Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Ritmos electrónicos, folk, foliada, gastronomía, artesanía e maxia: este é o menú musical da Festa da Carballeira de Zas

Celebrarase na segunda fin de semana de agosto e actuarán, entre outros, o clarinetista bretón David Pasquet, os irlandeses Blackwest e as galegas Fillas de Casandra

Pola esquerda, Diego Blanco, Xurxo Fernandes, Manuel Muíño, Natividade González e Cristina Canosa.

Pola esquerda, Diego Blanco, Xurxo Fernandes, Manuel Muíño, Natividade González e Cristina Canosa. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Zas

A Festa da Carballeira de Zas prepárase para facer historia coa súa 41ª edición, unha das máis ambiciosas, potentes e agardadas polo público. Así o anunciaron este xoves a deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González; o alcalde de Zas, Manuel Muíño; a técnica de Gastronomía e Proximidade de Estrella Galicia, Cristina Canosa; o director do festival, Diego Blanco; e o membro do grupo Radio Cos, Xurxo Fernandes, nun acto que se celebrou na Cervexaría Estrella Galicia da Coruña.

Natividade González sinalou que para a entidade provincial é un "orgullo" colaborar economicamente co festival, e destacou o traballo da organización: “Desde á área de Cultura queremos poñer en valor o incrible esforzo de todas as persoas que poñen a alma en sacar adiante este proxecto. Para nós é un orgullo colaborar economicamente co festival, camiñando da man da organización para tecer redes e crear unha riqueza cultural que xa é referente para a provincia, para o país e para todo o Estado”, sinalou.

Ademais, a titular de Cultura celebrou a aposta do festival por unha programación "para todos os públicos" con actividades familiares "que conquistarán tamén aos máis pequenos".

A 41ª Festa da Carballeira consiste en dúas xornadas nas que a música de raíz, a gastronomía local e a identidade comunitaria se fusionarán nunha experiencia única para todas as xeracións.

Programación

O venres 7 de agosto, o festival abrirá as súas portas a partir das 22.00 horas co son de El Nido. A noite continuará coa revolucionaria fusión de música electrónica e tradicional de Baiuca, para pechar a primeira xornada por todo o alto co prestixioso clarinetista bretón David Pasquet.

O sábado 8 a música comezará ao mediodía cun formato totalmente familiar e interxeracional da man de Paco Nogueiras, a música de Xabier Díaz, o espectáculo da CE Orquesta Fantasma e o ilusionismo do Mago Teto. Esa intensa mañá servirá como antesala para a tradicional e gran foliada popular.

Xa de cara á noite do sábado, os grandes concertos principais encherán o recinto coas propostas de Alana, o directo de Radio Cos, o folk internacional dos irlandeses Blackwest e o agardado directo do dúo Fillas de Cassandra. O broche final e o peche desta edición correrá a cargo do ritmo de Señora DJ.

Ademais da programación musical, como é tradición, todos os asistentes disporán dun espazo lúdico infantil, feira de artesanía, unha coidada e variada oferta gastronómica e a habitual zona de acampada gratuíta, dotada con baños e duchas, situada a moi poucos metros do recinto musical, na Carballeira de Velar de Zas.

A venda anticipada de bonos online está a recibir unha gran resposta por parte do público. Os abonos regulares pódense adquirir a través de páxina oficial do festival e nas súas redes sociais oficiais (Facebook, Instagram e X).

De cara aos días do evento, os prezos fixados para as entradas en taquilla serán de 20 euros para o venres, 20 euros para o sábado, e un abono para os dous días completos por un prezo de 30 euros.

Co obxectivo de fomentar a remuda xeracional e facer do festival unha experiencia aberta e accesible para todo o mundo, haberá entrada totalmente gratuíta para os menores de 14 anos e para os maiores de 65.

Tracking Pixel Contents