Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

PATRIMONIO

Un santuario e unha posible vivenda da primeira Idade do Ferro saen á luz no Castro das Barreiras

O xacemento de Vimianzo convértese nun referente para o estudo da cultura castrexa na Costa da Morte

A alcaldesa, Mónica Rodríguez, e o arqueólogo Tito Concheiro, no centro, no castro.

A alcaldesa, Mónica Rodríguez, e o arqueólogo Tito Concheiro, no centro, no castro. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Vimianzo

O Concello de Vimianzo vén de concluír a campaña arqueolóxica de 2026 no Castro das Barreiras, unha intervención que achegou importantes novidades para o coñecemento deste xacemento e que confirma o seu enorme potencial científico e patrimonial.

Os traballos centráronse nun sector da muralla onde se realizaron algúns dos descubrimentos máis relevantes das campañas desenvolvidas ata o momento. Entre eles destaca a documentación dun sistema de acceso á fortificación mediante escaleiras, unha estrutura que permite comprender mellor a organización interna e o funcionamento das defensas do asentamento.

Santuario localizado no Castro das Barreiras en Vimianzo.

Santuario localizado no Castro das Barreiras en Vimianzo. / Cedida

A intervención permitiu tamén identificar un espazo de carácter sacro situado xunto á muralla, delimitado por unha serie de altares con betilos. A localización deste santuario constitúe un dos achados máis significativos da campaña, xa que reforza a interpretación da muralla non só como elemento defensivo, senón tamén como espazo cargado de simbolismo para a comunidade que habitou o castro.

Os materiais arqueolóxicos recuperados son maioritariamente de tradición indíxena, destacando a presenza dun único fragmento de cerámica romana.

Estes datos contribúen a avanzar no estudo das prácticas relixiosas das comunidades castrexas e abren novas vías de investigación sobre a orixe e evolución deste tipo de espazos rituais documentados en varios asentamentos costeiros de Galicia.

Algunhasa das pezas cerámicas e pétreas que sairón á luz na última escavación.

Algunhasa das pezas cerámicas e pétreas que sairón á luz na última escavación. / Cedida

Outro dos resultados máis destacados da campaña foi a localización dunha vivenda situada baixo niveis de ocupación xa coñecidos. Aínda que as análises cronolóxicas continúan en marcha, as evidencias arqueolóxicas apuntan a que esta estrutura podería corresponderse cunha fase moi temperá do asentamento, posiblemente vinculada ás primeiras etapas da Idade do Ferro, o que situaría a ocupación do Castro das Barreiras nunha cronoloxía anterior á considerada ata agora.

Co fin de garantir a conservación dos restos descubertos, o equipo arqueolóxico dirixido por Tito Concheiro aplicou medidas de protección preventiva nos elementos máis sensibles, especialmente nos calzos asociados aos betilos, que permanecerán preservados ata futuras actuacións de investigación e restauración.

Área na que se centraron as escavacións da última campaña arqueolóxica.

Área na que se centraron as escavacións da última campaña arqueolóxica. / Cedida

Á vista dos resultados acadados, as próximas campañas centraranse na ampliación da área de escavación cara aos sectores adxacentes da muralla e das zonas de hábitat. O obxectivo será completar o estudo deste espazo sacro e avanzar no coñecemento das primeiras ocupacións do castro, nun proxecto que se perfila como unha investigación a longo prazo.

O Concello de Vimianzo destaca o valor destes descubrimentos para o coñecemento da historia local e reafirma o seu compromiso "coa protección, investigación e divulgación do patrimonio arqueolóxico, convertendo o Castro das Barreiras nun referente para o estudo da cultura castrexa na Costa da Morte", subliñan.

Tracking Pixel Contents