Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

FORMACIÓN

Sete anos axudando aos maiores de Carballo a usar o móbil

Os obradoiros municipais de capacitación dixital chegaron este curso a 157 persoas

Curso de manexo de móbiles no centro social de Goiáns, en Carballo.

Curso de manexo de móbiles no centro social de Goiáns, en Carballo. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Carballo

O Concello de Carballo pecha unha nova edición dos obradoiros de capacitación dixital centrados no uso de teléfonos móbiles cun balance moi positivo. Ao longo do curso actual, un total de 157 veciños e veciñas maiores de 60 anos participaron de xeito activo nestas accións formativas gratuítas organizadas pola Concellaría de Terceira Idade.

En total impartíronse 100 horas de formación repartidas en 10 grupos diferentes, achegando as novas tecnoloxías directamente ás distintas parroquias e espazos municipais para facilitar a asistencia dos usuarios.

O último curso impartiuse na parroquia de Goiáns, no novo centro social de Xoane, onde as persoas participantes recibiron a visita do alcalde, Daniel Pérez; a concelleira de Terceira Idade, Mar Eirís, e o concelleiro de Participación Veciñal, Ramón Varela. E o xoves porase o broche final ao último dos obradoiros programados na aula Cervantes do mercado municipal de Carballo.

Programa Remocea

Estes talleres forman parte do programa municipal Remocea. Para asegurar a viabilidade e dinamización do rural, os obradoiros descentralizáronse naqueles centros sociais cun mínimo de persoas inscritas. Así, o itinerario deste curso chegou aos centros sociais de Rus, Imende, Bértoa, Verdillo, Razo e Goiáns, xunto cos catro cursos que se impartiron en Carballo.

Os cursos de telefonía móbil teñen xa unha longa traxectoria en Carballo, vense celebrando desde o ano 2019 e sempre en colaboración coa Cruz Vermella. Ao longo destes sete anos, centos de persoas maiores do municipio puideron romper a fenda dixital e gañar autonomía no seu día a día. Vista a excelente acollida e a demanda constante, desde a Concellaría de Terceira Idade preténdese seguir dando continuidade a estas accións formativas.

Tracking Pixel Contents