Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A estación de tratamento de auga potable de Ames convértese en recurso didáctico

No marco dun proxecto europeo, alumnado de Secundaria coñece o funcionamento do ciclo da auga, a través da realidade virtual, aumentada e mixta

Visita dos investigadores á ETAP de Ames.

Visita dos investigadores á ETAP de Ames. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Redacción

Ames

O Concello de Ames, a través da súa entidade pública, Augas de Ames EPEL, está a colaborar co proxecto europeo VR4STEM, unha iniciativa liderada pola Universidade de Santiago en colaboración con distintas institucións públicas e académicas europeas.

Con este propósito, estase a desenvolver un recurso didáctico inmersivo dirixido ao alumnado de Secundaria sobre o ciclo integral da auga urbana, que propón unha visita virtual á Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) de Ames.

A través dun contorno 3D, o alumnado poderá coñecer as distintas fases do tratamento da auga e comprender como se capta, trata e distribúe este recurso nun concello pioneiro na xestión pública da auga.

Carmen Fernández-Morante, Lorena Casal e Carlos González, investigadoras do grupo de investigación de Tecnoloxía Educativa da USC, visitaron recentemente as instalacións da Entidade Pública Empresarial Augas de Ames (Augas de Ames EPEL). 

O equipo investigador foi recibido pola xerente de Augas de Ames, Genma Otero, e pola enxeñeira xefa do servizo, Verónica Castro, que presentaron a traxectoria e os principais retos da EPEL Augas de Ames. A continuación, realizouse unha visita guiada pola ETAP.

Esta actividade enmárcase no proxecto europeo de investigación VR4STEM (Digital STEAM for All-Empowering Secondary Schools and Girls in STEM Through VR), un proxecto da USC orientado ao desenvolvemento e experimentación de tecnoloxías inmersivas (realidade virtual, aumentada e mixta) aplicadas á educación Secundaria, en colaboración con institucións públicas e socios europeos.

O proxecto ten como obxectivo principal impulsar a educación STEAM mediante a integración de recursos dixitais inmersivos e adaptativos, promovendo o compromiso coa igualdade de xénero, a sustentabilidade e a protección do medio ambiente.

Así mesmo, busca mellorar as competencias dixitais do profesorado de Secundaria e implicar o alumnado en experiencias de aprendizaxe STEAM inmersivas.

O alcalde de Ames, Blas García, presidente da EPEL Augas de Ames, destacou “a importancia da cooperación entre institucións públicas, universidades e entidades locais, que permite poñer en valor o coñecemento técnico e achegalo á sociedade a través de iniciativas educativas transformadoras”.

Pola súa banda, Genma Otero dixo que “é unha gran oportunidade poder colaborar nun proxecto como VR4STEM, cunha clara proxección internacional e centrado na innovación educativa e na sustentabilidade. Esta participación supón tamén un recoñecemento ao traballo que está desenvolvendo Augas de Ames na xestión pública da auga e no seu compromiso coa innovación, a igualdade de xénero e a educación ambiental”.

Tracking Pixel Contents