Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

XUNTANZA

A confraría de Corcubión pide axilizar o porto mixto e as aulas para promocionar o produto pesqueiro

O patrón maior demandou tamén á conselleira do Mar diversas melloras na zona portuaria

José Domínguez, esquerda, Marta Villaverde, e Urbano Suárez.

José Domínguez, esquerda, Marta Villaverde, e Urbano Suárez. / MONICA ARCAY CARRO

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Corcubión

O patrón maior da confraría de pescadores de Corcubión, Urbano Suárez, acompañado do expatrón e actual portavoz do PP, José Domínguez, trasladou á conselleira do Mar, Marta Villaverde, as principais demandas do sector, entre elas, a necesidade de axilizar, na medida do posible, a habilitación dunhas aulas de formación e de promoción do produto pesqueiro.

O proxecto contempla habilitar un piso máis no actual edificio da confraría para poder desenvolver os proxectos de posta en valor dos recursos pesqueiros e marisqueiros do porto de Corcubión.

Valorizar os peixes e mariscos

A este respecto, José Domínguez, sinalou que "queremos organizar showcookings e tamén ofrecer, máis aló das preparacións tradicionais, outras opcións gastronómicas para valorizar os peixes e mariscos".

Asemade, na xuntanza coa conselleira tamén avaliaron a situación de proxecto para habilitar un porto mixto (pesqueiro-náutico deportivo). A este respecto, Villaverde confirmoulles que o estudo de impacto ambiental "está a punto de rematar, e están pendentes os informes de Patrimonio e do Ministerio de Transición Ecolóxica", sinalou Domínguez.

Maior flexibilidade nas descargas do polbo

Por outra banda, tamén demandaron á conselleira maior flexibilidade nos controis de descargas do polbo. A este respecto, sinala que "hai determinados días do ano nos que as embarcacións non poden atracar á rampla, e as descargas téñense que facer coa lancha auxiliar, pero os efectivos de vixiancia pesqueira non o permiten".

Domínguez asegura que "deben entender que só temos unha rampla e que compartimos espazo portuario co Club Náutico Carrumeiro, que está facendo un labor moi bo de formación cos rapaces, e que hai días nos que están facendo prácticas cos rapaces e non se pode chegar cos barcos á rampla porque poderíase poñer en perigo a súa seguridade".

Melloras das infraestruturas

Asemade, o patrón maior e o propio Domínguez solicitaron a Marta Villaverde que a consellería arranxe varias deficiencias no porto, como os amarres para os barcos de cerco e varias escaleiras. Asemade, piden a eliminación da zona adoquinada porque "as vibracións que provoca no transporte do peixe, especialmente, a sardiña, acaban danando o produto".

Dende a confraría solicitan tamén que se arranxen as fochancas que hai na entrada da zona portuaria.

Maior competitividade e sustentabilidade

Pola súa banda, a conselleira, Marta Villaverde, enmarcou esta xuntanza na rolda de contactos que está a levar a cabo cos distintos axentes socioeconómicos do sector "en aras de afondar no impulso da competitividade e a sustentabilidade da actividade marítimo-pesqueira"

Neste sentido, e dado que os pósitos son "instrumentos esenciais para a vertebración do litoral e a promoción dun aproveitamento responsable dos recursos mariños", Villaverde animou á confraría de Corcubión a acollerse ás convocatorias de axudas que a Consellería pon en marcha co obxectivo de "contribuír a mellorar a xestión e conservación dos produtos do mar".

Máis de 3,2 millóns de euros de facturación o pasado ano

A lonxa do porto de Corcubión facturou 3,2 millóns de euros en 2025, grazas á comercialización de 1.717 toneladas de produto, consolidándose "como un dos referentes da actividade pesqueira na Costa da Morte grazas á combinación da pesca artesanal e das capturas de cerco", subliñou a conselleira.

Tracking Pixel Contents