Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

PATRIMONIO

A restauración do santuario da Barca de Muxía pechará as feridas do incendio de 2013

A Xunta inviste 415.820 € para mellorar muros, ventás, cuberta e instalacións

Vilela, esquerda, Turnes, Do Campo, Sar e Monteserín no santuario da Barca.

Vilela, esquerda, Turnes, Do Campo, Sar e Monteserín no santuario da Barca. / X. G.

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Muxía

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Muxía, Javier Sar, pola tenente de alcalde, Sandra Vilela, polo director territorial da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, Severino Monteserín, e polo párroco Daniel Turnes, visitou hoxe o Santuario da Virxe da Barca para anunciar a adxudicación das obras da segunda fase da súa restauración á empresa Aquablue Sistemas Constructivos, por un importe de 415.820 euros e cun prazo máximo de execución de nove meses.

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude continuará avanzando na recuperación integral do santuario para devolverlle todo o seu esplendor e garantir a súa adecuada conservación para as futuras xeracións.

Do Campo, á dereita, durante a visita ao santuario de Muxía.

Do Campo, á dereita, durante a visita ao santuario de Muxía. / X. G.

As actuacións previstas inclúen a substitución dos recebos interiores mediante a aplicación dun revoco de cal en tres capas que favoreza a correcta transpiración dos muros. Previamente realizarase unha limpeza dos paramentos descubertos mediante técnicas específicas baseadas no uso de polpas de papel e auga destilada. Ademais, nos paramentos de pedra vista procederase á limpeza e substitución dos rexuntados deteriorados.

No exterior do edificio actuarase sobre as estruturas de pedra para eliminar a sucidade acumulada e mellorar o seu estado de conservación. Estes traballos completaranse coa reposición das xuntas mediante morteiros de cal compatibles cos materiais orixinais do inmoble.

A delegada da Xunta, no centro, no exterior do templo muxiano.

A delegada da Xunta, no centro, no exterior do templo muxiano. / X. G.

A intervención contempla tamén a substitución das 11 ventás afectadas por novas carpinterías de bronce, máis adecuadas para as condicións ambientais do enclave e acordes cos criterios de conservación patrimonial. Así mesmo, recuperarase o pavimento orixinal de lousa granítica da sancristía, respectando o estado de conservación das pezas existentes.

Entre as actuacións previstas figura igualmente a revisión dos sistemas de fixación e ancoraxe dos púlpitos, o tratamento da tarima de madeira do camarín e a revisión das instalacións de electricidade, saneamento e protección contra incendios. Tamén se acometerán traballos para solucionar os puntos de entrada de auga detectados na cuberta, recuperar os ferraxes das portas e instalar trapelas nas saídas das torres.

Belén do Campo lembrou que o Santuario da Virxe da Barca conta cunha especial protección polo seu valor cultural, ao tratarse dun ben pertencente ao Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia. Ademais, a súa localización no Camiño de Santiago a Fisterra e Muxía "converte este enclave nun dos destinos máis significativos para peregrinos e visitantes", afirmou.

Referencia cultural, relixiosa e turística

Destacou ademais que esta nova actuación supón "un paso decisivo para culminar a recuperación dun dos espazos patrimoniais máis representativos de Galicia e contribuír á conservación dun enclave que constitúe unha referencia cultural, relixiosa e turística de primeira orde".

“O noso obxectivo é garantir a preservación deste santuario, símbolo da identidade e da historia de Galicia, para que continúe sendo un lugar de encontro para veciños, peregrinos e visitantes durante moitas xeracións máis”, concluíu a delegada.

Incendio de 2013

Cómpre lembrar que o incendio rexistrado o día de Nadal de 2013 provocou importantes danos na cuberta e no interior do santuario, chegando a producir o colapso da estrutura da nave principal. Tras o sinistro, realizáronse actuacións de emerxencia para garantir a seguridade tanto do ben patrimonial como das persoas.

En xaneiro de 2014, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural impulsou a redacción do proxecto de restauración do santuario mediante o procedemento de emerxencia. Promovida pola Arquidiocese de Santiago de Compostela, a actuación permitiu definir os traballos necesarios para recuperar a funcionalidade do templo a través dun exhaustivo estudo das patoloxías e danos existentes.

A primeira fase das obras posibilitou a consolidación dos muros e das bóvedas, a reconstrución da estrutura de madeira e da cuberta de lousa, a restauración das estruturas de pedra afectadas polo lume, a recuperación dos pavimentos, a renovación das carpinterías e das instalacións eléctricas e de protección contra o raio, así como a dotación de novo mobiliario litúrxico e elementos básicos para o desenvolvemento da actividade relixiosa.

Santuario

O Santuario da Virxe da Barca constitúe un dos lugares de maior relevancia espiritual e patrimonial de Galicia. Segundo a tradición, neste lugar produciuse a aparición da Virxe María ao Apóstolo Santiago para animalo na súa tarefa evanxelizadora. A lenda sinala que a Virxe chegou nunha embarcación de pedra, da que derivan elementos tan coñecidos como a Pedra do Temón, a Pedra de Abalar ou a Pedra dos Cadrís, todas elas profundamente vinculadas ao imaxinario popular galego e ás tradicións relacionadas coa saúde e a fertilidade.

Aínda que se considera probable que a orixe do santuario se remonte aos primeiros tempos da cristianización de Galicia, as primeiras referencias documentais coñecidas datan de comezos do século XVI. As ruínas dun antigo hospital medieval situadas na contorna evidencian, ademais, a importancia que xa tiña este lugar como centro de peregrinación durante a Idade Media.

Edificación barroca

O actual templo foi construído no século XVIII e ao longo dos anos incorporou distintos elementos que conforman o conxunto patrimonial actual, entre eles a casa reitoral, levantada en 1828; a espadana independente da igrexa, datada en 1834; e as torres campanario da fachada occidental, engadidas en 1958.

Trátase dunha edificación barroca de gran sobriedade arquitectónica, construída en perpiaño e cachotería de granito, cunha planta de cruz latina e unha destacada integración na paisaxe costeira de Muxía.

Tracking Pixel Contents