Lalín vai certificar a calidade da súa gastronomía e dos seus produtos agroalimentarios co Selo de Excelencia do Cocido
O Concello alíase con hostaleiros e produtores para redactar un regulamento que garanta unha experiencia turística diferenciada

Asistentes á reunión presidida por José Crespo. / Cedida
O alcalde de Lalín, José Crespo, presidiu este luns unha reunión de traballo con representantes do sector hostaleiro e dos produtores locais para presentar o futuro Selo de Excelencia do Cocido de Lalín, un distintivo que nace coa finalidade de difundir, promocionar e reforzar a calidade da oferta gastronómica do municipio, consolidar o prestixio da Feira do Cocido e contribuír á promoción dos produtos agroalimentarios de excelencia elaborados no concello.
No encontro participaron tamén a concelleira de Comercio, Bea Canda, a concelleira de Turismo, Begoña Blanco, e responsables da empresa EOSA, adxudicataria dos traballos de elaboración das estratexias e do regulamento que permitirá a posta en marcha deste novo selo de calidade.
Este traballo foi realizado ao abeiro do Plan de Sustentabilidade Turística do Destino Deza-Tabeirós posto en marcha pola Deputación de Pontevedra con fondos europeos.
A reunión contou coa participación de preto dunha trintena de persoas, entre hostaleiros e produtores, que se dividiron en dúas sesións de traballo co obxectivo de facilitar unha participación máis directa e recoller as achegas específicas de cada sector.
Durante a súa intervención, José Crespo explicou que a creación deste selo constitúe unha ferramenta estratéxica para seguir fortalecendo un dos principais motores económicos e turísticos de Lalín, como é a Feira do Cocido, e difundir e promocionar os nosos produtos de calidade (pan, carnes, embutidos, mel, etc.) apostando por un modelo baseado na excelencia, na mellora continua e na colaboración entre todos os axentes que forman parte da cadea de valor do cocido.
Prestixio da Feira do Cocido e dos produtos locais
O rexedor incidiu en que a intención do Concello é aproveitar o enorme prestixio alcanzado pola Feira do Cocido para ir un paso máis alá e crear unha marca recoñecible "que identifique a excelencia da nosa gastronomía e dos produtos elaborados en Lalín e, por extensión, na comarca de Deza".
Neste sentido, sinalou que detrás deste distintivo preténdese construír un gran paraugas baixo o que teñan cabida non só os restaurantes adheridos, senón tamén produtores de carne, embutidos, pan, queixos, mel e outros produtos agroalimentarios que destacan pola súa calidade e pola súa vinculación co territorio.
Crespo destacou que o obxectivo é que o Selo de Excelencia do Cocido de Lalín poida entrar en funcionamento xa para a próxima edición da Feira do Cocido, distinguindo aqueles establecementos e empresas que, de maneira voluntaria, asuman os compromisos establecidos no regulamento e aposten pola excelencia na atención, na elaboración dos produtos e na promoción da gastronomía lalinense.
A continuación tomou a palabra Manuel Veloso, da empresa EOSA, quen foi o encargado de presentar a proposta de funcionamento do selo e explicar en detalle os seus principios, estrutura e sistema de adhesión.
Segundo explicou, o selo pretende asociar de maneira definitiva os conceptos de calidade, prestixio e excelencia á identidade gastronómica de Lalín, convertendo o Cocido de Lalín non só nun prato tradicional, senón nunha experiencia turística diferenciada, capaz de xerar maior valor económico para o territorio e reforzar a súa posición como destino gastronómico de referencia.
O cocido como unha auténtica cadea de valor
A proposta presentada concibe o cocido como unha auténtica cadea de valor, integrando todos os ítems que participan na súa elaboración, desde a produción primaria ata a transformación dos alimentos e a restauración.
O propósito é crear unha marca colectiva de excelencia que beneficie o conxunto do sector e permita ofrecer ao visitante maiores garantías de calidade.
A implantación realizarase de forma progresiva. Nunha primeira fase incorporaranse os establecementos de restauración e os produtores e transformadores directamente relacionados coa elaboración do cocido.
Nunha segunda etapa prevese ampliar o selo a outros servizos turísticos, como os aloxamentos e a oferta complementaria vinculada ao destino.
Requisitos a cumprir
No caso da restauración, os establecementos deberán cumprir unha serie de requisitos obrigatorios relacionados coa elaboración tradicional do cocido, o emprego de materias primas de calidade e de proximidade, a oferta de sobremesas tradicionais galegas, a calidade do servizo, a transparencia nos prezos e o cumprimento das condicións sanitarias e legais.
Ademais, valorarase positivamente o uso de produtos con certificacións de calidade, a promoción do patrimonio gastronómico, a accesibilidade, a sustentabilidade ambiental, a formación do persoal ou a utilización de viños con denominación de orixe galega, entre outros aspectos.
En canto aos produtores e empresas transformadoras, o modelo contempla criterios relacionados coa orixe das materias primas, a utilización de variedades tradicionais, os sistemas de produción, as certificacións de calidade, a vinculación co territorio e a conservación dos procesos tradicionais de elaboración.
O selo tamén permitirá incorporar produtos gastronómicos complementarios, como o pan, os queixos, o mel ou as sobremesas tradicionais, ampliando así o seu alcance como distintivo da gastronomía lalinense.
Sistema de adhesión
O documento presentado recolle igualmente o funcionamento do sistema de adhesión, baseado nun procedemento voluntario que incluirá a presentación dunha solicitude, unha auditoría técnica e a avaliación por parte dunha comisión específica encargada de garantir o cumprimento dos requisitos e velar polo prestixio do distintivo.
As adhesións terán unha vixencia inicial de tres anos e estarán sometidas a procesos de seguimento e renovación.
Rematada a presentación, abriuse unha quenda de intervencións na que os asistentes formularon diferentes consideracións e propostas de mellora sobre o contido da iniciativa.
En termos xerais, os participantes amosaron unha boa acollida ao proxecto e coincidiron na importancia de dotar o Cocido de Lalín dun distintivo que contribúa a reforzar a súa excelencia e a seguir posicionando o municipio como un referente gastronómico.
As achegas recollidas nesta reunión servirán agora para introducir pequenos axustes na proposta inicial antes da redacción definitiva do regulamento de funcionamento, que volverá ser sometido a consulta dos distintos sectores implicados antes da súa aprobación.
- 100 años y una vida dedicada a la Iglesia: la historia de Ricardo Bello
- Así será el nuevo edificio que transformará esta zona de Santiago: 18 viviendas, locales comerciales y una fachada acristalada
- El 40% de las comunidades de vecinos gallegas registró solicitudes para prohibir los pisos turísticos
- El arzobispo de Santiago nombra a Roberto Martínez Díaz nuevo rector del Seminario Menor
- Media Galicia en alerta roja por calor mientras en este rincón sacan el paraguas: van más de 14 litros de lluvia acumulada este sábado
- Muere Manuel Lata Montoiro, fundador de la distribuidora industrial Comercial M. Lata de Santiago
- Últimas semanas para disfrutar de este parque acuático a dos horas de Santiago: 17 toboganes y una piscina panorámica para escapar del calor
- Las colas para entrar a la Catedral de Santiago llegan hasta el Casino: "Llevamos dos horas esperando"