Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

FORMACIÓN

Malpica acolle un proxecto pioneiro para ensinar galego a persoas migrantes

A Deputación da Coruña financia a iniciativa, na que colabora a confraría de pescadores

Acto de presentación do proxecto na confraría de pescadores de Malpica.

Acto de presentación do proxecto na confraría de pescadores de Malpica. / D. C.

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Malpica

A Deputación da Coruña impulsa en Malpica un proxecto piloto de dinamización lingüística centrado na realización dun curso de cultura e lingua galega dirixido especificamente a persoas migrantes que non falan o idioma. O obxectivo principal desta acción formativa é favorecer a integración social e laboral da poboación que chega de fóra, utilizando a lingua propia de Galicia como unha ferramenta de acollida, relación e cohesión social.

A iniciativa, que se desenvolve tras detectarse unha necesidade directa, conta xa co interese de máis de cincuenta potenciais beneficiarios. Entre as persoas destinatarias atópanse traballadores estranxeiros do sector do mar, procedentes de rexións como o Magreb, Indonesia ou países do sur de África. A Confraría de Malpica colaborou activamente facilitando o contacto coas persoas demandantes debido á falta de recursos propios para impartir esta formación.

A deputada delegada de Lingua, Sol Agra, destacou durante a presentación que a veciñanza da provincia "medra ano tras ano grazas ás persoas migrantes que a escollen para desenvolver a súa vida, achegando diversidade cultural, dinamismo social e un incremento demográfico moi necesario".

Ferramentas de integración

Sinalou ademais que "forma parte da responsabilidade do noso país como terra acolledora darlles ferramentas para a súa integración, sendo o coñecemento da lingua e da cultura propia unha das máis importantes". Así mesmo, a deputada explicou que desde a área de Lingua quixeron poñer en marcha este proxecto piloto para dar resposta ás solicitudes do sector do mar e axudar a formar os traballadores que non coñecen ningunha das linguas oficiais.

O proxecto está financiado pola Deputación da Coruña, que cobre os gastos de persoal, o deseño de materiais didácticos, a xestión administrativa e o alugueiro do local. A Fundación Vía Galego asume a coordinación xeral, encargándose da planificación do calendario, o rexistro dos participantes, a difusión do programa e a avaliación periódica das sesións para garantir o seu correcto funcionamento.

Dous grupos

As clases terán unha duración dunha hora e media semanal ao longo de sete meses, sumando un total de 84 horas de impartición directa distribuídas en dous grupos. Os horarios adaptaranse ás xornadas laborais das persoas participantes para non interferir nos seus traballos, e as datas consensuaranse en función da súa dispoñibilidade.

As sesións estarán guiadas por unha persoa licenciada en Filoloxía Galega e os contidos adaptaranse á terminoloxía específica do sector do mar ou do comercio, segundo o perfil de cada grupo. A metodoloxía centrarase en xerar espazos seguros e de confianza que faciliten a comunicación oral sen correccións constantes nin xuízos.

Tracking Pixel Contents