Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

PRESENTACIÓN

Cee converterá as rúas nun gran escenario cultural este verán

A programación inclúe exposicións, festivais, cursos, recitais, cine e a Semana de Teatro ÁesCEna!

A matemática e escritora Rocío Leira será a pregoeira das Festas da Xunqueira

A alcaldesa, no centro, na presentación da programación cultural do verán.

A alcaldesa, no centro, na presentación da programación cultural do verán. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Cee

O verán chega a Cee cargado de propostas culturais e formativas para todas as idades: exposicións, biblioaventuras, festivais, un curso de verán da Fundación San Rafael e a Universidade da Coruña, o Memorial Manuel Rebollar de bandas de música, recitais poéticos, cine na rúa e a XI Semana de Teatro e das Artes Escénicas, entre outras propostas.

Un amplo abano de actividades que foron presentadas nun acto presidido pola alcaldesa, Margot Lamela, quen asegurou que "este verán, o plan está en Cee".

A programación arrincará o venres, día 3 de xullo, coa inauguración da exposición Aldea de madeira, de Manuel Canosa Santamaría, exdocente do IES Fernando Blanco, quen convidará, a través dos seus paxaros policromados, a adentrarse na natureza e fauna da Costa da Morte.

Biblioaventuras

Ademais, todos os venres, agás o día 24 de xullo e o 14 de agosto as nenas e nenos de 4 a 12 anos poderán gozar de biblioaventuras na Biblioteca Pública Francisco Mayán, onde o día 23 de xullo terá lugar a sesión de contos A fábrica da luz, promovida por Xeal.

O venres 24, na Praza da Muller, Os Bolechas presentará o espectáculo O karaoke deportivo, enmarcado no programa Falaredes 2026 da Secretaría Xeral da Lingua. E o domingo, 26, celebrarase o II Festival de Verán Novo Viana no Auditorio Baldomero Cores.

Do 29 ao 31 de xullo impartirase o III Curso de Verán Cátedra Fundación San Rafael e Universidade da Coruña, dirixido polo doutor Francisco Blanco García. Este ano, as temáticas centraranse no cancro, a obesidade e a ataxia da Costa da Morte.

Memorial de bandas de música

Xa en agosto, o día 1, inaugurarase a exposición Entre as flores, da coruñesa Mónica Coto, que amosará as súas esculturas elaboradas a partir de madeiras de refugallo que recolle no mar ou no monte. Ese mesmo día celebrarase tamén o XV Memorial Manuel Rebollar, que organiza a Asociación Amigos da Banda de Música de Cee, e que este ano xuntará as bandas de Padrón e de Cee.

O domingo 2 subirán ao escenario do auditorio as agrupacións de baile das asociacións Terra de Sena, Novo Viana e Pedras Miúdas, e do 3 ao 8 de agosto, as rúas serán tomadas por poetas do Batallón Literario da Costa da Morte.

Do 4 ao 7 de agosto desenvolverase o ciclo Cine na rúa, promovido pola Rede Cultural da Deputación da Coruña, con catro proxeccións, e o sábado 8 terá lugar o XXIII Certame de Habaneras, que organiza a Coral Polifónica Costa da Morte, que compartirá escenario co Coro Musical Errante, de Sariego (Asturias) e a Coral Polifónica de Meira (Lugo).

Gala do Certame Batallón Literario da Costa da Morte

O día 9 celebrarase a gala do I Certame Batallón Literario da Costa da Morte, que será presentada pola poetisa Yolanda Castaño. A música tamén sairá á rúa os días 10, 11 e 12 cos concertos de Virtual Project, Fer Blanco e Lucas Llumá e Charo Quicler & Jazz Band.

O día 13 comezarán as festas da Xunqueira coa lectura do pregón a cargo da matemática e escritora Rocío Leira. "É a primeira vez que elixo unha muller para ser a nosa pregoeira", afirmou a alcaldesa. "Non é un trámite máis, é unha declaración de intencións, un acto de xustiza e de honra inmensa".

A cita completarase coa actuación de Unto Vello. E o luns 17, a Praza da Constitución acollerá unha exhibición do Club Arte e Movemento.

Semana do Teatro

Un dos pratos fortes de cada verán en Cee é a Semana de Teatro ÁesCEna!, que este ano se desenvolverá do 18 ao 23 de agosto.

O cartel desta duodécima edición inclúe as funcións Polo de Franco, de Teatro do Noroeste (día 18); As formas do amor, de Verdeveras (día 19); Bernarda, de Malasombra (día 20); Todas temos a mesma historia, de La Griot'te (día 21); Eran elas, de Avelino González (día 22); e Yerma, de Noite Bohemia (día 23).

O mes rematará cos espectáculos do ciclo Cultura no Camiño 2026, que traerá a Cee os espectáculos Miro e a música das Cousas (A banda sonora dunha vida), de Bandullo Azul (día 24); Lúa quere viaxar a... Marte!, de A Xanela do Maxín (día 25); Cambia o conto, de Música Miúda (día 26); acrobacias con pórtico e estrutura, con Dende Arriba (día 27); Mystic Fire, con Especialistas Hípica Celta (día 28).

Danza de Galicia e Canarias

A programación pecharase co II Intercambio Cultural de Danza Galicia-Gran Canaria, o día 29 no auditorio municipal.

A rexedora sinalou que "este programa non é só unha programación cultural, é unha declaración de intencións. Queremos un Cee vivo, que aposte polo talento, que apoie ás asociacións, que encha as rúas, que reciba aos visitantes e que faga sentir orgullosos aos que vivimos aquí".

Tracking Pixel Contents