Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

PRESENTACIÓN

'Travesía': O vento mariño que pecha a tetraloxía do escritor cormelán Suso Lista

Recolle en trece relatos as claves para entender a esencia da Costa da Morte

Acto de presentación de 'Travesía' en Corme.

Acto de presentación de 'Travesía' en Corme. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Ponteceso

O escritor, actor e expercebeiro Suso Lista, de Corme (Ponteceso), retomou a súa faceta literaria para completar unha tetraloxía dedicada aos catro elementos da natureza, inaugurada con Salseiros (auga), Xeixos (terra), Charamuscas (lume) e que remata agora con Travesía (aire), "neste caso o peor vento que hai para os mariñeiros", segundo o autor.

Travesía é unha obra de trece relatos curtos, un número que tampouco é casualidade, senón que está vinculado "á ducia pesca", unha práctica habitual "dos pescos, que sempre dan unha sardiña a maiores da ducia, polo que neste caso é un número bo", subliña Suso Lista.

Un momento do acto de presentación na fin de semana en Corme.

Un momento do acto de presentación na fin de semana en Corme. / Cedida

Na sinopse do libro defínese Travesía como "un mapa de cicatrices e recordos onde se cruzan piratas de onte con náufragos de agora", no que "non hai lendas foráneas, fálase de nós. É o rastro dunha vila que se nega a esquecer, contado por alguén que entende que a única forma de sobrevivir á Costa da Morte é rirse de todo, empezando por un mesmo".

Capas do libro 'Travesía' do escritor cormelán Suso Lista.

Capas do libro 'Travesía' do escritor cormelán Suso Lista. / Cedida

Suso Lista asegura que é un libro "para volver ler, porque o lector sempre vai atopar algo novo. É unha obra escrita desde o rural, nacida no medio de nós, e quen queira entender a esencia da Costa da Morte ten que ler e reler".

Son relatos ficcionados, pero inspirados "nas experiencias da miña vida e do que vexo. É un anaco da vida dun pobo, pois, á fin, Corme é un universo en pequena escala. Aquí sabémolo todo, o de agora, o de mañá e, sobre todo, o do pasado, e por iso recollín na obra todo o que sei e o que vivo", engade o autor.

Xosé Manuel Varela, esquerda, Suso Lista, no centro, e Óscar Rey na presentación.

Xosé Manuel Varela, esquerda, Suso Lista, no centro, e Óscar Rey na presentación. / Cedida

A presentación oficial tivo lugar nun concorrido acto en Corme. Suso Lista estivo acompañado polo editor literario Xosé Manuel Varela e o profesor cormelán do IES Maximino Romero, de Baio, Óscar Rey Calo, quen asegura que Travesía "é unha obra clave para entendernos como pobo. Alguén tiña que escribila e así o fixo o noso amigo e veciño. É un agasallo inmortal para a literatura galega, que pon o foco na nosa esencia e na nosa identidade colectiva".

As patacas da Ourada

Desa esencia forman parte tamén as patacas de Bergantiños ás que Suso Lista loa tamén na súa obra, e máis concretamente as cultivadas na Ourada (Ponteceso). En sinal de agradecemento a esa mención, Silvestre, un dos labregos que as cultiva e comercializa, agasallou ás persoas que mercaron un exemplar cun vale por un quilo das prezadas patacas.

Un xesto que agradeceu o escritor cormelán, quen tamén tivo verbas de agradecemento ao numeroso público que desafiu o calor para asistir á presentación, e a todos aqueles que fixeron posible que este novo libro vise a luz. A obra, publicada por Edicións Embora, xa está dispoñible nas librarías.

Ademais de novas presentacións, aínda non programadas, Suso Lista confirmou que participará na Feira do Libro da Coruña.

Tracking Pixel Contents