SANEAMENTO
A Deputación achega 1,4 millóns de euros para a nova depuradora de Cee e Corcubión
A infraestrutura substituirá a unha estación obsoleta e sen capacidade suficiente para atender as necesidades futuras

A nova estación depuradora contribuirá á rexeneración da ría de Corcubión. / Cedida
O pleno da Deputación da Coruña aprobou o convenio de colaboración con Augas de Galicia e os concellos de Cee e Corcubión para a execución da nova estación depuradora de augas residuais, unha actuación estratéxica para mellorar o saneamento da ría e dar solución ás carencias da actual infraestrutura.
O investimento total previsto no convenio ascende a 13.870.999,70 euros. O Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, FEDER (60%) e Augas de Galicia (20%) asumirán o 80% do custo, con 11.096.799,77 euros; mentres que as entidades locais financiarán o 20% restante, é dicir, 2.774.199,93 euros.
Os dous concellos aportarán tamén 1,4 millóns
Para contribuír a esa achega local, a Deputación da Coruña comprométese a destinar 1.400.000 euros, distribuídos en dúas anualidades de 700.000 euros. Esta contribución provincial permitirá apoiar económicamente os concellos de Cee e Corcubión, cun reparto de 1 millón de euros para Cee e 400.000 euros para Corcubión. Pola súa banda, o Concello de Cee achegará 1.030.674,93 euros e o Concello de Corcubión 343.525 euros, segundo o calendario de pagos fixado no convenio.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou "un investimento deste importe sería imposible de asumir en solitario para os dous concellos", polo que puxo en valor "a cooperación entre administracións para facer posible unha obra necesaria, complexa e fundamental para o futuro da comarca". "A Deputación está para isto: para axudar aos concellos cando teñen diante investimentos que son imprescindibles, pero que pola súa dimensión precisan apoio técnico e económico", engadiu.
Obxectivo: rexenerar a ría
"Coa nova EDAR damos un paso decisivo para que Cee e Corcubión conten cun saneamento con máis capacidade e adaptado ás necesidades actuais e ás que poida xurdir no futuro", sinalou Formoso. "É unha obra importante para dar un servizo fundamental á veciñanza e para axudar a rexenerar a ría, que ten un enorme valor natural e produtivo", concluíu.
A nova EDAR construirase no concello de Cee, nunha parcela situada nas proximidades da rúa Fornelos e da zona de servidume do porto de Brens, practicamente fronte á depuradora actual. Esta localización permitirá manter en funcionamento a instalación existente mentres se executa a nova infraestrutura.
A depuradora actual, construída na década dos noventa, presenta unha tecnoloxía de tratamento obsoleta, chegou ao final da súa vida útil e non dispón de capacidade suficiente para atender os caudais previstos no futuro. Entre os problemas detectados figuran colectores con sección insuficiente, mal estado da rede, atascos frecuentes, entrada de auga de mar e de augas limpas, escasa capacidade de regulación, mal funcionamento dos bombeos e múltiples deficiencias na propia instalación.
Deseñada para dar servizo a máis de 16.400 habitantes
O novo sistema está deseñado para unha poboación de máis de 16.400 habitantes equivalentes e para un caudal medio de deseño de 4.591,13 metros cúbicos ao día, cun caudal máximo previsto de 15.582,72 metros cúbicos diarios en situacións de maior achega.
Os traballos previstos inclúen a construción da nova estación depuradora, a conexión coa impulsión procedente do tanque de tormentas, a incorporación dos ramais de Brens e da parte alta de Cee mediante un novo bombeo, así como a execución da condución de vertido ao mar, definida a partir dun estudo hidrodinámico e de dispersión bacteriana da enseada de Cee-Corcubión.
A nova EDAR contará con liña de auga completa, con arqueta de entrada, pretratamento, tamizado, desarenado e desengraxado, tratamento biolóxico con eliminación de nitróxeno, decantación secundaria, desinfección mediante raios ultravioleta e sistema de medición de caudal. Tamén disporá de liña de fangos, deshidratación, instalación para a recepción e tratamento de fangos de fosas sépticas, edificio de explotación, sala de control, taller, vestiarios, sala de soplantes e sistema de desodorización para evitar molestias por cheiros.
A actuación forma parte das medidas previstas para mellorar os sistemas de saneamento e depuración na ría de Cee-Corcubión e está aliñada cos obxectivos ambientais da normativa europea e galega en materia de augas residuais urbanas, calidade das augas e protección dos ecosistemas acuáticos.
Mellora de estrada en Outes
Por outra banda, a Deputación deu luz verde a un investimento global de preto de 1,2 millóns de euros destinado a financiar tres importantes intervencións de mellora e mantemento na rede viaria provincial. Estes fondos permitirán acometer actuacións de reforzo de firme, accesibilidade e seguridade nos concellos de Cariño, Outes e Ferrol.
En Outes a institución provincial destina un orzamento de 672.298,42 euros dirixido a mellorar as condicións de circulación da estrada DP-6202, que conecta este municipio coa AC-400 por Valadares, especificamente entre os puntos quilométricos 5+000 e 10+375.
A plataforma da vía renovarase por completo, executando tarefas previas de roza de marxes, limpeza de beiravías, apertura de cunetas e poda de arborado, xunto co fresado e a reposición de pavimento naquelas zonas que o precisen. O proxecto tamén inclúe a instalación de sinalización vertical e horizontal e a colocación de novos elementos de balizamento ou defensa.
Recuperación e equipamento do local da Asociación de Empresarios da Pobra do Caramiñal
O pleno da Deputación da Coruña tamén aprobou o convenio de colaboración coa Asociación de Empresarios, Comerciantes e Traballadores Autónomos da Pobra do Caramiñal para financiar o proxecto de recuperación e equipamento do seu local social, unha iniciativa enmarcada dentro do Plan de Emprego Local (PEL).
A institución provincial destina a este fin unha achega de 24.000 euros, o que representa o 80% do orzamento total da actuación, fixado en 30.000 euros, asumindo a entidade empresarial o importe restante con fondos propios. O obxectivo prioritario desta axuda é dotar á asociación dun espazo funcional, moderno e versátil para mellorar a xestión diaria e acoller actividades comunitarias, culturais e formativas.
As actuacións planificadas comprenden o diagnóstico e acondicionamento xeral do inmoble, executando a reparación de humidades, o pintado completo de zonas comúns e diversas melloras estruturais. Prestarase unha atención especial á sala grande, onde se retirarán as vellas butacas ancoradas ao chan para adecuar o espazo a usos múltiples e optimizar as súas condicións.
Paralelamente, substituirase o mobiliario obsoleto por elementos ergonómicos que garantan unha mellor accesibilidade, adquirindo novos postos de traballo para a oficina, mesas modulares, mobles de almacenamento seguro e corenta cadeiras móbiles con pala destinadas especificamente á aula de cursos.
A maiores da reforma física do local, o convenio contempla unha importante actualización tecnolóxica co obxectivo de impulsar a dixitalización e mellorar os servizos prestados aos asociados. Esta fase inclúe a compra de tres ordenadores de sobremesa completos, un proxector Full HD con pantalla retráctil para a organización de relatorios e formacións colectivas, e unha fotocopiadora multifunción en rede para tarefas de reprografía.
- El pueblo gallego que reparte 20.000 raciones de callos este fin de semana: ideal para recorrer a pie, con catas gratis y cine al aire libre
- Seis policías nacionales salvan la vida a una mujer tras una brutal agresión de su pareja en una vivienda de Santiago
- La historia de cuatro profesores que llegan con plaza a las aulas gallegas: 'As ganas superan o medo
- Santiago y sus rincones secretos: ya puedes inscribirte en las visitas de la Semana del Patrimonio Invisible
- Muere a los 102 años 'la señora Trini', fundadora de Casa Mallou y un referente en Amio: «Es una noticia muy triste para el barrio»
- Galicia se enfrenta a una nueva jornada de calor extremo: la Xunta mantiene la alerta roja por temperaturas de 40 grados
- Regresa a Santiago la moda de los mercadillos de Viena con más de 800 prendas de segunda mano desde 1 euro
- MeteoGalicia alerta: caída del nivel en ocho de los diez principales ríos de la comarca en una semana