Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

XORNADAS

Mobilidade eléctrica, eficiencia e iluminación sostible: Carballo mira ao futuro

Expertos, empresas e administracións avalían ata o venres os retos da mobilidade e a eficiencia enerxética.

O alcalde, Daniel Pérez, esquerda, e o tesoureiro de Axober, Marcos Díaz, inauguraron as xornadas.

O alcalde, Daniel Pérez, esquerda, e o tesoureiro de Axober, Marcos Díaz, inauguraron as xornadas. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Carballo

O Fórum Carballo é dende hoxe e ata o venres o epicentro do debate sobre a transición enerxética coa celebración do Noroeste 0 emisións, un encontro organizado pola Asociación de Xóvenes Empresarios de Bergantiños (Axober) que reúne a expertos, empresas e representantes das administracións. 

O evento arrincou esta mañá cunha sesión inaugural que correu a cargo do alcalde, Daniel Pérez; e do tesoureiro de Axober, Marcos Díaz. Ambos puxeron en valor a importancia de xerar espazos de encontro como este para avanzar cara un modelo económico máis sostible e adaptado aos desafíos actuais.

"O futuro depende das actuacións do sector privado, das administracións públicas e da sociedade co fin de avanzar todos e todas cara a ese obxectivo común de emisións cero", indicou o rexedor de Carballo. 

O Noroeste 0 emisións, que se desenvolve ata o venres, pretende situar a comarca de Bergantiños como referente no impulso de solucións reais en materia de eficiencia enerxética e mobilidade limpa.

Iluminación responsable

Baixo o título Bergantiños, Boas Noites, a programación da mañá centrouse no papel da noite como motor de desenvolvemento territorial, cultural e turístico. Ao longo da xornada abordáronse cuestións clave como a iluminación pública responsable, o urbanismo sostible ou o ecodeseño aplicado aos espazos urbanos. Especialistas como Coque Alcázar, Pedro Calaza ou Iago Martínez Garrido analizaron os retos actuais na planificación da iluminación e o seu impacto no medio ambiente e na calidade de vida da cidadanía.

Tamén tiveron protagonismo novas perspectivas sobre o uso dos espazos nocturnos, o turismo astronómico e experiencial, así como a necesidade de preservar a calidade do ceo nocturno. A xornada da mañá completouse cunha mesa redonda na que participaron distintos profesionais e representantes do sector, que debateron sobre tecnoloxías e estratexias para avanzar cara a contornas máis sostibles.

Solucións de cero emisións

Xa pola tarde, o foco trasládase á mobilidade eficiente e sostible, cun bloque específico dedicado ás solucións de cero emisións. Distintos expertos analizarán os sistemas actuais de recarga para vehículos eléctricos e novas alternativas enerxéticas, ademais de celebrarse unha mesa de debate sobre a evolución do vehículo eléctrico e os retos do sector.

Ao longo dos tres días que dura o Noroeste 0 emisións haberá unha exposición de vehículos eléctricos nos exteriores do edificio do Fórum Carballo na que participan cinco concesionarios da zona: Hypersa Carballo, Corgal Automóviles, Dimolk, Skoda Pensado Motor e Baleato.

Talleres centrados na luz

A programación do Noroeste 0 Emisións continúa o xoves cunha serie de talleres centrados na luz, a cor e as sombras, impartidos pola Asociación Slowlight, nos que participarán alumnos e alumnas do CEIP Xesús San Luís Romero de Carballo. Xa pola tarde, a actividade completarase con dous novos obradoiros de light painting, abertos á mocidade.

Outra das citas destacadas do encontro será o paseo nocturno interactivo A noite das cores, que percorrerá algúns dos espazos máis emblemáticos de Carballo. Cada participante contará cunha lanterna para crear diferentes efectos lumínicos e achegarse, dun xeito práctico, á técnica do light painting, amplamente empregada na fotografía.

A andaina partirá ás 22.00 horas desde o Fórum Carballo, cun percorrido de baixa dificultade que rematará na Praza do Concello. Trátase dunha actividade aberta a toda a veciñanza.

Eficiencia enerxética

A xornada do venres abordarase a "gran asignatura pendente": a eficiencia enerxética, da man de seis especialistas. Abrirá a quenda de intervencións José Ángel Abad, xefe da área de Aforro e Eficiencia Enerxética do INEGA, disertará sobre Los CAES y como monetizar el esfuerzo inversor en medidas de ahorro y eficiencia energética MAES.

Iván Andrade, director técnico de Energal SL., delegado en Galicia e membro da xunta directiva da Asociación Nacional de Empresas de Eficiencia Enerxética (A3E), presentará a ponencia Contratos ESE, a fórmula máis innovadora de xestión enerxética para todo tipo de organizacións públicas e privadas.

De seguido, Álvaro Piñeiro, xerente de Ferrovial SA para Galicia e Asturias e experto en xestión de contratos de servicios energéticos exporá Casos de éxito na xestión de contratos de Servizos Enerxéticos, incluindo a tramitación dos CAES.

O mercado enerxético

Pola súa banda,  Xosé Manuel Golpe, presidente da Asociación Galega de Comunidades Enerxéticas (AGACEN), deputado autonómico e membro da comisión de enerxía, e técnico de enerxía da Deputación Provincial da Coruña abordará O mercado enerxético OMIE. Como funciona e que actores interveñen nel.

Alfonso Sánchez, director de grandes contas e contas estratéxicas da compañía Inelcom e experto en sistemas de comunicación e telexestión nos contratos de servizos enerxéticos presentará a ponencia A comunicación 4.0 da enerxía, sistemas de control e telexestión e a democratización dos datos.

Pechará as xornadas Miguel Ángel Zamorano, director comercial en España da compañía Imesapi, quen disertará sobre A rehabilitación enerxética do sector residencial en España: a gran asignatura pendente.

Tracking Pixel Contents