toda a veciñanza amesá por unha data tan especial.

Como é tradición nestes casos, o Concello quixo sumarse á celebración e renderlle unha pequena homenaxe a unha muller que forma parte da historia viva do municipio.

Ames conta cun novo motivo de orgullo, xa que Carmen pasa a formar parte dun reducido e destacado grupo de persoas centenarias do concello. Ademais, a súa celebración chega apenas dúas semanas despois de que outra veciña de Agrón, Filomena Fraga, poeta amesá e Medalla do Concello de Ames, acadase tamén os 100 anos de idade o pasado 19 de maio.

A coincidencia de que ambas as dúas residan na mesma parroquia converte Agrón, segundo o alcalde, nun "exemplo singular de lonxevidade" dentro do municipio. Dúas mulleres centenarias, referentes para as súas familias e para a comunidade, que representan a memoria, os valores e a experiencia acumulada ao longo de máis dun século de vida.

O alcalde destacou durante a visita a importancia de recoñecer e acompañar as persoas maiores do municipio. “Pese a ser o concello máis novo de Galicia, non nos esquecemos dos nosos maiores, pois son quen de recordarnos o que somos e de onde vimos. Temos moito que aprender deles. Agrón xa conta con dúas veciñas centenarias que contan con todo o noso cariño e afecto e queremos seguir desfrutando delas moitos anos máis”, sinalou.

Ademais, o rexedor municipal puxo en valor o papel fundamental que desempeñan as persoas maiores na sociedade e destacou a importancia de seguir promovendo políticas e iniciativas que favorezan o seu benestar, participación e calidade de vida.

Tracking Pixel Contents