VIMIANZO - LAXE
Da ameaza das canteiras aos eólicos: 20 anos de mobilización polos Penedos de Pasarela e Traba
O Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte conmemorou a marcha reivindicativa de 2006
Alerta do atraso na posta en marcha do Plan de Xestión da Paisaxe Protexida

Participantes na marcha conmemorativa polos Penedos de Pasarela e Traba. / Cedida
O Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (Semescom) celebrou este sábado unha ruta conmemorativa dos 20 anos da marcha reivindicativa que logrou paralizar unha canteira que ameazaba os Penedos de Pasarela e Traba, hoxe declarados Paisaxe Protexida de Galicia.
Os participantes iniciaron a marcha na Escola de Pasarela (Vimianzo) onde se entregou a cada participante a publicación Vinte anos de loita polos Penedos de Pasarela e Traba, publicada polo Semescom, e tamén se venderon camisetas conmemorativas.

Portada da publicación do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte. / Cedida
Ao longo do percorrido fixeron dúas paradas: unha na Pedra Cachucha e outra diante da Pedra Multiforme, onde tivo lugar o acto central no que interviñeron o catedrático de Xeoloxía da UDC, Juan Ramón Vidal Romaní; e o presidente do Semescom, Xosé María Lema. Ademais, deron lectura a unha poesía de Sol Rivas e a cita estivo amenizada polo grupo Os Muiñeiros de Cantos de Taberna, de Santiago.
Foi un acto no que, "celebramos polos menos tres vitorias principais acadadas nestes vinte anos de loita", afirmou Xosé María Lema. Lembra que, xa con anterioridade, en 1997, se conseguira "botar abaixo unha canteira", mais as pantasmas volveron planear sobre os Penedos.
Iso desencadeou a "marcha histórica" do 11 de xuño de 2006, baixo o lema Salvemos os Penedos!, que xuntou máis de 300 persoas e representantes do Semescom, Instituto de Estudos Bergantiñáns, Adega, Axvalso, Adiante Soneira. Tamén se sumou o escritor Manolo Rivas, quen deu lectura ao manifesto A fermosa xeografía da dignidade. Esta foi, segundo Lema Suárez, "a nosa primeira gran vitoria".

Participantes na marcha diante dun dos singulares Penedos de Pasarela e Traba. / Cedida
Aquela marcha deu lugar á constitución dunha comisión que, asesorada polo catedrático de Xeoloxía da UDC, Juan Ramón Vidal Romaní, que se reuniu co entón director xeral de Medio Ambiente para tentar paralizar o segundo intento de crear unha canteira na zona.
Rexeitamento dunha segunda canteira
A Xunta decidiu entón encargar un informe ao catedrático de Xeografía da Universidade de Santiago, Augusto Pérez Alberti, "quen elaborou un informe moi completo que deu pé a que o 12 de xaneiro de 2009 a Xunta rexeitase esa segunda canteira, comprometéndose a desenvolver un plan de xestión e posta en valor en dous anos, aínda que logo, co cambio do Goberno autonómico esa promesa quedou aparcada máis de dez anos", subliña Lema Suárez.

Zona onde se pretendía habilitar unha canteira nos Penedos de Pasarela e Traba. / Cedida
Dende o Semescom seguiron traballando, publicando calendarios, elaborando un documental que pode verse en http://semescom.gal/, e unha guía elaborada por Vidal Romaní e o finado Roberto Mouzo.
No ano 2017, o goberno municipal de Vimianzo encabezado por Manuel Antelo, "empezou a rozar os principais accesos ás pedras máis destacadas e aumentaron as visitas, e no 2019, os técnicos de Deportes de Vimianzo e Laxe programaron rutas polos Penedos", destaca Xosé María Lema.
A ameaza eólica
Mais en 2021 xurdiron novas ameazas á Paisaxe Protexida con novos proxectos de parques eólicos: Monte Chan, Soesto e Pena dos Mouros. "Saltaron todas as alarmas, pois non era entendible que se permitisen estas agresións a un espazo protexido, e houbo unha gran mobilización en forma de alegacións presentadas por varias asociacións, entre elas o Semescom, e 915 particulares".
Unha mobilización social que deu paso á "segunda vitoria", xa que o 31 de marzo de 2023 a Consellería de Medio Ambiente oficializaba o rexeitamento do parque eólico de Monte Chan e Soesto.

Un momento da marcha conmemorativa polos Penedos de Pasarela e Traba. / Cedida
Posteriormente, o 13 de novembro de 2024, a devandita consellería aprobou o Plan de Xestión da Paisaxe Protexida dos Penedos de Pasarela e Traba, "e ese mesmo día o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou o museo granítico natural, "onde seica quedou abraiado por esa marabilla xeolóxica", subliña Xosé María Lema.
Esta foi un "terceira vitoria" e "os noutrora malditos Penedos non só foron o proxecto estrela en Fitur 2025 dos Concellos de Vimianzo e Laxe, senón tamén para a Consellería de Medio Ambiente", indica o presidente do Semescom.
Malia todo, alertou de que, "despois dun ano e catro meses da publicación do Plan de Xestión, declarado de prioridade alta, tan alta que van precisar cinco anos para levalo a cabo, aínda non comezou".
Lembranza a Roberto Mouzo
O presidente do Semescom tamén tivo palabras de lembranza para o vimiancés Roberto Mouzo Lavandeira, finado en 2013. "El foi o máximo defensor dos Penedos de Pasarela e Traba, o seu gardián e vixía permanente. Foi el quen descubriu e deu nome á maior parte das pedras senlleiras e deseñou as principais rutas de acceso". Por iso, engadiu, "como homenaxe, sería bo que se restituíse en Pasarela o gran panel informativo que el deseñara a finais de 2012, a súa derradeira obra".
- Piden cuatro años de prisión para un policía urbanístico de Santiago por falsificar el informe de una obra en Fontiñas
- La historia de Pablo Agrafojo Pedrosa, cantante de la Orquesta Capitol que cambió el taller por la verbena
- El cementerio gallego que opta a ser el mejor camposanto de España: 'Una nueva forma de entender los espacios funerarios
- La playa gallega que enamora a Javier Ambrossi y Macarena García: a una hora y media de Santiago y con atardeceres de postal
- El restaurante de Santiago para comer caldo, raxo y tarta por menos de 20 euros: un icono de 95 años que nació de una historia de amor
- Fiestas del Apóstol 2026 en Santiago: programa completo, conciertos, fuegos y actividades día a día
- ¿Estuviste disfrutando de la final del Mundial en Praza Roxa? Búscate en las imágenes del partido
- Pregón de las Fiestas del Apóstol: ¿Quién se va unir a esta lista del siglo XXI el 22 de julio?