Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

SERVIZOS

Sensores intelixentes e plataformas de datos para controlar a rede de auga de Ponteceso

A Xunta mobiliza preto de 5 millóns en trinta e oito concellos galegos

O alcalde, esquerda, e a delegada, cuarta, nas instalacións de Ponteceso.

O alcalde, esquerda, e a delegada, cuarta, nas instalacións de Ponteceso. / MONCHO FUENTES

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Ponteceso

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato, e pola directora territorial da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, Pilar Arias, supervisou as actuacións desenvolvidas no concello ao abeiro do Plan de dixitalización da xestión do ciclo integral da auga, que permitiron modernizar os sistemas de abastecemento en 38 concellos de menos de 20.000 habitantes mediante un investimento global de preto de 5 millóns de euros.

Do Campo e Mato, centro, visitando as instalacións de Ponteceso.

Do Campo e Mato, centro, visitando as instalacións de Ponteceso. / MONCHO FUENTES

Concretamente, na provincia da Coruña contaron con estas achegas 23 concellos por un importe total de máis de 2,3 millóns de euros. Na comarca de Bergantiños tamén se modernizarán as instalacións de Malpica de Bergantiños (131.611 euros), Coristanco (69.111 €) e Laxe (61.915 €).

Dixitalización da xestión

No caso concreto de Ponteceso, a actuación permitiu mellorar o control e a xestión do sistema municipal de abastecemento mediante un investimento de case 190.000 euros.

Do Campo explicou que os traballos incluíron a instalación de sensores intelixentes, sistemas de telecontrol e plataformas avanzadas de análise de datos que permiten monitorizar de forma continua parámetros como os caudais, os niveis dos depósitos, a turbidez ou o cloro da auga, así como o consumo enerxético das instalacións.

As actuacións desenvolvéronse sobre o sistema municipal de abastecemento, integrado por tres captacións —unha superficial no río Anllóns e dúas subterráneas—, dúas estacións de tratamento de auga potable (ETAP) e catro depósitos de almacenamento e regulación. En total, implantáronse sete puntos de rexistro e control distribuídos entre as captacións, as plantas de tratamento e os depósitos de Anllóns, Tella, Couto e Corme.

Ademais, o proxecto incorporou as plataformas dixitais do Centro de Xestión de Datos Local (CXDL) e do Centro de Xestión de Datos Autonómico (CXDA), que permiten recompilar, integrar e analizar toda a información procedente das infraestruturas hidráulicas municipais nun único sistema de xestión. Deste xeito, os responsables do servizo poden acceder en tempo real aos datos de funcionamento da rede e tomar decisións baseadas en información actualizada e precisa.

Protección da saúde

A representante da Xunta salientou que a dixitalización da xestión da auga "contribúe directamente á protección da saúde pública, xa que facilita unha vixilancia permanente da calidade da auga e permite actuar con maior rapidez ante calquera incidencia. Ademais, favorece a redución de cortes e avarías no abastecemento, incrementa a eficiencia do servizo e minimiza as perdas de auga na rede".

Así mesmo, incidiu en que estas ferramentas "resultan esenciais para afrontar os desafíos derivados do cambio climático e dos períodos de seca. O rexistro continuo de datos permite crear históricos e modelos preditivos que facilitan anticipar situacións de risco, como incrementos da demanda ou episodios de escaseza hídrica, posibilitando a adopción de medidas preventivas antes de que se produzan problemas de subministración".

A delegada concluíu destacando que "este investimento reflicte o compromiso da Xunta coa modernización das infraestruturas hidráulicas municipais e coa colaboración cos concellos para avanzar cara a unha xestión máis eficiente, intelixente e sostible da auga, un recurso esencial para o desenvolvemento e o benestar da cidadanía".

Tracking Pixel Contents