Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

CARBALLO

Alerta en Baldaio polo peche da canle da lagoa e o risco ecolóxico e económico

O Concello reclama a Patrimonio Natural unha intervención inmediata ante o bloqueo total da bocana desde maio

Luis Lamas, esquerda, e Daniel Pérez diante da bocana da lagoa de Baldaio.

Luis Lamas, esquerda, e Daniel Pérez diante da bocana da lagoa de Baldaio. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Carballo

O alcalde de Carballo, Daniel Pérez, e o concelleiro Luis Lamas volveron hoxe ao espazo natural de Baldaio para comprobar a gravidade da situación na que se atopa a lagoa. O Concello vén de reiterar, por vía oficial e urxente, unha petición á Dirección Xeral de Patrimonio Natural para que "actúe de inmediato ante o peche total da canle ao mar, que permanece bloqueada por mor da acumulación de sedimentos desde o pasado mes de maio".

Esta reclamación dá continuidade á comunicación que o concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Ángel Vales Mallo, xa trasladara en xuño ao Departamento Territorial da Coruña, "sen que ata o de agora se tomase ningunha determinación por parte do organismo autonómico competente", subliñan desde o Concello.

Un fenómeno recorrente

Durante a visita, os representantes municipais lembraron que "non se trata dun feito illado. O sistema costeiro de Baldaio amosa desde hai anos unha gran inestabilidade debido á dinámica da area na bocana, un fenómeno recorrente que xa obrigou a realizar intervencións mecánicas de emerxencia no pasado para reabrir a canle e evitar o colapso do ecosistema".

A última crise tivo lugar o ano pasado, e o sector marisqueiro da ría estaba xusto agora comezando a recuperarse dos seus efectos negativos. O executivo local insiste en que "non se pode permitir un novo retroceso na biodiversidade e na economía local por falta de axilidade institucional".

Impacto ecolóxico, económico e risco de inundacións

O taponamento impide o ciclo normal da auga intermareal, provocando un estancamento que acelera os procesos de eutrofización (proliferación de algas e falta de osíxeno) e a desalinización do espazo protexido.

O Concello alerta de que "as consecuencias poden ser múltiples e moi graves para o turismo, a saúde pública, a economía e a seguridade veciñal". Así, sinalan que o peche coincide coa tempada estival, afectando directamente á calidade das augas nun momento de máxima afluencia de bañistas e visitantes.

Unha ameaza para o marisqueo

Asemade, engaden, "pon en risco o sustento das familias que dependen directamente do marisqueo na ría, e o posible aumento do nivel da lagoa pola falta de saída ao mar supón unha ameaza directa se non se actúa antes das épocas de choiva, nas que se produciron anegamentos de viarios públicos e vivendas da contorna".

Por todo isto, o Concello de Carballo "esixe que a Dirección Xeral de Patrimonio Natural valore tecnicamente a situación de xeito inmediato e estude medidas duradeiras no tempo que restablezan o ciclo natural da lagoa, garantindo a súa conservación e a seguridade da veciñanza".

Tracking Pixel Contents