A mocidade do Milladoiro toma a palabra: "É o noso sitio, queremos que o miredes con cariño"
Un grupo de 24 mozos e mozas estrea tres curtametraxes sobre a urbe maiana, a inmigración e o acoso escolar tras seis meses de traballo dentro do proxecto participativo A Tribo

Mozas e mozos participantes no proxecto A tribo do Milladoiro, na estrea das curtametraxes que rodaron. / Cedida
“O Milladoiro é o noso sitio. Queremos miralo con cariño e que vós tamén o miredes con cariño… e, se hai que mellorar cousas, pois poñémonos entre todas a melloralas. Iremos lentos, pero seguros. Para nós e para as nosas irmás. Para o futuro!”. Con estas palabras, Marlin resumiu o espírito dunha tarde na que a mocidade do Milladoiro (Ames) decidiu contar a súa propia versión da realidade. Fíxoo desde o escenario da Casa da Cultura da localidade amesá, diante de familias, veciñanza e representantes institucionais, durante a estrea das tres curtametraxes creadas por 24 mozos e mozas dentro do proxecto A Tribo do Milladoiro.
Pouco despois, Emelyn púxolle voz a unha das reflexións que se fixo a rapazada dentro deste proxecto: “Algunhas personas cren que un lugar con xente de moitas procedencias é máis inseguro e asocian a inmigración con violencia ou cos delitos. Pero neste proceso da Tribo descubrimos que a diversidade non depende só da orixe. Mesmo dentro dun mesmo grupo somos diferentes. E iso permítenos ser como realmente somos”.
E Manuel foi o encargado de pechar a presentación cunha mensaxe dirixida directamente á comunidade: “Este proxecto fíxose para O Milladoiro. Para as persoas que viven aquí. Para as nosas familias. Para vós”.
Detrás destas intervencións hai máis de seis meses de traballo. Desde xaneiro, os participantes organizáronse, mesmo en momentos complicados por mor dos exames os compromisos familiares ou o mal tempo, para acudir cada luns pola tarde ao IES do Milladoiro para aprender a manexar equipos audiovisuais profesionais, elaborar guións, realizar entrevistas e construír relatos colectivos sobre temas que consideran importantes para a súa contorna.
Futuros cineastas?
O proyecto deu como resultado tres pezas audiovisuais. “Milladoiro Puro” ofrece un retrato honesto do barrio, afastado tanto da idealización como da crítica fácil, a través das voces da veciñanza, do profesorado e do propio alumnado. “Milladoiro Diverso” afonda na convivencia entre máis de setenta nacionalidades que comparten espazos e vida diaria na localidade, reflexionando sobre os prexuízos e as oportunidades que xorden da diversidade. Pola súa banda, “Máscaras Fóra” aborda o acoso escolar desde unha perspectiva pouco habitual, centrada na figura do agresor e nas circunstancias persoais que poden estar detrás de determinados comportamentos.
Antes, preto de 300 estudantes da ESO responderon a preguntas sobre como ven O Milladoiro e que necesidades detectan na súa contorna. As respostas serviron de base para construír os contidos das curtametraxes e para identificar cuestións como a importancia das zonas verdes, do deporte ou da creación de espazos de encontro para a mocidade.
Impulsada por Agareso, en colaboración co IES do Milladoiro e co apoio da Fundación ”la Caixa”, A Tribo busca converter a mocidade en protagonista da vida comunitaria e en axente de cohesión social. O seu obxectivo é fomentar a convivencia intercultural e desmontar estereotipos que durante anos acompañaron a unha localidade que moitos identificaron inxustamente cun lugar problemático.
- El alcalde de Ames califica de excepcional la escasez de agua y pide tapar provisionalmente la fuga en la presa de A Ponte Maceira
- La terraza a una hora de Santiago donde comer en un molino de 1754 casi sobre el río: con Solete Repsol y junto a una cascada
- Padrón desinfectará en profundidad las calles del casco urbano
- Cuatro menores heridos en Teo al colisionar un turismo y un camión
- Prisión para 23 de los 26 detenidos en la operación en la que se decomisaron 1.600 kilos de cocaína en Muxía
- De Arzúa a Ames, los concellos del cinturón compostelano viven una tarde irrepetible
- El eclipse en Santiago, una sinfonía en clave de sol
- El barrio de Sar en Santiago se prepara para sus fiestas grandes: 'Aquí coñecémonos practicamente todos, somos como unha gran familia
