Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Nenos e adolescentes transforman Padrón nun gran taboleiro de xogo para redescubrir a vila a través da súa mirada

Constrúen un taboleiro xigante con casillas dedicadas á Ponte de Santiago, o Convento do Carme, o Paseo do Espolón, O Pedrón ou a Casa de Rosalía

Un grupo de cativos participando na construción do taboleiro en Padrón.

Un grupo de cativos participando na construción do taboleiro en Padrón. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Padrón

Padrón acolle este luns a execución dunha nova acción do proxecto A vila do mañá, coa creación dun gran taboleiro de xogo inspirado nos elementos identitarios, patrimoniais, literarios, paisaxísticos e culturais do municipio.

A intervención forma parte dun proceso participativo no que nenas, nenos e adolescentes traballan sobre a súa contorna próxima para observar, recoñecer e reinterpretar os espazos que forman parte da vida colectiva da vila.

A través do xogo, o debuxo e a acción no espazo público, o proxecto busca activar unha nova mirada sobre Padrón, entendendo a infancia e a adolescencia non só como destinatarias das actividades culturais ou educativas, senón como axentes capaces de construír relato, identidade e cidade.

O taboleiro reúne referencias fundamentais do municipio, como a Ponte de Santiago, o Convento do Carme, o Paseo do Espolón, a Igrexa de Santiago, O Pedrón, a Casa de Rosalía de Castro, Iria Flavia, Santiaguiño do Monte, a Praza de Macías, os pementos de Herbón e outros espazos, arquitecturas, monumentos e símbolos vinculados á memoria de Padrón.

As casillas do taboleiro xigante teñen referencias a espazos, arquitecturas, monumentos e símbolos vinculados á memoria de Padrón.

As casillas do taboleiro xigante teñen referencias a espazos, arquitecturas, monumentos e símbolos vinculados á memoria de Padrón. / Cedida

Estes elementos convértense en casillas dun percorrido lúdico que permite recoñecer a vila desde unha perspectiva activa, afectiva e compartida.

Con esta acción, A vila do mañá propón unha forma de intervención cultural que une arquitectura, educación, participación e espazo público.

O xogo funciona como ferramenta para apropiarse simbolicamente da contorna, reforzar o vínculo co territorio e facer visible a mirada das novas xeracións sobre os lugares que habitan.

O proxecto conta co apoio do Ministerio de Cultura, a través das axudas a proxectos culturais con especial impacto social, e coa colaboración do Concello de Padrón.

A vila do mañá, creado e dirixido pola arquitecta Sandra González Álvarez, continúa así a desenvolver accións en diferentes municipios, promovendo procesos de co-creación nos que a infancia e a adolescencia participan activamente na construción simbólica e social do espazo público.

Tracking Pixel Contents