Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

PROGRAMA

Do Feirón de Senande ao solpor de Touriñán: Muxía Itinerante volve con forza

O Concello busca descentralizar a actividade cultural e reforzar o orgullo de pertenza nas parroquias

Participantes no roteiro do ano pasado polo contorno do río Castro.

Participantes no roteiro do ano pasado polo contorno do río Castro. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Muxía

O Concello muxián, xunto con Horta Creativa, impulsa a segunda edición de Muxía Itinerante, unha iniciativa que percorrerá distintos puntos da xeografía local entre os meses de xuño e setembro, co fin de descentralizar a actividade cultural e poñer en valor o territorio.

Entre as actividades programadas destaca o regreso do Feirón de Senande, unha das propostas máis exitosas da pasada edición. A iniciativa combinará artesanía, gastronomía, obradoiros e concertos arredor dunha feira histórica que forma parte da identidade do municipio.

Cartel promocional da programación de Muxía Itinerante.

Cartel promocional da programación de Muxía Itinerante. / Cedida

"Senande representa perfectamente o que buscamos con este programa. Falamos dunha feira que forma parte do ADN muxián e que queremos preservar, promocionar e dinamizar. O noso obxectivo é que siga medrando ata converterse nunha cita obrigada dentro do calendario anual de Muxía”, sinala a concelleira de Cultura, Sandra Vilela.

Outra das citas destacadas será A Onda de Nemiña, unha xornada que unirá deporte, música e praia nun enclave recoñecido internacionalmente polo surf. O Concello pretende seguir poñendo en valor unha das súas localizacións máis emblemáticas e potenciar todo o que representa para a imaxe e a proxección exterior do municipio.

O último solpor da Europa continental

A programación inclúe tamén O Ceo dende Touriñán, unha actividade de divulgación astronómica guiada polo científico Jorge Mira. Os participantes poderán descubrir os segredos do firmamento desde un dos puntos máis singulares da Costa da Morte e contemplar un fenómeno único: o último solpor da Europa continental.

"Temos lugares excepcionais e queremos que a xente os redescubra a través de experiencias diferentes. Touriñán é un dos mellores exemplos, igual que Nemiña, Moraime ou Senande. Queremos que Muxía Itinerante sirva tamén para mirar con novos ollos o que temos ao noso redor", apunta Vilela.

Roteiro pola historia de Moraime

Destaca tamén un roteiro por Moraime da man do escritor e divulgador Xan Fernández Carrera, que dará a coñecer a historia, o patrimonio e as singularidades dun dos espazos máis representativos do concello.

A programación completarase con representacións teatrais e monólogos en Quintáns, Suxo, Merexo e Os Muíños, ampliando a oferta cultural por diferentes parroquias e reforzando o principal obxectivo do proxecto: facer da cultura unha ferramenta de cohesión territorial e participación veciñal.

Protagonismo para todas as parroquias

O alcalde, Javier Sar, destaca que "este programa representa perfectamente a filosofía coa que traballamos desde o Concello: facer que as oportunidades, a cultura e a actividade cheguen a todos os lugares do municipio. Queremos que cada parroquia sexa protagonista e que os veciños e veciñas sintan que forman parte dunha programación pensada para todos".

Sar engadiu que “Muxía Itinerante permítenos mostrar a riqueza cultural, paisaxística e patrimonial que temos ao longo de todo o territorio, ao tempo que xeramos espazos de encontro, convivencia e dinamización social".

Descentralización real

A concelleira de Cultura, Sandra Vilela, sinala que "a cultura non pode quedar concentrada nun único punto do municipio. Falamos moitas veces de descentralización, pero o importante é convertela en feitos, e Muxía Itinerante é precisamente iso: unha programación que chega ás parroquias e que sitúa o rural no centro das políticas culturais".

Queren, engade, "que cada actividade sirva non só para ofrecer lecer e cultura, senón tamén para reforzar o orgullo de pertenza, poñer en valor os nosos recursos e dinamizar socialmente cada un dos lugares que forman parte de Muxía".

Tracking Pixel Contents